En febreiro o Entroido estivo moi animado. No
Salón Troche que daquela pertencía á Empresa Pereira tiveron lugar os días 26,
27 e 28 concorridos bailes amenizados pola brillante banda local baixo a batuta
do mestre Higinio Cambeses (que sería nomeado poucos días despois subdelegado
da Asociación de Bandas Civiles da
provincia da Coruña).
Curiosamente houbo premios para a máscara
máis fea e non para a máis bonita. Tamén tivo lugar a elección de Miss Órdenes. Segundo La
Voz de Galicia houbo unha moi longa deliberación do "competente
tribunal" debido á gran cantidade de "encantadoras señoritas"
que se presentaron. Finalmente a elixida foi a xentil e fermosísima Tilita Clotilde Viqueira, filla de Antón de Simón e irmá de Mundito, que tiña 16 primaveras
e que, tristemente, morrería só 12 anos despois.
En xuño El
Compostelano informaba das festas do Corazón Délfico que revestían
aínda maior solemnidade "debido a
los actuales tiempos en los que la fe brilla a porfía entre los elementos
católicos". Como sempre, estaban custeadas por Mercedes
Salgueiro García, muller de Manuel Álvarez (da farmacia de abaixo),
e as súas irmás políticas Antonia e Pilar Álvarez Valdés.
Acudiu o Padre Solana da entón disolta Compañía de
Xesús e o domingo 29 houbo a solemne misa oficiada por don Ramón Mosteiro* (que no pouco
tempo que levaba xa lle dera tempo de instalar luz eléctrica no templo). O
xesuíta deu un sermón titulado "Beati pauperes spíritu". Tamén cantou
o coro local reforzado por voces da capela da catedral. A procesión percorreu
as rúas sen incidentes desagradables estando as casas adornadas con flores para
a ocasión. Pola tarde houbo máis exercicios na igrexa e baile na alameda ata as
nove da noite.
* Ramón Mosteiro Ferro
Nacido en
Santiago en 1880. Foi ordenado presbítero en 1903 e ecónomo de San Pedro de
Nantón en 1905. Durante 23 anos ata máis ou menos 1930 foi párroco de San
Martiño de Meanos (Zas) e, ao final tamén era arcipreste de toda a diocese de
Céltigos. En 1930 marchou para Lousame.
En 1931 era sancristán maior da catedral
de Santiago, posto que deixou en 1933
para ser párroco de Ordes (tiña 53 anos). Veu en xuño e inmediatamente tamén
sería o arcipreste da diócese de Berreo.
En 1940 restaurou
a igrexa e impulsou a construción da nova reitoral. A súa actitude
intransixente durante a Guerra Civil gañoulle poucos afectos na vila, na que
estivo ata 1943, pouco antes de que viñera o seguinte párroco, don Joaquín Andrade Orza (1889-1984).
Morreu en decembro de 1960.
|
As festas patronais duraron do 12 ao 18 de
agosto. Comezaron co paso dos corredores da Volta Ciclista a Galicia. Varias
señoritas colocaron aos espectadores distintivos alegóricos á volta.
Tamén se celebrou unha gran feira de gando
con exposición de produtos agrícolas da zona e os seus derivados.
Ademais houbo as habituais funcións
relixiosas, verbenas, concertos, iluminacións, partidos de fútbol, carreiras de
bicicletas, bailes rexionais, velada teatral e excursión ao Bidueiro onde se
celebraban as merendiñas.
A música corría a cargo da Banda de Ordes,
agora baixo a batuta de Bernardo del Río, o novo director desde o mes de xuño.
As festas do Recreo celebráronse
os días 17 e 18 de setembro. A comisión estivo composta por Manuel Franqueira,
Ramón Abeijón, Ramón Prado, Manuel Vieites, José Ferreiro, Manuel Abey (?),
Pedro Graña, Pedro Pardo, Ramón del Río, Jesús del Río e Juan Liñares. Foron
amenizadas pola Banda de Arca, dirixida por Manuel Regueiro. Houbo de todo:
gaitas do país, xigantes e cabezudos, "sorprendente" iluminación eléctrica
e á veneciana, cucañas con valiosos premios e un "verdadero
derroche" de fogos de todas clases. Por suposto a función relixiosa tamén
foi moi concorrida debido á devoción que espertaba a Virxe de Lourdes entre os seus fieis.
Rematou a tempada de festas cunha chocolatada
con pastas e champán servida polo "acreditado" Bar Linares para
despedir á numerosa colonia foránea. A festa rematou cun baile ata altas horas
da noite e o desexo de que os distinguidos hóspedes volveran en anos sucesivos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario