O último terzo de 1922 foi unha época de gran efervescencia agrarista en Ordes (e en
toda Galicia, pero con especial incidencia na provincia da Coruña).
Unha das principais fontes de poder dos
caciques locais era que eles decidían "de facto" os impostos que
debía pagar o pobo. Se un campesiño non era do agrado do cacique vía como a
contía dos seus impostos aumentaba arbitrariamente.
Para tentar resolver este problema, o político
conservador Augusto González Besada
(galego e por tanto bo coñecedor do tema), ministro de Facenda en 1918, asinou ese
ano un decreto que pretendía combater eses privilexios no que entón se
denominaba "recaudación de
consumos".
Claro
que unha cousa é lexislar e outra que as leis se cumpran. Na maioría de lugares
(entre eles Ordes) o decreto foi burlado de diversas formas, converteuse en
papel mollado e a situación non variou para irritación crecente dos campesiños.
Pero non todo era igual exactamente que 10
anos atrás. Os labregos tiñan agora máis forza porque, ademais de intelectuais
de partidos minoritarios, contaban con moitos agraristas católicos que proviñan
de ámbitos próximos ao Partido Conservador e con xornais de certa importancia
como El
Noroeste ou El Ideal Gallego que defendían estas ideas e promovían e publicitaban
as protestas campesiñas.
A axitación comezou en setembro cunha
insólita manifestación de veciños en Ordes diante da Casa do Concello pedindo a
rebaixa dos gastos municipais e dos que o partido xudicial destiñaba ao cárcere.
Poucos días despois houbo incidentes en Olas (Mesía) onde os veciños se negaron
a pagar os impostos que lles correspondían e recibiron de forma hostil aos
funcionarios e aos gardas civís que os acompañaban.
O acto máis espectacular produciuse o xoves 5
de outubro: uns 800 campesiños da comarca apareceron na Coruña (algúns despois
de andar 8 e 9 horas) onde se manifestaron polas súas rúas máis céntricas
facendo oír a súa protesta.
El Ideal Gallego, que destacou a
orde e a mesura dos manifestantes, explicaba os seus argumentos: "No se oponen al pago de la cuota de
consumos, pues siempre han estado dispuestos a pagar lo que les corresponda, ni
hacen frente a la fuerza pública (siquiera haya habido algunas negativas u
oposiciones que el Juzgado militar tiene pendiente). Lo único que piden es que
Institutos tan beneméritos como el de la Guardia Civil no estén al servicio de
agentes, secretarios y alcaldes sin conciencia, para fines caciquiles y de
egoísmos personales o de tendenciosas y bastardas conveniencias políticas".
Encabezados por Salvador Sanz Martínez (concelleiro da cidade e membro da Asociación nacional católica de jóvenes de
La Coruña), foron recibidos polo delegado de Facenda e posteriormente polo
gobernador civil da Coruña. Aos dous lles leron e entregaron unha exposición
que detallaba os atropelos dos que crían ser obxecto e reclamaban
compensacións. Obviamente, os dous políticos tiveron boas palabras para eles e
o gobernador ata prometeu esixir responsabilidades a aqueles alcaldes que
abusasen da súa autoridade.
Claro que una cousa eran as palabras na
Coruña e outra os feitos en Ordes porque o propio xornal informaba que, como
represalia contra o párroco de Papucín, don Antonio Leiro Eiré, por acudir á manifestación, o
ex-secretario do Concello de Frades José Stolle García entrou na reitoral á forza e
levouse para Ordes o cabalo do sacerdote!
10 días despois, o domingo 15 de outubro de
1922 ás tres da tarde, tivo lugar nun piñeiral preto da vila de Ordes un mítin
católico agrario multitudinario. El Compostelano contou 5.000
asistentes (pero como na manifestación da Coruña os 800 asistentes de El
Ideal Gallego eran para el 2.000, temos que tomar esta cifra con moita
prevención).
Fixo a presentación dos oradores o
ex-deputado provincial Celestino Amigo.
Salvador Sanz Martínez, que estivera na
manifestación da Coruña, referiuse especialmente aos incidentes de Olas que
tiñan no cárcere da cidade a 7 mulleres presas en espera de xuízo militar.
O avogado de Betanzos Víctor Naveira Pato e o avogado
pontevedrés Ramón Salgado Pérez foron máis xenéricos, ao contrario que o catedrático
de veterinaria Jesús
Culebras que describiu minuciosamente o caciquismo ordense que
coñecía á perfección e que logrou as gargalladas dos oíntes. Alfonso de Cal,
redactor de El Noroeste, alabou a figura do cura de Papucín.
Jacobo Varela Menéndez, director de El Ideal Gallego e bo coñecedor do distrito por ter competido (con nulos resultados) contra Alfonso Senra nun
par de eleccións a Cortes, foi o segundo máis aplaudido. Centrouse no decreto de Besada
e os consumos, censurando as ilegalidades dos caciques.
Pero o público esperaba con afán ao orador
estelar, José Calvo Sotelo, un mozo de 29 anos, aínda con escasa bagaxe política, posto que só fora deputado polo Carballiño e gobernador civil de Valencia ese mesmo ano de 1922.
E non defraudou pois deulle ao público o que
este quería: foi convincente cando razoaba, agresivo cando mencionaba ao caciquismo
gassetista e emotivo falando das mulleres detidas ou recordando a Leonardo Rodríguez Díaz (un político amigo seu que morrera había un par de semanas). Un clamor de aplausos culminou o seu discurso.
Despois do mítin os asistentes fixeron unha intimidante
marcha pola vila que rematou sen máis incidentes que algúns insultos e
protestas diante da casa de Saturnino Aller.
Todas estas algaradas non variaron demasiado a situación. En novembro o comisionado de Facenda en Ordes, Sr. Ossorio, recibiu
queixas oficiais do veciño Juan Iglesias Rivas na súa oficina (por certo dita
oficina estaba nunha casa de Saturnino Aller), e outras protestas por irregularidades diversas continuaron
saíndo á luz pública intermitentemente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario