O ano 1935, como todos os daqueles tempos, foi pródigo en liortas e pelexas que traían graves consecuencias.
Ademais das inimizades persoais e as causadas pola política, os problemas de lindes e os tradicionais enfados entre mozos de distintas parroquias, un dos principais motivos eran as rivalidades amorosas. As mozas máis agraciadas tiñan un alto número de pretendentes e estes non sempre aceptaban de bo grado a elección feminina e buscaban vingarse do afortunado. A miúdo os mozos resentidos decidían aliviar as súas penas e ... que mellor maneira que dar solidariamente unha severa tunda ao elixido!
Así sucedeu en abril na Poza, parroquia de Mercurín. A Andrés del Río, de 26 anos, saíronlle ao paso os seus conveciños Miguel del Río, Valentín Gestal e Ricardo Bermudez, de 26, 17 e 19 anos respectivamente. Andrés recibiu unha enorme malleira que lle causou lesións de carácter grave.
En decembro sucedeu algo parecido con Antonio Ferreiro Juncal, da familia dos Ferreiros do Casal, que foi bourado a paus polos mozos Manuel Martínez García, José Areosa Bermúdez e os irmáns Manuel Andrés e Jesús Varela Regos.
Pero o suceso máis grave, con consecuencias fatais, tivo lugar o día 30 de setembro de 1935.
Manuel Sanjurjo Rivas, un mozo de Vilamaior que contaba entón só 23 anos, volvía dun baile acompañado da súa moza, Dolores Gaudeoso Souto, e unha amiga desta, Manuela Moar. No camiño esperaba por el a morte. Dous mozos empezaron a paus con el, ata deixalo no chan sen vida.
A Garda Civil de Ordes procedeu a levantar o cadaver e trasladalo ao cemiterio. Interrogadas as acompañantes de Manuel, declararon que non coñecían aos agresores. Obviamente era unha mentira. Por suposto que eran coñecidos por ela e polo morto. Novas investigacións deron froito rapidamente. Xurdiron os nomes de dous mozos da parroquia de Buscás: Antonio Villaverde Vázquez de 31 anos e José Villaverde Naveira de 29, veciño de Cernadas. Pronto foron detidos, así como as dúas mozas pola falsidade da súa declaración.
O xuízo debeu celebrarse en 1936, pero quedou opacado polos sucesos aínda máis graves dese ano e xa non atopei información sobre el.
Unha vez máis a comarca tinguiuse de sangue e houbo que lamentar unha nova vítima, froito daquela era de violencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario