viernes, 10 de mayo de 2019

Aló, aló

  En 1927 Ordes conseguiu un novo avance: o teléfono.
  Instalouse unha central telefónica na vila. Para os máis novos, naqueles tempos do cuplé aínda non se podía chamar dun teléfono a outro individualmente, había que comunicar cunha central telefónica onde unha operadora conectaba ao primeiro usuario con outro do mesmo lugar ou cunha central doutra cidade. Tamén se podía ir ata a central e chamar desde alí se non se dispoñía de teléfono propio (obviamente antes da instalación da central ningún veciño tiña teléfono). Por certo que, aínda que non debía, a operadora podía escoitar as conversacións dos clientes, o que facía este servizo non tan privado como (en teoría) é hoxe.

  A solemne inauguración tivo lugar o día grande (o 15 de agosto) das festas patronais. A ela acudiron o xefe-administrador do servizo telefónico interurbano da provincia Sr. Santos Blasco e o xefe da estación de Santiago don Ramiro Castro. Ambos os dous reuníronse na Casa do Concello co alcalde Manuel García Rivas á fronte da maioría da corporación, o xuíz de primeira instancia José Sánchez Guisande, o xuíz municipal Manuel Astray Mato, o notario César Antonio Sánchez Paniagua e outras personalidades como o secretario municipal, o rexistrador da propiedade, o xefe do posto da Garda Civil, comerciantes e industriais varios. Por suposto, non podía faltar o párroco don Nemesio Morgade, encargado do importante labor de bendicir as instalacións.
  Ás once a cívica procesión percorreu os escasos metros que separaban a Casa do Concello da de Ricardo Amor del Río* que se achaba xusto fronte á igrexa (hoxe no lugar está o Bar San Roque). Esta casa fora de Policarpo Rivas Godoy e herdouna a súa filla Adolfina, muller de Ricardo. Alí foi instalada a Central telefónica da que sería encargada a súa filla maior María Amor Rivas.

  Despois da inevitable bendición, o alcalde deu un discurso onde eloxiou o invento do teléfono e á Compañía Nacional de Teléfonos, o que obrigou ao señor Blasco a responder agradecendo os eloxios. O alcalde inaugurou o servizo enviando "telefonemas" (palabra que afortunadamente non se popularizou) a diversas personalidades como o presidente do Goberno! o director xeral de Comunicacións, o reitor da USC, o vigairo Capitular, algúns outros alcaldes e a varios xornais como El Eco de Santiago.
  Veu despois un espléndido xantar servido polo acreditado Bar Pedro e custeado pola compañía que prometeu que o servizo, que de momento estaba limitado ata as dez da noite, sería mellorado converténdoo en permanente se fose necesario.
  E así deu comezo a era da telefonía en Ordes.
 
* Ricardo Amor del Río: recadador de contribucións, pertencía a unha adiñeirada familia. Tiñan moitas terras ao sur da Fonte Estrei, tantas que o lugar era chamado o "Agro de Amor". Era un dos fillos menores do médico -e tamén alcalde e secretario municipal no século XIX- Jacobo Amor Labrada (m.1885) e Melchora del Río Liste (1914). Outros irmáns eran Clotilde (mestra casada con Francisco Gil Prieto), María (muller de Julio Pol), Ascensión (casada co médico de Trazo Joaquín Castro Amor), Generosa (muller do mestre Pedro Álvarez Villaverde), Eduardo (médico), Enrique (sacerdote), Jacobo (avogado que tamén foi concelleiro), Eliseo (celador de telégrafos), Vicente ...  
Ricardo casou en 1900 con Adolfina Rivas Durán (1873-1947), filla de Policarpo Rivas Godoy, coa que tivo dous fillos, Gabino (1906-1947) -que tamén sería recadador- e Manuel, e varias fillas que quedaron solteiras: Mª Carmen (1900-1990), Josefa (1902-1991), Maura (1903-1990) e Claudina Amor Rivas (m.1967). Elas fixéronse cargo do comercio de Ezequiel Astray, cando este morreu, e da Central telefónica. O herdeiro actual é Juan Manuel Amor Bouza, director durante moitos anos do colexio Galaxia de Santa Uxía de Ribeira.
 
  Unha anécdota: na época da fame había unha señora de Merelle moi relixiosa chamada Dominga a Freitosa. Sempre que volvía da misa aproveitaba para roubar algunhas verzas no Agro de Amor, cousa que non debía ir contra as súas crenzas, ou ben a fame apretaba o suficiente para esquecelas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario