Indubidablemente o feito máis destacado en
Ordes no ano 1922 foi a inauguración
da central que trouxo a luz eléctrica
á vila.
Os impulsores e principais investidores foron
os empresarios de transporte Julio Bruzos Varela
(propietario da compañía de autobuses "El Noroeste") e Evaristo Castromil Otero (autobuses
"Castromil"). Había ademais dous investidores locais: Juan Liñares
Iglesias, que tamén era xerente de "El Noroeste" e
José Mariño García.
A dirección técnica correu a cargo dos
enxeñeiros alemáns Otto Gerzen e Oscar Ebert que instalaron no que hoxe é a
parte leste da Rúa dos Lagartos a central eléctrica. Esta funcionaba grazas a
un motor alimentado por gas pobre (que
se obtiña facendo pasar alternativamente vapor de auga e aire sobre carbón incandescente).
Ao longo do ano instalouse tamén o tendido
eléctrico que provería á vila e construíuse unha maquía para aproveitar a
enerxía sobrante. Mentres, José Mariño
puxo a punto un bar (bastante fastoso en comparación coas tabernas existentes)
tamén na Rúa dos Lagartos (entón "Calle
Nueva") onde debía ter lugar o banquete de inauguración -e que logo
levaría o seu fillo Manolo-.
Paralelamente, sen relación con isto, aquel
ano José Romero Faya tamén inaugurou unha tablajería,
que era como entón se lles chamaba ás carnicerías.
O venres 17 de novembro de 1922 tivo lugar a cerimonia de
inauguración. O edificio e a maquinaria foron bendicidos por don Manuel Caeiro, cóengo da catedral. No
banquete que, ao final foi celebrado na casa dos Liñares, ocuparon a presidencia don Cándido García González (arcipreste da Catedral de Santiago e
secretario de Cámara do arcebispado) e o avogado da Compañía José Portal Fradejas que foron moi
aplaudidos nos brindes.
Juan Liñares foi o xerente da compañía que
tivo o nome provisional de "Electra
ordenense" (máis tarde sería "Eléctrica
de Órdenes"). O seu primeiro obxectivo foi promocionar o servizo tal
como recolle esta noticia aparecida en La Voz de Galicia do mes de
decembro:
El simpático don Juanito, como aquí se le conoce, gerente de la entidad
social, no perdona medio que conduzca al mejor éxito de la empresa y con tal
motivo, desde primero del próximo año, piensa extender su esfera de acción hasta
Santiago, de donde ya recibió encargos de moliendas importantes. Igualmente
está dispuesto a hacer gratuitamente las instalaciones eléctricas en los
domicilios pobres, a fin de que la luz luzca en los más modestos hogares.
Por último, hace constar que en la razón
social figura también don Bernardo Harguindey, de Santiago.
Seguindo esta política, dous anos despois, en outubro de 1924 fixo a
instalación eléctrica no cárcere. Non obstante os beneficios da empresa non
deberon ser demasiados porque en 1927 saiu a pública subasta.
Non logrou venderse, o que non fala moi ben
da súa rendabilidade, e en novembro de 1928 Juan Liñares cedeu a súa parte do
negocio a Julio Bruzos que quedou como único propietario (Castromil e Mariño xa
o deixaran case ao principio). Posteriormente comprouna Rodolfo Caamaño López que iniciou unha política de melloras e abaratou os prezos. Contou coa axuda do seu irmán Luis e do técnico Pedro Graña.
Finalmente a empresa remataría en mans de
Fernando Liste e, xa nos anos 50, sería absorbida por FENOSA.
No hay comentarios:
Publicar un comentario