Unha das institucións máis asociadas á
ditadura de Primo de Rivera foi o Somatén, pois só dous
días despois do golpe de estado o Directorio Militar promulgou un real decreto
polo que estendeu este corpo parapolicial catalán (de orixe medieval) a todo o
territorio español.
O
Somatén comezou a súa andadura en Ordes con notable impulso, sendo Julio Pol Caamaño o cabo do partido. En
setembro de 1924 había 353 homes
inscritos nos 8 concellos do partido xudicial (era o 4º corpo máis numeroso da
provincia detrás do da Coruña, Carballo e Ferrol e por diante do de Santiago) e
ese número aumentaría ata os 419 homes
en xaneiro de 1925 (sendo o 2º corpo máis numerosos só por detrás do da Coruña
que con moita máis poboación tiña 525 somatenistas).
A partir deste momento as cifras mantéñense
en Ordes, aínda que no conxunto de Galicia aínda subirán. Tres anos despois, en
xaneiro de 1928, Ordes ten 420
somatenistas (só un máis), pero a provincia da Coruña pasa dos 3.786 aos 4.110
membros. O Somatén de Ordes é o 3º máis numeroso detrás do da Coruña e
Betanzos.
En 1927 a visita dos reis a Galicia foi unha
oportunidade para que os somatenistas se mostraran ao público, así numerosas
delegacións achegáronse á cidade e desfilaron á vista dos monarcas.
Pero a
decadencia do réxime era evidente e iso afectou ao corpo que, despois do
encanto da novidade e a pesar das cifras, vivía momentos baixos.
Para levantar os ánimos, o xeneral José Riquelme (Comandante Xeral dos Somatenes), acompañado do seu asistente,
o comandante Francisco del Rosal, realizou unha xira pola VIII Rexión Militar -Galicia e naqueles tempos tamén Asturias-
onde visitou as cidades e vilas máis importantes. Despois da obrigada parada en
Santiago, viaxou a Coruña e tamén se detivo en Ordes.
Na vila foron recibidos polo tenente de
alcalde, o mestre Nicolás del Río, o xuíz de 1ª instancia José Sánchez Guisande, o propietario
Julio Pol
(nese momento subcabo do partido na súa última comparecencia como tal, pois
abandonou ese mesmo mes pola súa elevada idade -68 anos-), Ricardo Amor del Río (cabo do
distrito) e o seu irmán Jacobo (subcabo), o secretario municipal Antonio Louro,
os irmáns Manuel
e Ezequiel Astray Mato e os industriais Benito Regos e Manuel Vilariño.
Tamén había representantes do resto do
partido, aínda que moitos somatenistas tiveron que marchar porque o xeneral
chegou con atraso e eles tiñan que facer o longo camiño de volta a pé.
Por Frades e Mesía estaban os médicos
Francisco Liñares e Jesús Gómez Aparicio (cabo) e o subcabo Manuel Vaamonde
Fernández. Por Buján (Val do Dubra) o
alcalde Baldomero Amigo Bustelo (cabo) e o seu irmán Juan (subcabo). Por
Cerceda Antonio del Río Castro (subcabo). Por Oroso o alcalde Manuel Iglesias Romero (cabo). Por Trazo o mestre Manuel Bascoy Pereira (cabo). Por Tordoia o
secretario municipal José Maceira (cabo) e o comandante do posto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario