No ano 1934 a
principal noticia política en Galicia, ademais da celebración da 1ª edición do Mitin das Arengas, foi a integración da ORGA dentro
de Izquierda Republicana, xunto co
partido de Manuel Azaña (Acción Republicana) e o Partido Republicano Radical Socialista. En Ordes a consecuencia foi que Manuel García Gerpe, procedente da
ORGA, sería o líder do novo partido. O goberno de Antonio Concheiro atopaba cada vez máis contestación entre os mozos de esquerdas da vila e
os agrarios das parroquias. O que non cambiaba era o gusto polas festas (na
foto a concorrida romaría de Leira dese ano) e o alto número de liortas e actos
violentos varios. Tamén debemos destacar a aparición dunha taberna e ultramarinos que montou na antiga casa do alcalde García Rivas Ricardo Martínez Barros (1905-1975), un mozo de Vilacoba (Abegondo), casado con Mercedes Viqueira do lugar de Nogalláns en Trazo, así que o comercio levou o nome -cun pequeno erro ortográfico- de "Nogallás".
XANEIRO: Antonio Costa Muiño morto a paus en Xesteda na celebración do fin do Ano 1933. Nomeado
recadador de contribucións D. Manuel de Artaza. Antonia Prieto Paz mestra en
Ordes e Lisardo Castro Amor en Barbeiros.
FEBREIRO: Fai unha parada
en Ordes Gerardo Abad Conde. Jesús Lorenzo de Santiago fere na cabeza a Antonio Boquete Leira, 55
anos, de Ordes. Tamén o xornaleiro Jerónimo Figueiras Martínez agride e deixa
sen sentido en Vista Alegre ao veciño de Parada Manuel Remuiñán Figueiras. Envorca
un autobús preto do Mesón. Atacado con paos por varios mozos César Pol Crespo
cando viaxaba no seu coche pola estrada a Carballo. Morre en Mercurín Ramón Franqueira.
MARZO: Crime en Beán,
morre Pedro García de 25 anos.
Cencerrada letal en Ardemil: José Blanco Remuiñán, 44 anos, sae iracundo e
dispara contra os mozos que o molestan esa noite despois de casar, matando a
Manuel Sánchez Gómez de 16 anos. Morre no asilo Manuela Ríos Castelo aos 72
anos. Xubílase Manuel Abeijón Suárez como
alguacil do xulgado de Instrución. Nomeado fiscal municipal Manuel
Mariño Vilela.
ABRIL: Festa da Divina
Pastora en Pereira. A "Juventud
Católica" de Carballo ven representar unha obra teatral ao Salón
Troche. Juan Campos Fernández, anteriormente secretario en Trazo, nomeado
secretario do Concello de Ordes.
MAIO: Os socialistas, galeguistas e agraristas pretenden celebrar o 1º de maio pero o Concello non lles permite a propaganda nin o mitin púbico, así que ao final só fan unha festa popular e oen un discurso de Suárez Picallo. Xuízo contra
Francisco Fraga Juncal por homicidio. José Concheiro García (a ovella negra da familia) detido por furto ao Dr. Villar
Iglesias. Nomeado secretario do Concello o avogado madrileño Juan Campos Fernández que ocupará o posto ata a súa morte en 1939. Morreu Jesús Villaverde Mosquera de Leira aos 25 anos de idade.
XUÑO: Antonio García Varela, 37 anos, de Ordes, agride a 4 homes a
bastonazos en Santiago. José Franqueira Recouso veciño da Fraga da Galiña deu
varios estacazos na cabeza ao mozo Jesús Mariño Uzal (dos Mariños do Casal) que
tiña entón 22 anos e quedou grave pero sobreviviu. Ricardo Silveira Sánchez, 18
anos, de Leira lesiona ao veciño de Ardemil Ricardo Caamaño Lata. Antonio Noya
Villaverde de Gosende agride ao seu pai de 60 anos Manuel Noya Mosquera. Acaba
a carreira de mestre José Ramón del Río Barros, fillo do mestre don Nicolás del Río. Gabino
Amor Rivas auxiliar de recadador de contribucións.
XULLO: No monte do
Capizo foron mallados dous ladróns por varios veciños do Mesón que os
descubriron roubando. O muiñeiro de Leira José Graña Blanco de 34 anos causou graves
lesións ao seu veciño Jesús Pazos Juncal de 17. Un gamberro encheu de chatolas
a estrada preto de Ordes na carreira ciclista Santiago-Coruña. Morreu o día 21 Isabel Castro
Amor (1868-1934), mestra de Buscás desde 1904 e nai de Isabel, Antonio, Sara, Artemio, Celia e Manuel del Río Castro, familia con terras e casas preto da Fonte Estrei. En Albixoi tamén faleceu Manuela Fandiño, nai do empresario Pedro Pardo.
AGOSTO: O venres 10 pasa por Ordes Niceto Alcalá Zamora,
o presidente da República. Multados con 250 pesetas varios veciños de Céltigos
e Añá (Frades) por levar armas cando foron cacheados pola Garda Civil ao ir a
unha romaría en Xanceda. SETEMBRO: Oposicións a
unha praza de oficial da Corporación Municipal, con soldo de 2.000 pesetas
anuais, e outra para 2º oficial. Os irmáns José e Ricardo Bascoy Gómez déronlle unha malleira a Camilo Domínguez en Ardemil. Voda de Ricardo Couto Boquete de Leira con
Jesusa Carballido Franqueira. Morre o comerciante noiés Antonio
Amado, patriarca dos Amado, aos 65 anos e Ezequiel Astray, comerciante e perenne organizador das festas patronais.
OUTUBRO: En Campo,
parroquia de Marzoa (Oroso), Santiago Sánchez Jarazo, 16 anos, ferido accidentalmente
na cara dun disparo por Jacobo Rodríguez Pereiro.
NOVEMBRO: Jaime Concheiro
Iglesias licenciouse en dereito. Aprobado como oficial 2º do Concello Andrés Blanco del Río (casou con María Rey Veiras e foi pai de José Mª e Andrés Fernando Blanco Rey).
DECEMBRO: Faleceron
Manuel Fernández Bao aos 67 anos e Francisco Corbelle Liste de Montaos aos 77 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario