A
principios do século XIX Ordes enterraba aos seus mortos no adro da antiga igrexa de orixe medieval. Cando se construíu a actual igrexa, na década dos 70,
pasaron a efectuarse os enterros no adro desta. Pronto quedou pequeno. A
necesidade dun novo cemiterio era patente xa ao rematar o século XIX.
Pero aínda tiveron que pasar dúas décadas para ter un cemiterio lonxe da igrexa. A finais de 1918 creouse unha comisión formada polo sacerdote D. Nemesio Morgade, o alcalde Fernando Liste e Gumersindo Suárez para recadar fondos. Iniciou a subscrición Saturnino Aller con 200 pesetas e logo seguírono a maioría dos veciños, acadándose en poucas horas 2.600 pesetas. No ano 1919 o concello decide por fin que será
construído no norte da vila, na zona chamada "O Laranxal", terreos pertencentes á
familia Pol e onde eles tiñan un
cemiterio civil desde había tres décadas. O xuíz José Sánchez Guisande foi o
presidente da Xunta do Cemiterio que incluía ao sacerdote, alcalde e outras
personalidades.
En 1921 xa estaba comezado e, en xaneiro de 1922 efectuouse o primeiro enterro, o do poderoso Pedro Concheiro Rodríguez, pero
as obras continuaron. Nestes primeiros tempos tivo moito que ver Julio Pol Caamaño.
El foi quen, por exemplo, deseñou a capela que foi construída
en 1924 por Benito Alegre.
A zona noroeste quedou case exclusivamente
reservada aos nenos (os "anxeliños") pois a mortalidade infantil nesa época era altísima.
Debido ao nome dos terreos, "ir pró
Laranxal" converteuse nun sinónimo de falecer na linguaxe popular ordense
daqueles tempos.
Durante moitos anos houbo dúas tendencias: os
tradicionalistas que querían "volver á terra" e os modernos que preferían
os nichos. O meu bisavó Juan Ferreiro Franqueira, por exemplo, que era mestre
construtor e erixiu varios panteóns da zona norte, non quixo ningún para el e
pediu repousar baixo terra.
Na Guerra Civil parece que o muro norte
serviu de paredón.
No inicio dos anos 40 a parte norte estaba xa moi
ocupada e empezouse a usar a parte sur, zona que fora comprada arredor de 1940 a familias como
os Daniel, Ferreiro e Calvo, e que os mozos usaran ata entón como campo de
fútbol.
Nos anos 50, foi soterrado na
esquina sueste, totalmente apartado, un home que tivera unha relación
incestuosa. Co tempo o cemiterio foise enchendo e agora está xunto a todos os
demais. Sen dúbida a morte iguálanos a todos.
Nos anos 60, en 1965, viñeron os restos do Soldado Lois desde Cádiz e colocouse unha escultura do artista madrileño Fernández Navarro no muro norte.
Nos anos 90 construíuse o novo cemiterio pero seguiu habendo enterros no vello.
En outubro e novembro de 2018 cubríronse de formigón as rúas e colocáronse varios farois. Tamén se cambiou a antiga verxa de ferro da entrada por unha de aluminio.
Nos anos 60, en 1965, viñeron os restos do Soldado Lois desde Cádiz e colocouse unha escultura do artista madrileño Fernández Navarro no muro norte.
Nos anos 90 construíuse o novo cemiterio pero seguiu habendo enterros no vello.
En outubro e novembro de 2018 cubríronse de formigón as rúas e colocáronse varios farois. Tamén se cambiou a antiga verxa de ferro da entrada por unha de aluminio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario