viernes, 12 de octubre de 2018

Ensalada de asociacións

  A emigración galega a finais do século XIX e comezos do XX foi moi intensa. Os dous lugares preferidos foron, primeiro Cuba, e logo a República Arxentina (aínda que habería que precisar que máis ben Buenos Aires e a súa zona circundante incluída a cidade de Montevideo). Pronto estes emigrantes comezaron a organizarse en asociacións e mesmo chegaron a ter xornais propios, dos cales o máis difundido foi o Correo de Galicia (co subtítulo Órgano de la colectividad gallega de la República Argentina) do que foi director e propietario, na súa etapa máis coñecida, José Ramón Lence.


  O 8 de abril de 1922 dezaoito emigrantes da zona de Ordes reunidos no soto dun bar na céntrica Rúa Moreno crearon a súa propia organización que respondía ao longo nome de Sociedad pro instrucción laica y protección del partido de Órdenes. Na primeira directiva o presidente, vicepresidente e secretario foron respectivamente José Sanjurjo, Antonio Calviño e Isidro Martínez.

  Por se esta asociación non chegara, tres anos despois, o 1 de xullo de 1925, varios emigrantes tracenses (Esteban Iglesias, Benito Vieites, Domingo González, José Castiñeiras e Manuel Brea) crearon unha exclusiva cun nome aínda máis longo: Sociedad de Protección y Cultura de los residentes del Municipio de Trazo en Buenos Aires.
  Os fradenses non se quixeron quedar atrás e o 10 de xullo de 1926 crearon a súa propia (iso si, non se esforzaron tanto co nome) que se chamou Agrupación Instructiva de Frades. A súa primeira comisión estivo formada por Vicente Pardo, Policarpo Martínez, José Carro, Manuel Botana Otero e Eduardo Otero.
  E, loxicamente, despois dos de Frades seguiron os de Mesía que o 23 de outubro de 1926 crearon o Centro del Ayuntamiento de Mesía y sus confines Protección y Cultura en Buenos Aires. Algúns dos membros foron Manuel López, Pedro del Río, Manuel Andrade, Manuel Rico, Ángel Quindimil, Manuel Mosquera...

  Despois de varios anos de minifundismo (como se seguiran estando en Galicia) empezou a imperar a lóxica. En 1933 a asociación de Frades uniuse á de Ordes. Nesta etapa a sede estaba na Rúa México 1660 e houbo presidentes como Manuel López ou Policarpo Martínez.
 Continuou o achegamento e en 1939 as tres organizacións completaron a fusión. A asociación resultante pasou a chamarse nun primeiro momento Sociedad Unión del Partido Judicial de Órdenes, democrática y republicana, Cultural y Recreativa (nome que sen dúbida sería un pesadelo para o encargado de deseñar o logo). Pouco despois cambiouse ese nome polo máis curto Asociación Unión del Partido Judicial de Órdenes que sería definitivo.

  Xa neses tempos editaron unha revista con periodicidade anual que mesturaba información sobre as súas actividades con lembranzas da terra. Nas súas páxinas podíanse atopar poemas dos autores galegos máis representativos (Rosalía Castro, Curros Enríquez...), textos de diversos autores (Enrique Labarta, Joaquín Costa, Manuel García Gerpe...), debuxos de Castelao ou recensións xeográficas (tomadas de Carré Aldao) da comarca ordense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario