A familia Pardo procede do lugar da Torre na
parroquia de Albixoi
(Mesía). No século XIX viviu alí o matrimonio formado por Ramón Pardo Cao e Josefa Fandiño Rúa. Un dos seus fillos, Antonio Pardo Verea (1844-1921) casou con Manuela
Fandiño Rúa, irmá de Concepción, a nai dos Verea Fandiño. Este matrimonio tivo numerosos fillos e fillas como era común na época.
Catro deles emigraron a América: Pedro, José, Manuel e Ramón. Puido ser porque estivesen implicados nunha morte por unha liorta nunha romaría ou simplemente para non participar na guerra de Marrocos
O
segundo, José
Ramón (1889-1976), emigrou a Iquitos (perú), pero logo remataría na cidade
de Trinidad no estado de Beni en Bolivia. Alí, despois de facer a igrexa, dedicouse
á construción e tamén tivo un serradoiro. Casou con Velia Antelo Pinto coa que
tivo 5 fillos (Dora, Elsa, María Laida, Alcides e Enrique).
Manuel tamén
fixo vida e morreu en América. Ramón (que era unha boa peza) acabou en Cuba e
pediu cartos á casa para retornar pero gastounos e volveu a pedir máis. A súa nai
envioullos ao cónsul e pediulle que non llos dera senón que lle comprara o billete e o metera no barco.
Así se fixo pero na primeira escala que houbo nunha colonia británica alí quedou. De novo a súa nai mandou cartos,
esta vez ao cónsul inglés, e deu estrictas instruccións. Ramón viaxou noutro
barco, pero cando había escalas o capitán pechábao no camarote, e así por fin
logou regresar á casa.
Pero o que nos interesa é o maior, Pedro Pardo Fandiño (1887-1971), que tamén emigrou a Iquitos como o seu segundo irmán pero que retornou a Galicia. Instalouse en Ordes case fronte ao Mesón de Deus e foi un rico empresario de obra
civil. Facía estradas por toda Galicia e tiña numerosos empregados. Un deles
foi Ramón Carro Fernández, quen en
1940 deixaríao para montar a súa propia empresa, a futura CRC. A diferenza doutros personaxes adiñeirados da vila no se
implicou na política local.
Como era habitual Pedro casou cunha muller de
familia tamén rica, Josefa Villaverde
Mosquera (1891-1930), dos Villaverde
do Piñeiro. Con ela tivo 6 fillos: Ramona, Emilia, Manuel, Elvira, Pedro e
Jesús Álvaro Pardo Villaverde.
Ramona
(1914-1997), casou cun
tratante de gando nacido en Porzomillos (Oza dos Ríos), Antonio Vázquez Santiso o Lobo, que morreu con 42 anos. Con el tivo
dúas fillas, Mª Ángeles (1938-2006), que acabou vivindo en Alicante, e Emilia Vázquez Pardo (1940-2023) que foi mestra en Merelle durante moitos anos
e moi coñecida pola súa colaboración con Cáritas e coa Asociación
Española contra o Cancro.
Emilia (1917-1938) casou co mecánico Pedro Castro da familia chamada do
Ferreiro pero morreu moi nova aos 21 anos deixando unha única filla, Mª
Josefa (m.2021), que estudou e marchou aos Estados Unidos.
Manuel (1921-2001) fou funcionario da Xunta de Galicia en
Santiago. Viviu na Rúa Rosalía de Castro 136 e só tivo unha filla, Mª Josefa
Pardo Rey que casou cun empregado de RENFE.
Elvira -Viruca- (1923-2015)
casou cun veciño da porta, Antonio del Río,
sobriño de Pedro del Río, o dono do Mesón de Deus, co quen vivía. O matrimonio
tivo dous fillos: Marco Antonio e José Luis del Río Pardo.
Marco Antonio,
enxeñeiro técnico agrícola e propietario dunha empresa inmobiliaria xunto ao
irmán, é moi coñecido pola súa carreira política. Comezou na UCD durante a época de Antonio
Concheiro co que desempeñou o
cargo de tenente de alcalde. Foi logo cabeza de lista por Alianza Popular nas eleccións de 1983, que gañou con 8 concelleiros pero non logrou ser alcalde
porque unha alianza dos outros tres partidos deulle o bastón de mando a Manuel Viqueira. Desempeñou moito tempo a presidencia da Mancomunidade e a concellería de urbanismo co PP.
Finalmente en 1999 desavinzas co
alcalde Teodosio Martino provocaron
a súa retirada do partido e da política. Cesou a súa actividade despois de
sufrir un ictus. Está casado con Ana Mª González de Cangas de Narcea.
José Luis casou cunha filla do fogueteiro da Sionlla, Mª Elena Ferreiro.
Pedro (1925-1983) na súa mocidade foi protagonista dun accidente que case lle custa a vida. Baixou pola enton rúa General Mola nunha bicicleta a toda velocidade, cruzou a n-550 e foi chocar coa casa do médico Fernando Concheiro García, abríndose a cabeza. Por fortuna sobreviviu e chegou a converterse tamén el en médico. Rematou os seus días en Xixón. Casou dúas veces e tivo dous fillos. O maior, Pedro Luis Pardo Pemán, ten unha farmacia no Grove.
Jesús (1928-2014) emigrou a Venezuela, pero volveu de novo
e rematou por instalarse na Coruña. A súa segunda filla, Estrella Pardo, era bastante coñecida na cidade pois foi nos anos 70 a primeira Meiga Maior das
fogueiras de San Xoán, festa na que sempre colaborou activamente.
FONTE: Marco Antonio del Río.
Estimado Sr. Ferreiro,
ResponderEliminarMi nombre es Elena y en busca de mis antepasados he llegado a su blog. Usted cree que mi bisabuelo Angel Fandiño Rua, nacido entre los años 1855 - 1865, pueda ser hermano de Manuela y Concepcion Fandiño Rua ? Le agradeceria cualquier información que pudiese encontrar, perdone pero no hablo gallego, tengo que aprender.
Muchas gracias, un saludo
Perdone la tardanza en responder. En el "Boletín Oficial de la provincia de La Coruña" aparece nombrado en 1910 un tal Ángel Fandiño Rúa, vecino de Frades. Así que si creo que era hermano de Manuela y Concepción, pues no son dos apellidos tan comunes. Un saludo.
Eliminar