Segismundo Viqueira, coñecido na súa
xuventude como Segis, Mundo ou Mundito (este
último alcume foi o que perdurou), naceu en Ordes no ano 1911.
De familia acomodada, o seu pai era o comerciante
-e tamén banqueiro- Antonio Viqueira
Fuentes (Antón de Simón) e a súa nai Josefa Ramos Botana (1882-1955), dunha rica familia dos Ánxeles (Oroso), emparentada por matrimonio cos Stolle e Castro.
Tivo 4 irmáns: Arturo, Mª
Carmen, Mª del Olvido e Clotilde (esta última morreu moi nova aos 28 anos). A familia vivía no que hoxe é Alfonso Senra 123, a
única casa de dous pisos naquela época na vila, onde tiñan un ultramarinos no
que despachou durante moitísimos anos a entrañable Mariquiña (filla da tecelá de
Vilar e irmá do tamén moi coñecido sancristán Antonciño).
Na súa xuventude Mundito foi un gran
afeccionado ao deporte, sobre todo ao fútbol que practicou sendo pioneiro en
Ordes, xunto ao seu irmán Arturo e outros mozos de boa posición da vila como
Antonio Concheiro e Manuel Gª Gerpe. De feito el era unha das figuras daquel
primitivo Órdenes FC. Na súa madurez,
foi durante un tempo presidente do equipo e logo secretario técnico. Igualmente
gustáballe o ciclismo e, nos anos 30, foi presidente do comité local da Volta a
Galicia.
Doutra banda tamén participou en obras de teatro, comisións de festas e ata foi concelleiro durante un tempo.
Casou con Mª del Carmen Verea Fandiño (1916-2011) coa que tivo 9 fillos: Mª
del Carmen, Antonio Antón, Arturo, Segismundo
Segis, Álvaro (morto aos 9 meses), Mª José Teté, Clotilde Tilita,
Manuel e Luis Ángel Viqueira Verea.
Dos anos 30 aos 50 (ata a chegada da Caixa de
Aforros de Santiago) só había dous bancos na vila: o Banco de La Coruña (o primeiro que se instalou, en xaneiro de 1931)
e o Banco Pastor (que se instalou en setembro de 1931 e do que sería director
Manuel Concheiro García, Manuel de Carballo).
Mundito foi o director do primeiro e seguiu
unha política de risco: prestou grandes sumas de diñeiro aos veciños, en moitos
casos sen ningún tipo de aval, só confiando na boa vontade da xente, o que permitiu
a moitas familias pobres de Ordes saír de apuros ou montar pequenos negocios.
Iso gañoulle o cariño e o recoñecemento do pobo.
En 1970 o Banco de La Coruña foi absorbido
polo Banco de Bilbao (hoxe BBVA).
4 anos despois morreu Mundito, o 8 de marzo
de 1974, aos 62 anos de idade. O seu
enterro, un dos máis concorridos da comarca, foi unha enorme manifestación de
dó popular pois era unha persoa enormemente querida.
Das súas 3 fillas só Mª José (1950-2021) vivía en Ordes, a
maior, Mª Carmen, está en Coruña e a menor, Clotilde, é enfermeira en Santiago.
Dos seus fillos varóns, Antón (casado con Clara Rodríguez) e Arturo traballaron
con el no banco e xa faleceron. Segis, personaxe popular na vila, morreu con 41
anos a finais dos 80. Manuel Viqueira Verea, casado cunha moza de Pepín, Carmen Amor, é o máis coñecido da
familia por ter sido alcalde nos anos 80 e dirixente do PSOE durante moito
tempo. Luis está casado con Mª del Mar Recouso.
Pouco despois da morte de Mundito púxoselle o
seu nome a rúa que facía esquina co Banco de Bilbao. Antonio del Río Sánchez Somoza o Chulito e o seu irmán Emilio herdaron eses terreos dun tío avó seu (tamén propietario do Pazo de Marzoa) que morreu sen descendencia. Foron os que os venderon e abriron a rúa. Durante moito tempo estivo
sen pavimentar e sen recollida de lixo o que ocasionou numerosas protestas
veciñais. Tamén a dirección obrigatoria cara á rúa Alfonso Senra foi polémica.
Finalmente en agosto de 2002, despois dunha remodelación de máis de 66.000 euros,
converteuse na primeira rúa peonil da vila. Fíxose coincidir a inauguración
cunha homenaxe da corporación a Mundito (e tamén ao zapateiro e escritor Víctor González Faya, ao que se lle dedicou outra rúa) con recepción oficial ás
familias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario