Nicolás del Río naceu en Santiago o 1 de agosto de 1874. Era un dos sete fillos de José Ramón del Río Correa, xastre cortador no Hospicio Compostelán, e de Jacoba Castelo García, pais que lograron a base
de sacrificios que estudaran todos os seus fillos.
Nicolás cursou varios anos no
seminario, pero aínda que ao longo de toda a súa vida sería profundamente relixioso, non tiña vocación sacerdotal, así que abandonouno e comezou novos estudos na Facultade de Medicina. Tampouco lle gustou e deixouna a pesar do desgusto dos seus pais. Rematou por estudar Maxisterio que lle resultou moi doado e
realizou as prácticas docentes en Sada onde coñeceu á súa muller, Dolores Barros Barbeito, con quen tería 8 fillos
(máis 6, mortos prematuramente).
Pasou de Sada a Laza, que permutou por Cedeira. Alí botou un total de 18 anos (de 1898 a 1916). Nalgúns cursos
chegou a ter ata 100 rapaces. Para redondear o escaso soldo tiña que dar
pasantías. Coa intención de que os seus fillos tivesen a opción de estudar en
Santiago marchou de Cedeira e veu a Ordes.
En Ordes
botou dando clase 28 anos (de 1916 a
1944). Instalouse nunha casa na "Calle
Real" -onde hoxe está Gadis, pero máis lonxe da estrada- e comezou a dar clases de primaria nunha casa que hoxe é o edificio Nº 67 da Rúa Alfonso Senra. A esas clases engadía un lote de horas de pasantías. Polas súas mans pasaron varias xeracións
de varóns ordenses que sempre o recordaron con agarimo.
De paso tamén tivo tempo para ser concelleiro, tenente de alcalde, corresponsal en Ordes do xornal El Compostelano, militante na Unión Patriótica (o partido que apoiaba ao dictador Primo de Rivera) e, despois da guerra, ser inevitablemente xefe da Falange Tradicionalista y de las JONS en Ordes.
De paso tamén tivo tempo para ser concelleiro, tenente de alcalde, corresponsal en Ordes do xornal El Compostelano, militante na Unión Patriótica (o partido que apoiaba ao dictador Primo de Rivera) e, despois da guerra, ser inevitablemente xefe da Falange Tradicionalista y de las JONS en Ordes.
Desde a súa xubilación botou 4 anos máis na vila pero no verán de 1948 mudouse a
Sada, enfermo, para ser coidado por un fillo. Só viviu ata o 11 de setembro dese mesmo ano.
Don Nicolas foi o mestre máis notable que
tivo Ordes. Os seus ex-alumnos, encabezados por Manuel Astray Rivas, sempre lle quixeron render homenaxe. No ano 1979 lograron que a principal rúa do
barrio do Paraíso (onde están o CEIP Castelao e o IES Nº1) levase o nome do seu
admirado mestre. Tamén a vila de Cedeira o honrou poñendo o seu nome ao colexio de primaria.
A maioría dos seus fillos (Mª Carmen,
Dolores, Nicolás, José Ramón...) seguiron os seus pasos e foron mestres.
Quizais a de vida máis interesante foi Mª Carmen del Río
Barros (1901-2005) que naceu en Sada pero pasou a súa infancia en
Cedeira. Aos 14 anos rompeu unha cadeira, problema que a martirizou na vellez.
Chegou a Ordes con 15 anos e participou na vida local xunto a outras mozas da
boa sociedade. Cando se converteu en mestra comezou a súa vida laboral que
incluíu ser profesora do orfanato de Pontedeume e delegada da sección feminina
da Falange. Casou pero non tivo
fillos, cousa que non lamentaba polo temor a que herdaran a esquizofrenia do
seu marido (que morreu internado nun sanatorio mental). O seu último destino
foi o colexio da Silva. Logo residiu sempre na Coruña. A pesar dos seus achaques
chegou a centenaria.
FONTES: Obradoiro da Historia, El Compostelano, La Voz de Galicia.
* Non debemos confundir a Nicolás del
Río -mestre en Cedeira e Ordes- con Nicolás María del Río, un poderoso
banqueiro e navieiro coruñés, morto en 1892, que foi diputado polo distrito de
Ordes no periodo 1879-81.
No hay comentarios:
Publicar un comentario