A actual
rúa Rosalía de Castro é unha das máis antigas da vila pois ten a súa orixe en 1924,
cando era alcalde o farmacéutico Santiago del Río Seoane.
Santiago, aínda que forasteiro, tiña raíces
ordenses: era sobriño de Antonio del Río Castro, xefe político do distrito a finais do século XIX. Pola súa voda en
1912 con Josefina Carballido Pol herdou a farmacia de arriba á morte do seu
sogro José Carballido, e tamén era propietario de moito terreo na zona que
proviña da familia Pol.
Xunto con outro forasteiro, o procurador José García
Rivas (que o sucedería pouco despois na alcaldía), pagaron do seu
peto as expropiacións -claro que moitas pagáronas a si mesmos-. A explanación,
que tivo lugar en setembro de 1924, foi realizada polo lagoeiro Jesús Fernández.
Aínda que a rúa foi concibida antes do golpe
de estado de Primo de Rivera, fíxose xa cos militares mandando e tivo unha
importante participación nela o delegado gobernativo José Méndez García (que por suposto era militar -capitán de cabalería-). Como era
conveniente halagar ao réxime, recibiu o nome de "Calle del Directorio" (aludindo ao Directorio militar), que co tempo quedaría simplemente
en "Calle Directorio".
Non pode dicirse que tivese un éxito
inmediato. Máis de 30 anos despois, nunha foto aérea de 1956 podemos ver que
gran parte da rúa seguía sen vivendas.
A finais dos 80 cambiouse o seu nome polo da
escritora Rosalía de Castro. En 1996,
sufragadas pola Deputación de Coruña, tiveron lugar as obras de canalización,
iluminación e construción de novas beirarrúas que lle deron o seu aspecto
actual.
No hay comentarios:
Publicar un comentario