sábado, 16 de noviembre de 2019

1931: Amencer republicano

  1931 foi un moi mal ano para China que sufriu devastadoras inundacións. Máis de 4 millóns!!! de persoas morreron nelas desde xullo ata novembro. Por se iso fose pouco, Xapón invadiulle Manchuria.

  América e Europa seguían sufrindo as consecuencias do Crac de 1929, pero en Estados Unidos, aínda estando en crise, o presidente Herbert Hoover inaugura o Empire State Building (edificio máis alto do mundo naquel momento). 
  Alemaña, un dos países máis prexudicados pola depresión económica, chegaba nese ano a case 5 millóns de parados e continuaba o auxe do nacionalsocialismo. Tamén en Italia subía o fascismo a pesar da oposición do papa Pío XI. 
  Mentres, na banda oposta, a URSS continuaba profundando na súa organización comunista mobilizando aos campesiños para que traballasen dous meses gratis nos predios colectivos. Europa dirixíase lentamente ao desastre.

  Para España foi o ano en que se "deitou monárquica e espertou republicana", frase moi famosa pero non de todo certa. Sinxelamente a república era un ideal que estaba de moda e os partidos republicanos subíronse á onda e aproveitaron a desmoralización e desunión dos monárquicos.
  En febreiro Dámaso Berenguer dimitiu e foi substituído no goberno polo almirante Aznar. As eleccións municipais do 5 de abril en pequenas vilas foron moi negativas para os republicanos pero todo cambiou o día 12: gañaron en 41 capitais de provincia. Alfonso XIII, vendo o desánimo dos seus partidarios e da súa propia familia, marchou ao exilio. Dous días despois, o 14 de abril, sería proclamada a Segunda República española entre o fervor da gran maioría da poboación.


  Había que construír un novo réxime a todo correr así que as novas sucedéronse vertixinosamente.
  Nese mesmo mes de abril as primeiras decisións foron nomear directora xeral de prisións a Victoria Kent (avogada defensora dun dos acusados da revolta de Jaca), disolver as ordes militares e autorizar o uso do catalán nas escolas primarias de Cataluña.
  Maio comezou ben coa decisión de considerar elixibles ás mulleres pero dos días 11 ao 13 tivo lugar a queima de igrexas e conventos que prosperou grazas á inacción do goberno. A partir deste intre os católicos moderados comezaron a recear do novo réxime ao que xa eran hostís os máis radicais.
  O 28 de xuño tiveron lugar as primeiras eleccións xerais da época republicana nas que desapareceron os distritos e xa se votou por provincia (ou cidade de máis de 100.000 habitantes). Foron gañadas polo PSOE encabezado por Julián Besteiro.
  En xullo a folga revolucionaria dos sindicalistas de Sevilla obrigou ao goberno a declarar o estado de sitio. Os desesperados xornaleiros do campo andaluz serían outro dos factores de inestabilidade ese ano -Sucesos de Gilena (Sevilla)- e os seguintes.
  Concluíu ese excepcional ano co recoñecemento do sufraxio universal (incluíndo o voto feminino) e coa aprobación da Constitución republicana.

  En Galicia o feito máis notable foi a fundación en decembro do Partido Galeguista como froito da unión de distintos grupos: o Partido Nazonalista Republicán de Risco e Otero Pedrayo (circunscrito a Ourense ata aquel momento), o Partido Galeguista de Pontevedra (Castelao, Filgueira ...), as Irmandades da Coruña e varios grupos máis.

  En Ordes 1931 tamén foi un ano que desbordou de acontecementos.
XANEIRO: Foron detidos José Ríos del Río Gulo, Manuel López Fernández Tarulo e Juan Mosquera Baralo por diversos roubos e un atraco. Mª Carmen García Caramelo mestra interina en Trazo.
FEBREIRO: Problemas na constitución da Corporación municipal. En Montaos pelexan Manuel Carballido Noya e Benito Pena Martínez que acabou mancado na cabeza.
MARZO: Abre en Ordes unha sucursal do Banco de La Coruña. Ese mesmo ano tamén abriría unha sede o Banco Pastor. Clausuradas as escolas municipais por mor da gripe. Novo xefe da Garda Civil, o tenente Modesto Hein Giménez.
ABRIL: Eleccións municipais. Permitíronse máis candidatos que os que se votaron. Foron elixidos 18 concelleiros (14 liberais e 4 conservadores). Naceu Luis Astray.
MAIO: Accidente mortal nos traballos do ferrocarril (Manuel Santos Fernández de Rodís). Xira de propaganda da Alianza Republicana. Morre en Buscás Dolores Lata Ramos, muller de Antonio Moar Veiras, irmán do avogado Domingo Antonio.
XUÑO: Gerardo Abad Conde da un mitin en Ordes. Choques polas eleccións. Morre de nefrite con 45 anos Esperanza Troche Rivas, muller de Rafael Astray. Liorta en Barbeiros: José (21 anos) e Basilio Noya García (24) agrediron ao seu veciño Manuel Suárez Paz (40) ao que lle cortaron un dedo. Francisco Concheiro García (16) disparoulle un tiro -sen acerto- a José Liñares Rama.
XULLO: Voda de Gumersindo Liñares coa madrileña Valentina Martiáñez (serían os pais de Juanjo Linares).
AGOSTO: Festas patronais con partido entre o Celta de Rutis (Vilaboa) e o Órdenes FC. Bandas de música de Camboño (Lousame) e Corme. Raimundo López Franqueira de Oroso detido por atentado contra o secretario do seu concello. Nomeado carteiro de Leira Andrés Mosquera Brandariz o Cereiro co soldo anual de 365 pesetas. Morren Balbina Rodríguez Maroño, Carlos Sánchez Somoza Patiño e José Carnota Pérez (procurador e irmán de Vicente Carnota).
SETEMBRO: Inquietude nos traballadores do tren. Partido Órdenes FC – Sigüeiro cun resultado final de 5-2.
OUTUBRO: Falece o párroco Nemesio Morgade Portela. Javier Verea é nomeado xefe do cárcere. O representante por Ordes no Consello provincial do Partido Radical é Manuel Fernández Uzal (marido de Andrea Barreiro Uzal, filla do ex-alcalde Juan Barreiro). 
NOVEMBRO: Novo párroco: Manuel Vázquez Lens (Duraría menos de 3 meses). Mitin anarquista (Sindicato de peóns da CNT da Coruña) co orador Manuel Rodríguez Matos. Morreu en Poulo María Cancelada Villaverde aos 40 anos de idade.
DECEMBRO: O auto de Javier Verea atropelou a un veciño de Marantes. Morren Fernando Liste Caramelo, o pai de Fernanducho, e Josefa Ferreiro Moar (20 anos), esta última de tuberculose.

De propina unha tira cómica dese ano 1931 en "Vida Gallega".

No hay comentarios:

Publicar un comentario