Comparado con outros anos, 1935 non foi demasiado malo. Houbo momentos de respiro: nos USA Wallace Carothers creou o nailon abaratando as imprescindibles medias femininas, comezou a venderse cervexa enlatada en Virginia, apareceu a 20th Century Fox e a xente podía divertirse vendo a Fred Astaire e Ginger Rogers en "Top hat" ou aos irmáns Marx en "A night at the opera". E ata se patentou o Monopoly!
Por suposto Alemaña continuaba o
seu camiño cara a guerra e ese ano anexionou o Sarre, creou a Wehrmacht incumprindo
o Tratado de Versalles e promulgou unha lei que quitaba a nacionalidade aos
xudeus. Mentres o seu aliado Mussolini comezaba a guerra de Etiopía. En Asia
tampouco ían ben as cousas: Mao Zedong continuaba coa súa marcha mentres tropas
xaponesas entraban en Beijing.
España vivía a resaca da Revolución de Asturias. Seguiu habendo incidentes pero desde logo menos graves: en marzo
houbo unha liorta entre falanxistas e esquerdistas que rematou traxicamente en
Aznalcollar (Sevilla), en abril volveu a haber violentos enfrontamentos entre
campesiños de Lorca (Murcia) pola escaseza de auga e en maio en Málaga seguiron
as liortas con motivo da venda do xornal Patria. Ese
mesmo mes Alejandro Lerroux formou o seu quinto goberno. A CEDA obtivo cinco
carteiras e Gil-Robles foi nomeado ministro da Guerra. A esquerda foise
reorganizando e a finais do ano constituíuse a Fronte Popular liderada por
Manuel Azaña e formada por republicanos, socialistas, comunistas e
nacionalistas vascos.
Anecdoticamente en 1935 tivo lugar
a 1ª Volta ciclista a España e comezou a haber multas de tráfico.
En Galicia celebrouse a 2ª edición
do polémico Mitin das Arengas. Outra nova importante foi o inicio da construción de Lavacolla, o 1º aeroporto, que empezaría a funcionar xa en plena Guerra Civil.
En Ordes o alcalde Antonio Concheiro e a maioría
dos seus concelleiros adheríronse á CEDA mentres Manuel García Gerpe comezou a
organizar un "Bloque de la
Juventud" (republicanos, socialistas, galeguistas ...) para atacar o
férreo control da política municipal por parte da dereita. Ademais...
XANEIRO: A Deputación adxudica as
obras do camiño Ordes - Portomouro na sección Ordes - Ponte Chonia ao
contratista Manuel Baldomir Prego.
FEBREIRO: Consello de Guerra contra
o sindicalista agrario Heriberto Pérez Proenza, de 50 anos, por agresión á forza
armada do que saiu absolto. A Deputación aproba o proxecto do camiño Ordes - Pontecarreira.
MARZO: Segundo Ferreiro del Río, único
opositor para a praza de depositario dos fondos municipais con soldo anual de 1000 pts máis 250 de
gratificación. Voda do futuro alcalde Rafael Mariño Vilela con María Franqueira
Regos. A Agrupación Artística
Compostelana da unha representación no Teatro Troche. Breve parada na vila
do ministro de Mariña, o ordense Abad Conde.
ABRIL: Liorta entre os veciños de Ardemil
Jesús Bao Bello e Juan Couto Sanjurjo. Liorta na Poza en Mercurín da que saiu
malparado Andrés del Río Regueira, 26 anos, agredido por Ricardo Bermúdez Pena
(19), Valentín Gestal (17) e Miguel del Río (26). Liorta en Leira por un
aproveitamento de augas entre Andrés Mosquera e Manuel Vieites López que estaba
acompañado do seu fillo José Vieites. Juan Liñares Castro (futuro alcalde)
licénciase en Dereito.
MAIO: Manuel Concheiro, que era
codirector con Francisco Barreiro González, queda como único xerente da
sucursal do Banco Pastor en Ordes. Abelardo Cañedo absolto do delito de
incendio.
XUÑO: Morre o médico Luciano Romero
Quiroga, sogro do militar Arturo Pérez Loureiro. A Banda de Ordes toca en
Santiago nas festas da Costa Vella polo San Xoán.
XULLO: Excursión de escolares de Ordes á
Coruña. Morre o mestre da escola do Mesón do Vento Antonio Lesta Cernadas aos
25 anos de idade. Leonor Mareque Iglesias, de 35 anos, mordida nunha man pola
súa veciña do Recreo Carmen Vidal.
AGOSTO: Polémica pola falta de símbolos republicanos nas festas
patronais. Detidos José López Juncal, Manuel Fernández Rodríguez e Andrés Varela Regos por
facer disparos no medio dunha liorta nunha romería en Lesta. Traspasábase o
comercio de Ezequiel Astray (morto o ano anterior). Pedida de man de Sofía del Río Carballido para Jaime Concheiro. Morreu José Manteiga Mosquera en Poulo aos 65 anos e, no manicomio de Conxo, Carolina Castro Amor aos 53 anos.
SETEMBRO: 5 mulleres detidas na
feira de Ordes por pagar con moeda falsa. O avogado santiagués Juan Jesús
González volve a Ordes para dar unha conferencia sobre o dereito agrario da República en Galicia.
Unha excursión de notables polo trazado da liña férrea celebra un banquete -servido
pola "Fonda Mariño"- na estación da Pontraga.
OUTUBRO: Morre en Niveiro (Val do
Dubra) o ex-deputado provincial Celestino Amigo Oreiro. Choque de autobuses en Oroso, sendo un deles conducido por
Jesús Castro o Padre Benito. Morto a
estacazos o mozo de Vilamaior Manuel Sanjurjo Rivas de 23 anos. Carmen Mariño
Martínez golpea cunha pesa na cabeza a Manuel Botana. Xubílanse Juana Caramelo,
mestra de Poulo, e Francisca Platas Piñeiro, mestra de Montaos, despois de 40
anos de traballo. Manuel Raposo Barreiro e Francisco Patiño encargados de
cobrar o imposto sobre as cédulas personais pola vía de apremio en todo o
partido xudicial de Ordes.
NOVEMBRO: Voda do xastre Manuel Ponte con Mª Carmen Rivas. Manuel Moure e Manuel Ríos agriden ao carpinteiro
Laureano Vázquez Mandayo, de 28 anos, cunha fouce. Nomeado fiscal Manuel Calvo Pérez e suplente Jesús García Calvo. A Deputación concede 4.000 pesetas para
facer un lavadoiro en Ordes e encarga a Juan Liñares a inspección.
DECEMBRO: Constitúese o Grupo Galleguista en Ordes. Manuel Ares
Ríos dispara (sen darlle) a Manuel Castro Lavandeira nun baile. Antonio Ferreiro Juncal mallado a paus polos mozos Manuel Martínez García, José Areosa
Bermúdez e os irmáns Manuel Andrés e Jesús Varela Regos. Ao cura de Vilamaior, don Vicente Monteagudo, Ángel Viqueira e outro home roubáronlle carne de porco por valor de 100 pesetas. Morre o rico
propietario das Encrobas Manuel Ríos Barbeito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario