domingo, 13 de noviembre de 2022

Rafael Mariño Vilela

   A partir do ano 1944 a previsible victoria aliada fronte ao Eixo na 2ª Guerra Mundial foi un estímulo para os opositores ao rexime franquista. A Ordes tamén chegou esta corrente de esperanza de poder cambiar o Statu quo e varios esquerdistas botáronse ao monte. O alcalde, Rafael Mariño, tentou unha mediación que non chegou a bo porto.

  Rafael Mariño Vilela naceu en Ordes arredor do ano 1909. Foi o segundo dos 5 fillos do comerciante e empresario asentado na "Calle Nueva" (hoxe rúa dos Lagartos) José Mariño García (1880-1947) e da primeira muller deste, Soledad Vilela, filla dun dos xastres da vila. Era unha familia con posibles, pois durante os anos 20 José estaba entre os 10 maiores contribuíntes do concello.
  Tendo Rafael 8 anos, el e os seus irmáns sufriron unha dorosa perda: a súa nai morreu en 1918 a causa da epidemia de gripe española. O seu pai volvería a casar con Ramona Iglesias Noya, coa que tería 4 fillos máis.
  Sendo mozo estudou na escola de radiotelegrafistas de Madrid pero unha enfermidade acabou coa súa estancia alí. Tamén foi un experto electricista que axudaba coa iluminación eléctrica das festas.
  Estableceuse no que hoxe é o Recreo 24 e alí montou un comercio de ultramarinos e ferraxería. En marzo de 1935 casou con María Franqueira Regos (1911-1985), filla do tamén comerciante Manuel Franqueira Martínez Manolo da Ponte (1876-1961) e de Carmen Regos Caramelo. Con ela tería dous fillos: Rafael e Mari Carmen Mariño Franqueira.
  Paralelamente Rafael herdou do seu pai o interese pola política. Primeiro foi membro de Renovación Española, o partido de Calvo Sotelo, do que era un gran admirador, e logo integrouse na Falange.
  Esas simpatías ocasionáronlle moitos problemas durante o goberno da Fronte Popular. Ao principio da guerra agochouse tres meses en Carral, temendo pola súa vida. Tamén a súa muller levou os fillos a Buscás.
  Despois do Alzamento, ao revés doutros dereitistas, non participou na represión dos vencidos. Polo contrario, destacou protexendo dentro do posible aos seus veciños. En novembro de 1942 foi nomeado alcalde.
  Eran tempos moi duros pero aproveitou a súa amizade con Diego Salas Pombo, o xefe provincial da Falange da Coruña, para axudar aos veciños máis necesitados. Tamén logrou traer ás festas de 1943 e 1944 á Banda da Infantería de Mariña de Ferrol que era a maior atracción posible naquela época. O seu labor na alcaldía non foi do agrado de Antonio Concheiro e o seu círculo e tampouco de varios panadeiros que o criticaron. 
 
  E chegamos a finais de 1944 e principios de 1945. Rafael Mariño contactou con Manuel Ponte e propúxolle unha reunión na súa casa. Pretendía que os fuxidos renunciaran á loita naquel momento no que non estaban aínda acusados de delitos de sangue. Como acostuma suceder cando un segredo o coñece moita xente, houbo un chivatazo (o propio Ponte contouno nunha taberna de Pontecarreira). A Garda Civil, enterada da reunión, chegou á súa casa disparando, pero el non abriu a porta ata que todos os asistentes lograran escapar por onde puideron. Ata atoparon despois os gardas unha bomba sen detonar.
  Esa actuación custoulle por suposto a detención. Pasou un mes no cárcere de Santiago e outro no da Coruña e foi destituído da alcaldía, posto que recaería interinamente en Manuel Verea Remeseiro. Rafael tivo, iso si, a satisfacción de ver que varias persoas intercederon por el, o primeiro de todos o párroco don Joaquín Andrade, e sempre agradeceu o bo trato que lle mostrou o garda Quintela no seu traslado.
  Finalmente, grazas aos seus contactos, nin sequera foi procesado, pero no seu expediente constou sempre ese feito. Só debía presentarse no cuartel da Garda Civil en Ordes, pero non quixo e foi ao da Coruña (só dúas ou tres veces).
  Hoxe é inevitable pensar que podería ter sucedido se aquela reunión non fose interrompida, aínda que probablemente tampouco chegasen a un acordo. A realidade é que pouco tempo despois as súas previsións cumpríronse e todos aqueles guerrilleiros tiveron un tráxico final.
 
  Rafael Mariño deixou a política co orgullo de saír máis pobre do que entrou nela, e dedicouse só á familia e ao seu traballo que tamén incluíu logo organizar bailes no antigo Salón Troche, que colleu para poder cobrar unha débeda que tiñan con el Julián Marcos e Viriato o Vello. 
  Morreu o 18 de febreiro de 1983 e está soterrado no cemiterio do Piñeiro.

domingo, 6 de noviembre de 2022

Un paseo por Pereira

    No xornal La Voz de Galicia aparecen habitualmente uns artigos de Cristóbal Ramírez onde descobre lugares naturais pouco coñecidos e interesantes para percorrer a pé ou en bicicleta. Hai varios deles dedicados ao concello de Ordes. Este foi publicado o 20 de marzo de 2021.

  Carretera N-550 a A Coruña. Recta de llegada a Ordes. Bar Orense a la derecha. Y pegada a él arranca una pista ni ancha ni estrecha, con excelente firme descendente. Ese es el comienzo de una excursión por tierras de Ordes donde contagiarse del covid -sí, esto no ha terminado y no hay que bajar la guardia- semeja imposible. Aire libre, naturaleza, historia y patrimonio.
  En fin, se alcanza una vega muy fértil y relajante, regada por el río Fraga (a algo menos de un kilómetro), y se siguen otros 1.400 metros en suave ascenso -ojo a una magnífica casa de piedra a la derecha- para llegar a un cruce. Ahí a la izquierda ya hay un espacio muy amplio, cercado, para que los más pequeños correteen un rato y, de paso, admiren un original y notable ejemplar de cruceiro. Al otro lado queda la iglesia de Santa Eulalia de Pereira, de tamaño respetable, finalizada cuando remataba 1890, según explica una larga inscripción en su sobria fachada. A pesar de su evidente modernidad, los cuatro contrafuertes le dan una imagen más antigua.
 
 
  Una vez hecha la parada, de frente, descendiendo. Medio kilómetro más adelante aparece una amplia área con barbacoas, mesas y bancos. Quizás precise un corte de hierba, pero el verano aún no llegó.
  Y 50 metros después se cruza el Rego da Ponte. O para ser más exactos, no se cruza. Se aparca el coche y se desciende hasta el agua para ver el puente medieval de Pereira, descrito en más de una ocasión por peregrinos que recorrían el Camino Inglés. Porque en efecto, a partir de ahí se sigue esa ruta jacobea. Pero en fin, uno piensa en quién fue el chapuzas que permitió que el puente nuevo esté prácticamente encima del que suma varios cientos de años, en una muestra de evidente desprecio por la historia de este país. Y desde luego, cómo la Dirección Xeral de Patrimonio lo consintió.
 
 
  Dos centenares de metros más allá un mojón invita a desviarse por pista más estrecha a la diestra, y a los 500 metros -ojo al precioso bosque de la izquierda- un segundo mojón obliga a aparcar y andar. Y ante los ojos, un largo tramo medieval que ha desaparecido como tal entre ese principio y el fin. O sea, cuando discurre entre la repoblación de pinos.
  Ese aroma medieval se vuelve a respirar al ascender tras la pequeña corriente y ganar la pequeña aldea de As Carrás (ojo a la casa con horno) y subir 450 metros por una congostra impresionante. Al llegar a arriba de todo se pisa el ayuntamiento de Oroso. Y todo ello, muy accesible para los más pequeños de la familia.
  Para no tener que desandar lo andado hay una solución: seguir el Camino Inglés diez minutos, hasta la parada de bus de Baxoia, y que alguien del grupo no haya puesto un pie delante del otro sino que con el coche se hubiera dirigido a Santiago y en Deixebre se desviara a la izquierda, bordeando la gasolinera, y siguiera todo recto: dará en Baxoia, justo en la parada de bus.
Cristóbal Ramírez 
COMIENZO: Bar Orense 43°03’28’’ N 8°24’56’’ W
LA AVENTURA: Explorar el bosque medieval.
LA FOTO MÁS PERSONAL: En el puente Pereira. 
EL PASADO: El puente y el tramo medieval vieron pasar a la primera inglesa peregrina de la que hay noticia, Margery Kempe, en 1417.

martes, 1 de noviembre de 2022

A familia Areoso (Gorita)

  Segundo o ILG o apelido Areoso (moitas veces pronunciado "Arioso") é moi pouco frecuente, apenas 94 portadores en Galicia, dos que 57 están en Ordes, 14 na Coruña, outros 14 en Tordoia e Cerceda e 9 en Santiago. Obviamente debeu nacer no concello de Ordes e probablemente teña unha orixe toponímica ou unha relación co traballo da construción. 
  A familia máis numerosa estaba establecida a principios do século XX na Gorita (Buscás) onde tiñan un parada cun boi (un touro semental). Alí viviu o matrimonio formado por Ramón Areoso Golán (1895-1966) e Josefa Noya Uzal (1899-1982), filla de Benito Noya Sanjurjo (n.1844) e de María Uzal Manteiga (n.1856). A parella tivo 9 fillos: Manuel, Jesús, José, Avelino, Severino, Antonio, Marina, María e Ramiro Areoso Noya.
 
  Manuel, o fillo maior, casou con Elisa Roca Santomil en Santomil, Laraño. Tiveron dous fillos, Manuel, mecánico en Talleres Roca da Avenida de Lugo en Santiago, e José.

Jesús Areoso Noya
(1922-2008), canteiro de oficio, casou con Concha Fernández dos Fernandez das Casillas coa que tivo dous fillos. Emigraron a Brasil nos anos 50.
José (1924-2002) Tivo unha filla con Jesusa do Xestal dos Murís pero casou con María Villaverde dos Villaverde do Piñeiro, lugar onde viviron. Tiveron unha única filla, Mari Carmen Areoso que estudou maxisterio e foi moi coñecida porque organizou durante varios anos as festas do Piñeiro.
 
Avelino (1925-2014) casou con María Teresa Santos Mouriño (1930-2025) coa que tivo unha filla, Pilar, que casou con Carlos Espiñeira López da familia dos de Ignacio. Pasou os seus últimos anos en Vigo.
Severino Areoso Noya (1929-2011) foi o de vida máis interesante. Tamén tivo unha filla antes do matrimonio cunha das Laghorcias de Reboredo, pero logo casou con Josefa Villaverde (irmá da súa cuñada María). Emigraron a Brasil nos anos 50 e alí viviron cos fillos. Logo el volveu para vender algunhas propiedades e xa non regresou, iniciando unha relación con Manuela Veiras.
 
Domingo Antonio (1930-2021) casou con Carmen Martínez (m.2023), unha filla de Lelico, coa que viviu no Piñeiro e coa que tivo 3 fillas: Josefa, Mª del Mar e Chus. Esta última casou con Alberto, fillo do construtor José Moar Figueira (1947-2022).
Manuela Marina Areoso Noya (1931-2019) tivo un fillo de solteira co famoso gaiteiro Flor da Maquía. Casaría logo con Jesús Sánchez co que tería outros dous fillos: José Ramón e Mari Carmen. JR estivo casado coa segunda das fillas de Jesús Losada Prado Renfe (1931-1988), Mª Elena Losada (1960-1996) que morreu moi nova. Logo iniciaría unha relación con Ana Pereira.
María, coñecida como Maruja, casou con Manuel Barreiro Loureiro (1922-2014) co que viviu na Coruña.
Ramiro Areoso Noya (1935-2017) casou para Leira con Isabel Rodríguez, coa que tivo unha filla tamén chamada Isabel.
 

  No Balado tamén houbo Areosos. José Areoso Golán (1888-1961), que non sei se era irmán de Ramón, casou coa filla maior de Ghorecho de Vilaverde, María Villaverde Veiras (1892-1974), e tiveron tres fillos: Jesús Areoso Villaverde (1927-2002) que foi capataz de legoeiros e acabou vivindo na Coruña, Jesusa (1932-2020) que casou con Manuel García Varela e foi nai do actor Manuel José García Areoso e de Ismael José, e a profesora do Instituto San Clemente Mª del Carmen Areoso Villaverde (1933-2019) casada co veterinario Vicente Fojo Salgueiro.
  Irmá de José era Manuela Areoso Golán (1895-1962) que ao casar con Juan Liste Castro (1880-1964) converteuse na matriarca da familia Liste -os de Gholán do Balado-.
  Tamén houbo Areosos en Merelle, por exemplo Felisa e Antonio Areoso Vieites o Churrero (1904-1977) -fronte ao Mesón de Deus-. Este casou con Carmen Bello Uzal e foron pais do contratista José Areoso Bello, quizais o Areoso máis coñecido na actualidade.
  Non sei se foi irmán dos anteriores pero houbo un José Areoso Vieites (nado arredor de 1891), veciño do Bidueiro, que foi militante do Partido Galeguista e síndico no goberno municipal da Frente Popular. Xulgado en Compostela por rebelión, sería condenado a cadea perpétua e posteriormente liberado.
  Máis ao norte, en Merelle 23 viviu José Areoso Martínez (1903-1967), pai de Manuel (1932-1992) e Asunción Areoso Ríos, muller de Matías Grela Graña.,
  Na parroquia de Lesta, no Camiño, quizais procedente de Merelle estableceuse Pedro Areoso Pena (1880-1963) que chegou a ser concelleiro en 1923. Casado con Generosa Bermúdez, tiveron 6 fillos: Manuel (1901-1988), María, Francisca, Josefa, Jesusa e José. Este último, José Areoso Bermúdez (1916-2004), casado con Jesusa Ríos Grela, foi o patriarca dos Areoso Ríos de Vilartarreo na parroquia de Santaia de Gorgullos (Tordoia). 
  Agradecementos a Guillermo Mariño pola información sobre os emigrantes a Brasil e a Manuel Areoso. 

miércoles, 26 de octubre de 2022

Renda da Comarca en 2020

 
   No ano 2020 Oleiros seguía sendo o municipio máis rico de Galicia, cunha media de 16.403 euros, menos que os 16.447 de 2019, o que significaba o primeiro descenso en 5 anos. Seguíano outros tres concellos da provincia da Coruña. Eran As Pontes (15.482 euros por veciño), Santiago (14.649) e A Coruña (14.590). Todos, no seu caso, aumentando a renda per cápita respecto ao ano anterior, especialmente As Pontes con 421 euros máis, fronte aos 145 e 55 de Santiago e A Coruña. 
  Non había cambios na parte superior da lista. Os dez concellos máis ricos de 2019 tamén o eran no 2020 e, agás Oleiros, todos aumentarondo a renda. Os que máis subiran eran Parada de Sil (13.517) e Nigrán (13.533), que melloraron 442 e 433 euros respectivamente en relación cos datos do 2019. 
  Do resto das cidades galegas, Vigo era a terceira máis rica, con 13.163 euros anuais. A cuarta era Ferrol (13.115) e a quinta, Pontevedra (13.047). Á cola estaban Ourense e Lugo, con 13.036 e 12.992 euros respectivamente. Con todo, ningunha era a primeira da provincia. Cervo con 14.287 euros era o concello máis rico de Lugo, Nigrán (13.533) era o de Pontevedra e Parada de Sil (13.517) o de Ourense. 
  Respecto a as medias provinciais, A Coruña ingresaba 12.841 euros ao ano por habitante, de modo que era a única galega na metade alta de todas as provincias españolas. Na outra zona, aínda que moi próximas á media, estaban as de Lugo (12.021), Ourense (11.937) e Pontevedra (11.881).

  A renda dos concellos máis ricos duplicaba a dos pobres: Avión (Ourense) con 7.565 euros por cabeza era a último de Galicia a pesar de sumar 31 euros con respecto a 2019. Seguían Beariz (9.062 euros per cápita), A Lama (9.152), Fisterra (9.224) e Boborás (9.299).
  Tampouco había cambios na zona baixa e os dez concellos que no 2019 ocupaban os últimos postos mantíñanse na mesma posición, seis deles aumentando a súa renda.
 Triacastela (9.519 euros) foi o concello que máis renda perdeu (185 €) respecto a 2019, mentres que o que máis variou positivamente foi Boborás con 415 euros máis que no 2019.
  En comparación co resto de España, case o 70 % das localidades galegas situábanse por baixo da media, entre os municipios pobres.
 
 
  A comarca de Ordes tamén estaba na zona baixa, cousa que podedes ver observando o mapa de Galicia. As cantidades exactas aparecen no segundo mapa.
  Non podo deixar de comentar que algúns datos sorprendéronme bastante. Por exemplo, que a renda de Ordes fose inferior á de Trazo, Tordoia e Frades, ou que a renda da zona centro de Ordes que inclúe á parroquia de Ordes fose inferior á occidental e oriental. E xa me deixou totalmente abraiado que a renda do distrito occidental de Oroso, que inclúe a vila de Sigüeiro, fóra inferior á do distrito oriental. Pero datos son datos e aquí quedan expostos.

domingo, 23 de octubre de 2022

O ano 1945

 
  1945 será sempre lembrado cunha mestura de alegría e de tristeza porque se ben foi o ano en que acabou a 2ª GM, tamén foi no que se sufriu por primeira vez o terror atómico.
 O día 8 de maio Alemaña rendeuse incondicionalmente despois de sufrir copiosos bombardeos. Nos catro meses anteriores foron "liberados" polos soviéticos países como Polonia, Hungría ou Checoslovaquia, mentres as tropas aliadas avanzaban polo oeste e o sur cara a Berlín, liberando Francia e Italia, onde Mussolini achou a morte a mans de partisanos antifascistas.
  A guerra prolongouse uns tres meses máis en Asia custando miles de vidas ata que o 6 e o 9 de agosto os americanos lanzaron dúas bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki respectivamente (aínda que a primeira explosión nuclear fora o 16 de xullo en Alamogordo, Novo México). Xapón asinaría a acta de rendición o 2 de setembro.
  Chegou a paz pero sentáronse as bases para a guerra fría. En Europa os países do leste quedaron baixo a órbita soviética e no Pacífico tamén ocuparon Corea do Norte, mentres Hồ Chí Minh tomou posesión de Hanoi, independizándose de Francia. Máis ao sur Indonesia liberouse dos holandeses, sendo Sukarno o seu primeiro presidente.
  1945 ademais foi o ano da creación da ONU (en outubro) e da voda de Juan Domingo Perón coa carismática Evita. Ah, e tamén foi o ano en que desapareceron 5 avións da mariña dos USA no logo famosísimo "Triángulo das Bermudas".
 

  En España a inminencia da vitoria aliada supuxo un enorme problema para o réxime franquista, dado o seu pasado apoio ás potencias do Eixo. Unha forma de tentar capear o temporal foi minimizar o legado fascista e centrarse no anticomunismo. Así, cando en febreiro -mesmo mes que se creou o monopolio de Tabacalera- tivo lugar un atentado comunista nunha subdelegación da Falange en Cuatro Caminos, en lugar de ocultalo como era habitual, soubo aproveitar ao seu favor a crueldade dos dous asasinatos e organizou unha enorme manifestación de repulsa (300.000 persoas nunha cidade de apenas un millón).
  En marzo D. Juan de Borbón publicou o Manifesto de Lausana, rompendo co Réxime e pedindo unha monarquía liberal, pero en España os monárquicos opostos a Franco eran moi poucos, especialmente no exército.
  O 18 de xullo formouse o Quinto Goberno (1945-1951) de Franco coa incorporación do católico Alberto Martín Artajo como ministro de Asuntos Exteriores para resaltar o cambio de imaxe do franquismo. O mes seguinte en México capital constituíuse o Goberno Español no exilio, presidido por José Giral, que rapidamente foi recoñecido como lexítimo por México e os países comunistas, pero que non logrou o apoio das potencias occidentais.
  O Réxime continuou "moderándose": en xullo aprobou o "Fuero de los Españoles" e en outubro decretou un indulto para os condenados á morte por rebelión militar e aprobou a Ley de Referéndum para consultar directamente ao pobo asuntos de especial transcendencia (obviamente os dous referendos que se fixeron no franquismo -1947 e 1967- careceron de calquera tipo de credibilidade).
  Foi un ano de gran seca e as malas colleitas notaríanse ao ano seguinte.
 A nivel cultural 1945 empezou co primeiro Premio Nadal a Carmen Laforet pola súa novela "Nada" e rematou coa estrea da gran película "Los últimos de Filipinas". Ese ano o ponteareán Delio Rodríguez gañou a volta ciclista.
  En Galicia os galeguistas editaron "Roteiros" en maio e continuaba actuando a resistencia antifranquista. A acción máis destacada foi un tiroteo en Valdeorras onde morreron catro gardas civís e un guerrilleiro en xullo. Un mes despois outro tiroteo en Budiño (Pontevedra) rematou con dous guerrilleiros mortos. En decembro chegaron novos cadros do PCE e Radio Pirenaica comezou a emisión do programa "De Ribadeo a Tui".
 
  E en Ordes? Pois a principal noticia foi a destitución de Rafael Mariño do seu posto de alcalde por ter organizado unha reunión cos fuxidos ao monte, tentando unha mediación.
XANEIRO: Morte de Francisco Eiras Sampedro, mestre de 31 anos que levaba só catro meses en Ordes. Veu para substituílo Manuel Picallo Ameijeiras (1920-2005) que casaría e se establecería na vila. Morreu en Poulo Andrés Figueira Varela aos 84 anos.
FEBREIRO: Cando ía á feira do Mesón foi morto a paus en Vilar (Mercurín) Manuel Martínez Boquete, en vinganza pola súa implicación nos paseos despois do Alzamento. Aos 75 anos morreu Josefa Boquete Bello en Lesta e aos 79 anos Fernando Mira Berdomás en Beán.
MARZO: Repartiuse un millón de pesetas entre os obreiros agrícolas subvencionados nun acto nacionalsindicalista. Inauguración da policlínica "18 de junio" da Obra Sindical na entón Calle Calvo Sotelo (Lagartos) preto do cruce. Ángel Villaverde Bello Ángelito de Monteiro (Arxentina 1918), expedientado en 1939 por simpatías esquerdistas, logrou o libre acceso aos seus bens. O día 16 naceu o futuro escritor Euloxio Rodíguez Ruibal. O día 3 faleceu o comerciante Manuel Barreiro Uzal. Tamén morreron o oficial do concello Laureano Iglesias García (pai do funcionario de igual nome), Manuela Sánchez Platas aos 78 anos en Poulo, Antonio Gómez Vázquez aos 85 anos en Leira, e o traballador ferroviario Claudio García, este último en accidente laboral na estación da Pontraga.
ABRIL: Jesús Iglesias Manteiga Jesús das Corredoiras condenado por venda clandestina de explosivos o ano anterior. Morreron José Amor Santos do Canedo aos 63 anos e Josefa Recouso Calvo (1861-1945), viúva de José Conde Barreiro e matriarca dos Condes do Bidueiro.
MAIO: Restriccións de electricidade. Abatido en Queis o guerrilleiro Manuel del Río Botana, natural de Sar. Faleceu na súa casa de Bama (Touro) o párroco de Beán don Pedro Fernández Otero.
XUÑO: Enfermo o párroco de Ardemil don Manuel García Castro.
XULLO: Morreu María Castro Ferreiro, muller de José González Faya, fillo do Capitán. Tamén faleceron en Montaos o capataz de legoeiros Andrés Candal Mosquera e en Poulo a moza de 17 anos Elisa García Candamio. En Ardemil unha discusión por lindes remata coa morte de Antonio Noya Louro.
AGOSTO: Descarrilou un tren na Pontraga e estivo o tráfico cortado varias horas. Mercedes Mosquera Ascart destinada como mestra a Leira. Antonio Nouche Costa* desertou do exército e botouse ao monte. Morreron en Meitufe Dolores Gestal Gestal aos 23 anos e Ambrosio Álvarez Boga aos 71 anos, e en Vilamaior Leonor Sánchez Monteagudo con só 23 anos.
SETEMBRO: Morreu aos 76 anos Ramón Faya Fernández, dono da fábrica de curtidos.
OUTUBRO: Alcalde Manuel Verea. Mes fatídico: Morreron Clotilde Viqueira Ramos Tilita, irmá de Mundito e Miss Órdenes en 1933, o avogado Jaime Concheiro Iglesias con 39 anos, apenas tres días depois a súa nai Asunción Iglesias Rápela con 66, e o día 19 en Leira Ramona Cadaveira Folla (1875-1945), viúva de Pedro Liñares. Tamén morreu en Santiago Carlos Otero Ulloa, recadador de contribucións na 2ª zona de Ordes. Naceu Carlos Mariño Veiras. Marchou para Vigo o xuíz de instrución  Fernando Roldán Martínez Bolaño. Pasou a Volta a Galicia por Ordes, onde había unha meta voante con 50 pesetas de premio que gañou Emilio Rodríguez, irmán do gran Delio. 1º Concurso de Calidade de Patacas dotado con 965 pesetas en premios.
NOVEMBRO: Bautizo de Mª Elena Concheiro Nine. Morreu aos 45 anos Manuel Souto Vázquez de Parada.
DECEMBRO: Voda na igrexa parroquial do tenente do Rexemento de Isabel a Católica Arturo Giner Escribano con Mary Moreno Moreno, filla do xefe da estación ferroviaria de Ordes, Lázaro Moreno. Novo accidente na estación da Pontraga, sen vítimas. Suicidio do sarxento da Garda Civil e comandante do posto de Ordes Andrés Cuesta Antón con 44 anos. Faleceu o día 31 en Mercurín José Martínez Cancelada aos 66 anos.
 
 * Antonio Nouche Costa (1924-1948) naceu en Bouzalonga, Deixebre (Oroso). Era fillo de Jesús Nouche García (n.1883) e de Dolores Costa Liste (n.1889). En 1945, estando no servizo militar no Batallón de Transmisións na Coruña recibiu un permiso en agosto. O día 17 decidiu non reincorporarse e botouse ao monte. Iso custoulle o desterro a Soria a tres irmás (María, Isolina e Dolores). Tamén houbo desterro para a súa cuñada e unha irmá desta. Foi membro do Destacamento Manuel del Río Botana da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro coa que participou en varias accións. Caería abatido o 4 de marzo de 1948 en Carres (Cesuras).

miércoles, 19 de octubre de 2022

Igrexa de San Xian (Poulo)

 
  A igrexa de San Xian e o cemiterio parroquial da parroquia de Poulo están no lugar do Outeiro, case ao pé do Camiño Inglés, preto da casa rural de Antón Veiras e da antiga reitoral, hoxe albergue de peregrinos.  
  É un templo de planta case rectangular, cunha fachada duns 7 metros de anchura, mentres a absida é medio metro máis estreita. Dado que a súa lonxitude total chega aos 18 metros, ten arredor de 120 metros cadrados, sendo así esta igrexa a segunda máis pequena do concello, só superada pola de Lesta (de feito, a capela da Mercé na Calle é máis grande). 
  O seu aspecto actual data de principios do século XX, cando foi reformada a instancias do párroco José María Barreiro García (1878-1972), aínda que elementos como a cruz cumial da ábsida ou o arco do interior ofrecen indicios dunha orixe moi anterior. 
 
 
  Os muros da parte dianteira son de cachotería revocada e pintada de cor branca. Na ábsida a parte máis baixa está feita de perpiaños e a superior de cachotería. A cuberta é a dúas augas con tella do país. A fachada é moi sinxela con porta e fiestra rectangulares e unha placa entre as dúas na que se pode ler: "Se reedificó siendo cura párroco don José Mª Barreiro García. Año 1927". Tamén hai outra máis moderna en recordo do párroco don Manuel Otero Rodríguez. A pesar do pequeno tamaño da igrexa, a espadana ten tres campás, caso único en todo o concello.
  Como temos dito, o elemento máis destacado (e fácil de pasar desapercibido) é unha preciosa cruz cumial, presumiblemente moi antiga e que nos recorda a outras que hai en Irlanda e no Reino Unido. 
 

  No interior, pequeno e sinxelo, o que máis chama a atención é o arco de acceso ao presbiterio que xa non é románico senón lixeiramente apuntado, indicio de que pode datar da baixa Idade Media (séculos XIV ou XV). Na súa base hai dúas columnas de fuste circular e con capiteis parecidos pero non iguais. 
 
 
 
A parede detrás do altar non ten un retablo senón diversas figuras como unha virxe ou o inevitable San Roque. No centro está San Xian con rica casaca e sostendo un falcón na man esquerda, por tanto representa ao lendario nobre francés que matou aos seus pais, e a palma do martirio na outra man é un erro habitual, pertencendo a un santo diferente (S. Xian de Antínoe ou S. Xian de Brioude). O bordo da parede está decorado con pinturas de caras de anxos, que datan de 1959 segundo a inscrición que hai no lintel da porta.
 
  Na nave principal hai tamén unha escultura de San Antonio de Padua no muro norte e outra dunha virxe no muro sur.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

sábado, 15 de octubre de 2022

Festas en 1944

  O 17 de febreiro tivo lugar a Festa da Árbore a carón dunha estrada. Ás cinco e media da tarde chegou a comisión presidida polo alcalde Manuel Verea, o xuíz (en funcións) de instrución Juan Liñares e o comarcal Eduardo Somoza del Río, xunto cos representantes da banca Francisco Concheiro e Segismundo Viqueira Mundito, o oficial do Xulgado de Mesía José García Conde e os mestres José Bello Segade Pepe Bello, Manuel Picallo Ameijeiras, Elena Telmo Duarte e Concepción Moar. Feita a plantación repartíronse as merendas aos nenos e cantouse o himno. Logo o alcalde no seu discurso recomendoulles aos rapaces que respectasen as árbores, facendolles ver a súa utilidade.

  O domingo, 23 de abril tivo lugar unha celebración que agora non se estila, o Santo Viático, ou sexa ir ás casas dos enfermos e administrarlles a comuñón. Vemos como o narra o xornal "El Compostelano" na súa edición do 28 de abril de 1944:

  Con toda solemnidad se ha llevado hoy el Santo Viático a los enfermos de la villa. El Señor ha sido conducido, bajo palio, y con acompañamiento de música, presidiendo el alcalde D. Rafael Mariño Vilela, el juez don Juan Linares Castro y una comisión de señores concejales, integrada por don Eduardo Somoza del Río, D. Rafael Álvarez Salgueiro y D. Manuel Berea Remeseiro, resultando un acto verdaderamente conmovedor.
  También fueron viaticados los enfermos del Sanatorio del sr. Concheiro, el cual está bajo la protección del Sagrado Corazón de Jesús.
  Alternando con la banda de música, se cantaron himnos piadosos por todos los asistentes al acto, dirigidos por el miembro de la Polifónica D. Viriato Lamas. Al llegar al templo el señor Andrade dio la bendición, después de haber leído las gracias concedidas a los fieles.
  Al día siguiente se celebró en el despacho de la prisión del partido una misa rezada, y a continuación se repartió el Pan de los ángeles entre todos los reclusos, obsequiándoles con una comida extraordinaria; el local mencionado fue arreglado con exquisito gusto por un grupo de señoritas.
  Las autoridades también estuvieron presentes como en el día anterior.
 
  O sábado 10 de xuño tivo lugar unha multitudinaria celebración con todos o nenos e nenas da escolas nacionais e particulares e os seus mestres, onde moitos deles recibiron a 1ª Comuñón. A misa estivo amenizada polo armonio e as cancións do mestre Antonio García Gímenez. Custeado polas damas piadosas, serviuse un almorzo para todos o nenos na Alameda.
  O martes 13 de xuño tivo lugar a celebración do Santísimo Sacramento, custeada por Josefa Ferreiro Franqueira, viúva do comerciante Antonio Amado e irmá do meu bisavó. A igrexa estivo adornada para a ocasión polas "piadosas señoritas" Encarnación del Río e Marina Concheiro. Actuou de novo Antonio García Giménez, quen nesta ocasión trouxo consigo un neno de "melodiosa voz" para cantar as pezas relixiosas. Predicou "elocuentemente" o padre Bernardino dos franciscanos. Logo da misa houbo unha procesión que só se parou unha vez para cantar unha panxoliña diante da casa da falecida mestra dona Juana Soto Menlle. O sacerdote don José Mª Barreiro Uzal levaba a sagrada forma baixo palio que conducían Viriato Lamas, Nicolás del Río, Guillermo González Faya, Andrés Blanco, Alfredo Abeijón e Francisco Mariño Vilela, incensando os nenos Rafael Mariño e Rogelio Prado Xelo, revestidos de cardenais e lanzando flores un numeroso grupo de nenas vestidas de 1ª comuñón.
  Tamén houbo un partido entre o equipo de Ordes e o de Sigüeiro que iniciou despois de bendecir o campo o sacerdote don Joaquín Andrade e que rematou 8-2 ao noso favor. Entre o público estaba o alcalde Rafael Mariño e algúns personaxes do veciño concello como o médico Manuel Iglesias Romero Rapela e os sacerdotes da Gándara e da Barciela.
 
  Mentres o mundo estaba pendente dos combates en Normandía, as festas patronais de Ordes duraron 4 días e foron de novo memorables* grazas á participación da Banda de Infantería de Marina de Ferrol que xa amenizara as festas de 1943. A comisión estivo formada polo alcalde Rafael Mariño, o entón tenente de alcalde Víctor Cerdido López, Viriato Lamas, Laureano Iglesias del Río e Alfredo Calvo Abeijón.
  Comezaron os festexos o luns día 14 a mediodía con repenique de campás, disparo de gran cantidade de bombas e a música da banda, secundada polas trompetas e gaitas do país da agrupación e unha orquestra tamén de Ferrol. Desde as 6 da tarde houbo bailes na Alameda.
  O martes 15, o día grande, comezou a festa xa ás 9 da mañá con dianas e alboradas. A misa solemne tivo lugar ás 12 da mañá. O sermón estivo a cargo do padre Lázaro dos franciscanos (e durou unha hora! pero segundo o corresponsal de El Compostelano "siempre contó con la atención de numeroso auditorio que le siguió constantemente hasta el fin"). Logo veu a procesión co mesmo percorrido do ano anterior. Ás 6 da tarde houbo un partido de fútbol entre o equipo local e "un potente equipo forasteiro" no que se disputaba unha copa de prata doada pola Corporación. Tamén houbo o habitual baile vespertino e nocturno.
  O mércores 16, día de San Roque, houbo o mesmo programa, só que alternando as rúas das procesións e substituíndo o partido de fútbol por unha carreira de bicicletas con saída e chegada en Ordes pasando por Carral. O xoves 17, o último día, a actividade das 6 da tarde foi unha carreira pedestre polas rúas de Ordes e carreiras de sacos na Alameda. Na verbena noctura houbo profusión de fogos artificiais, foguetes e elevación de figuras grotescas para celebrar o fin das festas.
 
  Por suposto houbo tamén as festas habituais en todas as parroquias e mesmo en outubro na vila celebráronse solemnes cultos na honra do Cristo da boa morte onde predicou o profesor do Seminario don Manuel Silva Ferreiro.
 
*O meu pai, Juan Ferreiro Recouso, que entón tiña 12 anos, acórdase perfectamente daquelas festas:
- Todo o mundo estaba admirado coa banda de Ferrol e felicitaba ao alcalde Rafael Mariño por traela. Era impresionante como soaba porque tiña moitos músicos e eran moi bos. Acórdome da carreira de bicicletas. Eu fun nun autobús de Álvarez véndoa. Creo que a gañou Terete do Ramecho, que era moi bo, pero o que máis me impresionou foi Chucho do Ferrador [Jesús Viqueira Moar] que subindo non era moita cousa pero era un animaliño baixando. Ao día seguinte participei na carreira a pé que saía da Alameda, subía polo Directorio e baixaba polos Lagartos e que gañou Isidro de Julián. Eu (e outros) xa non a fixemos enteira, cortamos pola rúa Generalísimo porque os primeiros levábannos moita ventaxa. Eu traballaba moito e non estaba para correr tanto. Tamén me acordo de que había carreiras de sacos e outra proba onde ías en bicicleta e tiñas que meter un pau por un aro pequeno. Estas cousas ocorríanselle a Julián e a Viriato o Vello.