1968 foi un ano caótico.
Estados Unidos, inmerso nas protestas contra a guerra de Vietnam (especialmente
despois da matanza de Mỹ Lai), sufriu un dobre impacto: Martin Luther King Jr. foi asasinado en Memphis e dous meses
despois o mesmo lle ocorreu a Robert
F. Kennedy en Los Ángeles. O demócrata Johnson, que suspendeu os bombardeos
sobre Vietnam do Norte, rexeitou presentarse ás eleccións presidenciais e o seu
compañeiro Hubert H. Humphrey perdeu pola mínima contra Richard Nixon. Un pouco máis ao sur, México reprimiu con dureza os disturbios anteriores á celebración das
súas Olimpíadas, que foron
espectaculares e viron marcas estratosféricas como as de Bob Beamon e
intervencións tan recordadas como as do saltador Richard Fosbury e os atletas
norteamericanos coa luva negra no podio.
Non obstante o feito que definiu o ano
foi a protesta case mundial da xuventude, pero que adquiriu enormes proporcións
en Francia. Alí ese Maio do 68 os estudiantes
recibiron o apoio dos obreiros cunha folga xeral que fixo perigrar o réxime
gaullista. Aínda con todo isto, convocadas eleccións, o presidente obtivo un
novo triunfo nas urnas. Checoslovaquia pola súa banda viviu unha corta Primavera que foi apagada polos tanques
rusos. Pablo VI na encíclica "Humanae Vitae" fixou a postura da
Igrexa Católica, contraria aos métodos anticonceptivos artificiais, o que a
distanciou dos fieis de países máis progresistas (USA, Países Baixos,
Francia...).
Se o ano comezou co Surveyor 7 pisando a Lúa,
remataría tamén co Apolo VIII dando 10 voltas arredor dela en Noiteboa, como
ensaio previo ao definitivo asalto que tería lugar en 1969.
|
1968
foi un ano de grandes películas
como 2001: A Space Odyssey e míticas series de televisión como Wacky Races ou Hawaii Five-O. No campo musical
houbo éxitos como
Hey Jude, Jumpin' Jack Flash ou Born To Be Wild de Steppenwolf,
pionera do Heavy.
|
En España, aínda que pareza incrible, o
acontecemento máis importante do ano foi o triunfo de Massiel en Eurovisión
cantando "La, la, la", o que se podía interpretar como que xa eramos
un país moderno, aceptado como un máis en Europa. Evidentemente non era así
pero o importante era que se avanzaba nesa dirección. As protestas do maio
francés tamén se replicaron
en España a moita menor escala. Nomeouse novo ministro de Educación e Ciencia a
Villar Palasí que sería o creador da EXB e naceron as universidades Autónomas
de Madrid, Barcelona e Bilbao.
En política exterior negociouse a renovación do
pacto cos USA e o 12 de outubro (Día de Hispanidade) recoñeceuse a independencia de Guinea Ecuatorial. O 7 de junio ETA
asasinou ao garda civil José Antonio Pardines, punto de partida da sanguenta
historia da banda. En agosto mataría a Melitón Manzanas
o que provocou a declaración do estado de excepción en Guipúscoa.
En 1968 estreouse no teatro La casa de las chivas de Jaime Salom (aínda que máis visto sería Alfonso Paso que tiña
7 obras diferentes en 7 teatros de Madrid) e levou o premio Nadal Un hombre que se
parecía a Orestes de Cunqueiro. O cine deu múltiples películas do
Oeste de serie B e tamén moitas comedias entre as que destacaron Los que tocan el piano
e El turismo es un gran invento. En televisión tivemos o debut de Félix Rodríguez de la Fuente coa serie Fauna e dous programas míticos: Galas del sábado e o concurso Un millón para el mejor. Ademais da gañadora de Eurovisión houbo un lote
de cancións inesquecibles: "Las flechas del amor", "Anduriña",
"Get on Your Knees" de Los Canarios e "La vida sigue igual" coa
que Julio Iglesias fixo o seu estelar debut no Festival de Benidorm.
Galicia tamén viviu os
novos tempos do cambio (obviamente con menor intensidade). Moitos estudantes da
USC manifestáronse e foron sancionados. A eles uníronse a finais de ano os
obreiros do Ferrol e de Vigo pelexando por novos convenios ou protestando polas
horas extra (Vulcano e Ascón). No verán comezou a funcionar Elnosa en Lourizán.
O ano rematou co primeiro recital de Voces Ceibes e coa constitución en París
do PCG.
En Ordes houbo
cambio de goberno: chegou á alcaldía (por 2ª vez) o médico Antonio Concheiro Iglesias, deixando atrás a etapa de Juan Liñares.
Foi un ano cheo de accidentes de tráfico e con numerosos atropelos, pero a nova
máis importante sería a esperadísima inauguración da traída da auga.
XANEIRO: Derrota do Ordes
en Monforte contra o Lemos 2-1. Morreron Estrella Sanjurjo Candal aos 87 anos
en Ardemil e Ramón Calvo Pérez aos
82 anos en Ordes.
FEBREIRO: O Gran Peña
derrotou ao Ordes 5-2. Pouco despois nova derrota co Ourense en casa por 0-5. O
día 22 morreu Manuela Ríos García da Reverencia aos 79 anos e o 23 morreu Juan Couto Candal de Reboredo aos 77
anos.
MARZO: Incendio nun
establecemento de maquinaria agrícola na rúa Lagartos con importantes danos. En Beán morreu o
día 21 Manuel Carnota aos 53 anos.
ABRIL: En Lesta o día 17
morreu Estrella García López e en Ordes o día 30 o neno de 10 anos Ramón Abeijón
Casas, fillo de Kilé. Con 102 anos! morreu Pedro Vieites Veiras.
MAIO: Concurso
provincial de tractoristas en Coristanco onde José Rodríguez Pulleiro
(Mercurín) quedou 2º, Manuel Areoso Ríos (Ordes) 3º e José González Fuentes
(Cerceda) 4º. Último partido do Ordes en 3ª
División. O día 2 morreu aos 76 anos Josefa Bello Blanco, nai de Monteiro e o 3 faleceu en Guindibón Andrés Campos
patriarca dos Sabelos aos 91 anos. Morreu tamén en Buscás Domingo Martínez
Regos aos 74 anos e en Ordes Antonio Martínez Barros (marido da panadeira
Rosario) e Manuel Ríos Mosquera.
XUÑO: A autoescola
Lista de Carballo expandiuse a Ordes e Melide. Morreu o día 23 José Vázquez
Boquete aos 72 anos.
XULLO: Morreu o día 31
Ramona Pérez Arcay.
|
Ramona Pérez
Arcay doña
Moncha (1917-1068) naceu en Montouto (Abegondo). Era a 4ª de 5
irmáns (Valentina, Manuela, Balbina, Ramona e José) que se levaban moitos
anos. Casou (ao igual que a súa irmá Balbina) cun garda civil, Jesús
Quintela Regueiro, co que tería dous fillos: José Luis (tamén
garda civil) e María Jesús. Estudou Maxisterio a finais dos anos 30, pero foi
despois de 1945 cando aprobou as oposicións e comezou a facer substitucións.
Nos 50 xa estaba establecida en Ordes e rematou vivindo no que entón era a calle Generalísmo (hoxe Ramón Carro)
onde tiña o colexio "La Inmaculada". Morreu bastante nova aos 51
anos de idade e está soterrada no cemiterio do Piñeiro.
|
AGOSTO: Un equipo do
Deportivo venceu ao Arousa por 2-1 nas festas de Ordes. O ministro de
Agricultura Díaz Ambrona visitou a gandería El Abelar preto do Mesón
do Vento. O día 3 morreu Valentina Calvo Boga aos 59 anos en Mercurín.
SETEMBRO: As festas
patronais deixaron un déficit de 70.000 pts, así que houbo nova solicitude de
cartos aos veciños. Festas do Cristo da Agonía nos Lagartos os días 14 e 15 cun
orzamento de 60.000 pts
e actuación da Orquesta Finisterre. As do
Recreo os días 22 e 23 chegaron ás 75.000 pesetas e contaron coa actuación da Orquesta X e o conxunto Los Latinos. Estaba a realizarse o plan de
Urbanismo da vila. Morreu Manuel Iglesias Prado aos 56 anos.
OUTUBRO: Inauguración do
concesionario da SEAT nas Casillas (Km 28). Ese ano a Academia de Arriba (CLA
dependente do Xelmírez) tamén daría clases de 5º de Bacharelato. Morreron aos
70 anos de idade Andrea Méndez Rodríguez, viúva do Cotovío, Rosa María Fraga,
viúva de Manuel Franqueira, aos 72 e a mestra Ángela Stolle Ramos, muller do ex-alcalde Juan Liñares. Accidente
dun Seat 600 no Cano de Leira no que morreu Antonio Rodríguez Otero.
NOVEMBRO: Establecido un
punto de control en Ordes na campaña nacional de revisión do alumeado de
vehículos. O Ordes derrotou ao Arenteiro 3-0. Morreron o día 26 Ángela Carballido Franqueira aos 57
anos e o industrial dos Lagartos Manuel Villaverde Veiras aos 70. O día 30 faleceu Eduardo García López aos 37 anos
en Mercurín. Tamén morreron o veciño de
Merelle Juan Ferro Manteiga atropelado por un coche cando el ía en bicicleta e
a veciña de Montaos (igualmente atropelada en outro accidente) Mª Dolores
Meijide Nouche. Santiago Naveira Iglesias atropelou a Pedro Berdomás Sánchez, veciño de
Marantes.
DECEMBRO: Por fin foi inaugurado o servizo de abastecemento de augas! Nomeado coadxutor da
parroquia don Manuel Boulión González. Morreron Josefa del Río Garabato (muller
de Andrés Calvo) aos 55 anos, Rosa Otero Pazos (viúva do xastre Leonardo) en
Nadal e a final de mes en días consecutivos Manuel Garabato Ruibal aos 67 anos (atropelado
por un coche), María Iglesias Moscoso en Vilamaior, José Ríos García (83) en
Ordes e Manuel Pena Vieites aos 77 anos en Mercurín. Tamén foi atropelado e
morto o albanel José Garaboa Vidal de 64 anos. Lenda urbana de que un mozo
morreu en Ordes por inxerir gran cantidade de augardente debido a unha aposta.




No hay comentarios:
Publicar un comentario