sábado, 1 de septiembre de 2018

A familia Rodríguez (Carril)

  O apelido Rodríguez é un dos máis correntes en Ordes (de feito é o 4º con máis portadores). Unha das familias que máis contribúe a este elevado número é a coñecida como os de Carril, que como tantas outras non é orixinaria do noso concello senón de Oroso.
  Na parroquia de San Martiño de Oroso viviron o acomodado propietario Eduardo Rodríguez González Carril e a súa muller Manuela Iglesias Varela. Do seu matrimonio a finais do século XIX naceron varios fillos, dos que chegaron á idade adulta Ramón, Juan, Concepción, Flora, José, Milagros, Víctor e Dámaso Rodríguez Iglesias.

O maior, Ramón, emigrou aos Estados Unidos e faleceu en New York.

Juan Rodríguez Iglesias (1898-1967) instalouse en Ordes e montou unha tenda nunha pequena casa no cruce. A posguerra foi dura para el pois sufriu a dobre presión de ser de esquerdas e comerciante (estaban todos moi controlados pola Fiscalía de Tasas), así lle caeron multas como unha de 1.500 pesetas en 1942 por "tenencia ilícita de tabaco", porque a tenda era naquela época un bazar onde se atopaba desde tabaco a petardos. A pesar deses tempos duros, Juan progresou e substituíu arredor de 1958 a vella casa polo primeiro edificio de 3 pisos da vila. 
  Do seu matrimonio con Carmen de Mariño (das Corredoiras) tivo dous fillos, Esther e Juan.
  Juan (1942-2001), que morreu aos 59 anos, herdou a tenda que logo levou a súa viúva Marisa Regueiro. Esther casou con Manuel Picallo Ameijeiras (1920-2005), coñecido mestre que foi o primeiro director do Colexio Castelao e, logo de xubilarse, promotor de vivendas na Rúa dos Lagartos, nos terreos da familia Mariño.

Concepción (1899-1989) e Flora Rodríguez (1900-1982) permaneceron vivindo en Oroso. Esta última casou con Manuel Otero Calvo e tivo 7 fillos, familia que era coñecida como os de Calvo de Oroso. 
  A segunda filla, Carmiña, casou con Juan Viqueira (que rexentaba o "Bar Juanito") e o último, Manuel Otero Rodríguez (1929-2003), foi párroco de Buscás -desde 1968- e Poulo, personaxe apreciado e moi coñecido nas súas parroquias e na vila pois vivía na casa do "Bar Puente" no Recreo.
José (1904-1993) Carril do Bidueiro, casou con Josefa Varela (1910-1994), filla de Manuel Varela, e tiveron 10 fillos, 8 deles varóns. Agás o primeiro, Enrique, que emigrou a América, o resto quedou na zona, a maioría no Recreo onde son moi coñecidos. O penúltimo fillo, Carlos, continuou no Bidueiro. Manolo (1935-1997) e José Mª Pepe da Agraria (1939-2008) xa faleceron. Ata tres membros desta rama familiar foron ou son policías municipais.

Milagros (1906-1990) casou con Francisco Regos Golán (1899-1977) e estableceuse en Darefe. O máis coñecido foi o terceiro dos seus fillos, Manuel Regos Rodríguez (1930-2008), propietario do "Bar Regos" e pai do alcalde Manuel Regos Boquete.

Dámaso instalouse na Coruña onde rexentou un bar e onde faleceu bastante novo. Víctor (1908-1980), en cambio, estableceuse en Santiago.

No hay comentarios:

Publicar un comentario