martes, 16 de agosto de 2022

Festas en 1943


   Existe a percepción de que os anos de posguerra foron unanimemente escuros e dramáticos pero isto é en parte errado. Foron anos de penurias, si, pero tamén ou precisamente por esa razón non faltaban infinidade de festas repartidas ao longo de todo o ano que supoñían un respiro de alegría e de cor en medio de tanta dureza cotiá. Velaquí algunhas das que temos noticias pola prensa. 
 
  Como o Entroido seguía prohibido, unha das primeiras festividades de 1943 foi a da Nosa Señora do Perpetuo Socorro que se celebrou a finais de febreiro. Predicou na misa o padre Sáenz da Orde Redentorista, logo efectuouse a procesión que parou diante da casa do funcionista Manuel González Romero o Capitán, onde Antonio García Giménez cantou un motete con acompañamento de armonio. Tamén se repartiron estampas da Virxe litografiadas polo Eco Franciscano. Agradou moito a imaxe que se inaugurou na igrexa. 
 
  Durante o mes de maio celebráronse cultos na honra da Inmaculada Concepción que acabaron a principios de xuño cunha actuación onde as Fillas de María, instruídas polas damas de Acción Católica Marina Concheiro Iglesias e a profesora Conchita Moar Vázquez, foron ata o altar e recitaron poemas e pregarias, pedindo en todas elas a súa intercesión para logar "una paz honrosa que termine con la sangrienta guerra mundial". Esas nenas* eran Josefina Blanco García, Maruja e Paquita López Camino, Maruja Gaudeoso Bascoy, Josefa Gómez González, Pilar Santos, Lola Prado Iglesias, Lola Botana e Estrella de la Fuente. Non faltou o coro de Viriato Lamas durante a misa. 
   En xuño os veciños das Casillas, A Fraga, Espenica, Vilar, Sar e outros lugares celebraron o San Antón cunha misa cantada por un "coro de señoritas" auxiliadas polo tenor señor Lamas e o barítono señor Faya, acompañados ao armonio por Raquel Soto. 
  En Montaos celebrouse o 24 de xuño a festa do Sacro Corazón onde predicou o padre Tadeo da Orde Capuchina. Tamén celebraron a onomástica do seu párroco don Juan Simal, que foi moi felicitado polos seus fregueses. 
  Os veciños do Casal, Bidueiro, Balado, Darefe, O Alto e outros lugares celebraron ese mesmo día á Virxe do Carmen con misa solemne e verbena. 
  O 27 en Ordes foi a quenda do Corpus Christi, festa custeada por Manuel Cancelada. O funcionista portou o estandarte durante a procesión que percorreu a vila. As casas estaban engalanadas e os seus ocupantes botaban flores ao paso do desfile. Predicou o habitual padre capuchino Enrique María de Cevico e amenizou a festa a orquestra de García Giménez. 
  En Ardemil, parroquia rexentada por don Manuel García Castro, as festas do Mesón dedicadas a San Pedro e ao Santísimo Sacramento ían durar tres días, do 29 ao 31, pero acabaron facéndose tamén o 1 de xullo. 
  Continuando con xullo, o día 2, en Leira celebrouse a festividade da Visitación da Virxe a Santa Isabel con misa solemne e pola tarde romaría con banda de música. 
 
  En agosto tiveron lugar as festas patronais de Ordes, que duraron 4 días e que foron unhas das máis memorables da súa historia, porque ese ano (e tamén en 1944) a comisión, encabezada polo alcalde Rafel Mariño Vilela, conseguiu que estivesen amenizadas pola mellor agrupación que se podía conseguir naqueles tempos: a Banda de Infantería de Marina de Ferrol. 
  Vexamos como o conta El Ideal Gallego: 
  «[...] Todo el pueblo se echó a la calle para presenciar el desfile de esta afinada agrupación, que con su banda de gaitas, recorrieron esta villa en medio de la admiración y el aplauso del vecindario, que no recuerda otro acontecimiento semejante. 
  Ya el día anterior se habían escuchado los afinados acordes de la Orquesta "American Jazz" de Marín, la cual también supo conquistar numerosos y merecidos aplausos, debido a la magistral interpretación de las partituras, viniendo hoy a coronar la parte musical la primera agrupación citada, constituyendo ambas la principal distracción de estos habitantes y forasteros [...]». 
  E a pesar diso en Leira non lles tremeu o pulso e competiron con Ordes facendo festa ese ano por Santa María e San Roque con banda de música e "profusión" de fogos artificiais. 
 
  En setembro, o día 14, foi a festividade da Exaltación da Santa Cruz en Montaos e o 16 a Santa Eufemia, con festas multitudinarias en Leira e Barbeiros. En Leira a misa grande tivo que celebrarse ao aire libre pola abundancia de fieis. Foi cantada polo coadxutor de Ordes don Domingo Barbeito Veiras, asistido polos párrocos de Buscás e Ardemil. O sermón estivo a cargo do novo párroco de Rivasar e electo de Fisterra don Juan Bueno Bueno. Pola tarde tivo lugar a romaría amenizada por unha boa banda. 
  Finalmente, o 24, foi a festa da nosa Señora da Mercé na Calle de Poulo, con misa solemne, procesión ata o cruceiro onde se pediu pola paz mundial seguindo as instrucións do Papa Pío XII, e pola tarde a habitual romaría campestre amenizada por unha "afinada" banda.
 
* Josefina Blanco García: filla maior do panadeiro Andrés Blanco Calvo (1903-1975) e de Alfreda García Gende Fleira.
Maruja López Camino: filla do carniceiro Ignacio, muller do Vasco.
Paquita López Camino (1934-1960): muller do taxista Pedro Santos e nai de Alba Santos.
Maruja Gaudeoso Bascoy: filla do panadeiro Andrés Gaudeoso o Loreta e tía da mestra Mª Paz Robado. Emigrou a Brasil.
Josefa Gómez González Fefa (1933-2022): filla do garda civil Jesús Gómez Iglesias o Tolimpo (m.1956) e de Josefa González Jácome (1909-1985), e irmá de Jesús, Elisabet e Alfonso. Casada con Manuel del Río Rodríguez Manoliño do Carteiro, foi nai do profesor e director do IES 1 Manuel del Río Gómez.
Pilar Santos: Posiblemente Pilar Santos Calviño (emigrada), filla de Acacio Santos e Concha Calviño e irmá de Concha Santos, que viviron nos Lagartos.
Lola Prado Iglesias (1932-2016): Filla de Rogelio, casada co carpinteiro pontevedrés José Fontán Fariñas (1934-2021) e nai de Esther Fontán.
Lola Botana: Nin idea de quen podía ser.
Estrella de la Fuente (1934-1978): filla do panadeiro Che e nai da profesora Olga Iglesias de la Fuente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario