lunes, 11 de octubre de 2021

Renda da comarca en 2019

   No ano 2019, segundo a estatística da Axencia Tributaria, a renda media bruta dos máis de 20 millóns de declarantes do IRPF incrementouse un 3,8 % (752 euros máis) respecto ao 2018, ata situarse en 28.384 euros anuais. Estes datos só incluían ás localidades de máis de 1.000 habitantes (excluíndo ao País Vasco e Navarra, que non forman parte do réxime común).

  O municipio madrileño de Pozuelo de Alarcón -no que vota o presidente do Goberno- recuperaba o 1º posto cunha renda bruta declarada de 82.188 euros anuais, un 3,4 % máis que o ano anterior. A 2ª era a poboación valenciana de Xeresa, cunha renda bruta media de 69.313 euros. A súa rechamante escalada -no 2018 ocupaba o posto 1.403 a nivel nacional e subiu 48.136 euros nun ano!- obedeceu probablemente ao traslado de residencia de contribuíntes con alto nivel patrimonial. O 3º posto (baixando do 1º despois de caer un 70 % nun ano) era para a barcelonesa Matadepera, con 65.671 euros de renda bruta media anual. A cuarta e quinta posición ocupábanas os municipios madrileños de Alcobendas e Boadilla del Monte (cuarto e terceiro no 2018), cunhas rendas medias de 64.063 e 62.965 euros respectivamente.

  No que respecta a Galicia, no 2019 a comunidade colocou aos seus tres municipios máis ricos entre os 100 primeiros do país: Oleiros, Cambre e Nigrán, que ocupaban os postos 30, 40 e 98.

  No outro extremo estaban os dez municipios máis pobres do país, nesta ocasión liderados pola poboación xienense de Huesa, cunha renda bruta media de 12.598 euros (posto 2.893 a nivel nacional -Toques, o máis pobre de Galicia, está 43 postos por enriba-), seguida dos municipios estremeños de Fuenlabrada de los Montes, Oliva de Mérida, Puebla de Obando, Higuera de Vargas e Zahínos (este último foi o de menor renda de España no 2018).

  Por comunidades, Estremadura repetía á cola do país, con 20.926 euros anuais, a distancia dos 37.768 euros de Madrid, dos 32.423 de Cataluña e dos 28.384 da media de España.

 

  Galicia contaba cunha renda bruta de 25.330 euros (inferior un 11 % á española) aínda que os seus ingresos medraron un 5 %, desde os algo máis de 24.000 euros do 2018.

  O concello coruñés de Oleiros repetiu, un ano máis, como a localidade cos veciños máis ricos. Rexistrou unha renda bruta media de 43.866 euros anuais, o que supoñía 4.408 euros máis que no ano 2018. Seguíano Cambre e Nigrán.

  Cambre foi toda unha sorpresa, xa que escalou desde o posto 25 ata arrebatarlle a segunda posición a Arteixo. A súa renda bruta disparouse case un 40 %, desde os 24.907 euros ata os 40.774, converténdose, xunto con Oleiros, nos dous únicos concellos galegos que superaban a barreira dos 40.000 euros. Con 23.486 euros de media no 2019 fronte aos case 31.000 do ano anterior, Arteixo fixo a viaxe contraria, descendendo ata o posto 43 de Galicia. A caída foi a corrección dunha situación puntual (unha avultada ganancia patrimonial) rexistrada no 2018, xa que no 2017 o concello estaba nun posto similar, o 39.

   Seis das dez poboacións máis ricas da comunidade eran coruñesas, xa que xunto con Oleiros e Cambre estaban A Coruña (4º posto, 32.021 euros), Santiago (6º, 29.993), Bergondo (7º, 29.807) e As Pontes (8º, 28.953).

  Nigrán, en Pontevedra, ocupaba a terceira posición (34.742 euros), mentres que para atopar a Vigo había que baixar ao noveno posto (28.752 euros no 2019). Con 31.331 euros de renda bruta media, a ourensá Pereiro de Aguiar completaba o top ten, ocupando o quinto lugar. Na provincia de Lugo, o municipio que gozaba de maior renda era o de Cervo, no posto décimo primeiro, con 28.562 euros, seguido da capital da provincia, con 26.038 euros e a posición 23 na comunidade.

  Toques ocupaba o posto 278 en Galicia (e 2.850 de España), ou sexa o último. A renda dos veciños de Oleiros triplicaba a dos de Toques, que estaba en 14.181 euros anuais.

 

 

  Na comarca continuaba a habitual dicotomia: os tres concellos centrais encabezaban a listaxe, con rendas superiores aos 20.000 euros, mentres dos catro periféricos ningún chegaba aos 19.000 euros de renda bruta.

  A clasificación non variaba con respecto ao ano 2018. Seguía encabezada por Oroso con 22.585 euros (case 400 euros máis que no ano anterior), seguido de Cerceda con 21.782 (más de 600 de variación) e Ordes 20.970 (case 1.000 euros máis). Trazo, o concello máis próximo a Santiago dos periféricos, chegaba aos 18.954 euros e Frades aos 18.697 euros. Os dous últimos postos eran para Mesía con 18.267 euros e Tordoia que pechaba a cancela cos seus 18.022 euros. Curiosamente, en renda dispoñible os postos invertíanse e Tordoia (15.963) superaba por 1 euro a Mesía (15.962).

No hay comentarios:

Publicar un comentario