O TEMPO DOS SALÓNS
Durante uns 20 anos -de 1990 a 2010- Ordes foi en
frase dos medios de comunicación "o epicentro da movida coruñesa", e
moito máis que coruñesa porque neses anos era fácil atopar xente que viña de
lugares tan afastados como Pontevedra, Lugo ou mesmo Asturias.
Pero antes de 1990 xa había movida,
obviamente só comarcal, e cantos máis anos nos remontemos no pasado menos
numerosa e máis local pero, como as meigas, habela sempre a houbo.
Porque sempre existiron mozos e mozas con
necesidade de coñecerse, relacionarse e ligar e ningún pretexto mellor que a
música. Mesmo nos duros anos de posguerra onde non había un peso e escaseaba a
comida os mozos seguiron indo ás romerías e buscando a troula nas muíñadas. Temos constancia porque por exemplo en 1941 Antonio Raña Remuiñán foi multado con 50 pesetas "por organizar un baile sin autorización" e en 1942 Francisca Areoso Ríos foi multada con 150 pesetas pola mesma causa.
Naqueles anos 40 produciuse un cambio sociolóxico: as bandas de música que
entusiasmaran aos seus pais agora xa estaban pasadas de moda, o que realmente
arrasaba eran esas orquestras que viñan da Coruña e Pontevedra e que lograban
arrincalos por un par de horas da súa dura existencia.
Así agrupacións como Los Satélites que naceron
en 1938, Spallant creada por Enrique Súarez Grela (ambas as dúas de
Coruña), a Orquesta Poceiro creada en 1943 por Benito Poceiro e a Orquesta
Florida creada por César Dios Rodríguez (1927-2008), estas dúas de
Pontevedra, eran tan admiradas e seguidas como hoxe o poden ser
"Panorama" ou "París de Noia". Admiración que chegaba case
a veneración cos seus vocalistas e solistas como Pucho Boedo, Álvaro Pita
García "Alvarito" ou "Diosiño e o seu acordeón".
Pero obviamente durante gran parte do ano non
había festas e os mozos non o tiñan tan fácil para bailar. Hábiles
empresarios viron que había unha necesidade e a imitación do que xa pasaba na
cidade naceron os salóns, locais non
especialmente grandes onde unha orquestra amenizaba a tarde do domingo (de 8 a 10) ou a noite se era algún
festivo especial.
En Ordes xa había un lugar desas
caractéristicas, o antigo Salón-cine
Troche que estaba onde agora é o "Bar Saloon" nos Parques
Municipais. Rexentado na posguerra por Julián Marcos e o Vello Viriato,
continuou exhibindo películas, pero logo fixéronse cargo del o ex-alcalde Rafael Mariño Vilela (1909-1983) e a súa muller María Franqueira Regos
(1911-1985) que estaba no despacho de billetes. Eles si dedicaron o agora salón "Alegría" (e Cine Moderno) ao
baile durante os anos 50 e 60. Igualmente o "Oriental Cinema", o cine que daba á rúa dos Lagartos, ademais de pasar películas, tamén fixo sesións de baile cando aínda pertencía á familia Liñares.
No Recreo houbo outro salón rexentado por Encarnación
Meijide López (1901-1991), a muller de Ramón Prado Carnota
(1900-1956) Ramón da Ponte. Estaba na súa
casa, (a carón da florería "As Camelias") que mantén aínda
o seu aspecto tradicional.
Na rúa principal, Alfonso Senra, onde agora
está o Banco Sabadell-Gallego fronte á farmacia de Mª Gemma Rodríguez Liñares,
apareceu outro salón. O empresario foi Pedro Rama Regos (1928-2009), chamado Pedro de Alberte
por ser o 6º dos 11 fillos de Alberte do Casal. Pedro emigrou a Venezuela
xunto coa súa muller Asunción Mirás Franqueira, pero cando ela quedou
embarazada volveron para que o fillo nacera en España (por certo, ese fillo
morreu). Montaron un bar e o salón na parte de atrás pero non durou demasiado
tempo. Aínda terían outro establecemento
nos Lagartos antes de marchar á Coruña onde el traballou de promotor
inmobiliario con moito éxito.
Outro que se dedicou ao baile foi Fausto
Valentín Blanco García, máis coñecido por Fausto de Fleira, pois a súa nai era
a famosa panadeira Alfreda García Gende (1910-2001) -"Alfreda" acabou
derivando en "Freira" e logo en "Fleira"-. Fausto, ademais
de ser procurador de tribunais tiña unha gran visión empresarial. Non só puxo
un salón de baile en Vilar, senón que tamén foi propietario no mesmo lugar
dunha academia de ensino privado (onde eu estudei 3 anos) que dirixía a súa
muller, a excelente profesora María de los Ángeles Álvarez.
O último destes míticos lugares foi o Salón Veiras. O propietario e empresario era José Veiras
Bello (1915-1994), máis coñecido como Veiras de Pardiñas. Construíu
todo un edificio en Alfonso Senra 96 (que durante algúns anos foi sede do "Circulo Cultural y Recreativo")
e a carón deste o salón, o máis grande que houbo, que aínda se pode ver por
enriba do muro que da á rúa Compostela.
O Salón Veiras pechou arredor de 1970 cando
rematou o tempo dos salóns, pois o tamaño si importaba e nos 70 foron
sepultados por un novo rival: as Salas de Festas.
Me gusta!!!
ResponderEliminar