lunes, 5 de abril de 2021

Parroquia de Poulo

 
Poulo, xunto con Buscás e Ordes é unha das tres parroquias interiores do concello. Iso significa que está localizada  máis ou menos no centro pero algo ao sueste.
   Segundo a páxina web do concello a súa extensión é de 9,66 km², o que parece excesivo mirando o mapa oficial da Xunta. Outros documentos anteriores dábanlle só 8,17 km².

  A súa orografía presenta unha clara pendente de leste a oeste. No nordés están as cotas máis altas (370 metros no Costón) mentres que as máis baixas sitúanse no oeste e suroeste ás beiras do río Cabrón. Este, que serve de fronteira coa parroquia de Ordes, é o principal curso fluvial xunto cos seus afluentes o rego dos Muíños do Cubo, que discorre polo norte, e o rego da Ponte Ribeira, que cruza a zona leste e sur da parroquia.

 

  Aínda que polo sueste discorre a AP-9, as principais vías de comunicación son a estrada a Curtis AC-524, que percorre a parte norte, e a estrada a Pontecarreira AC-3802 polo sur. A pista que as une xunto con un ramal que desemboca na rotonda da Ronda Leste son as verdadeiras vías de vertebración, porque nelas están todos os núcleos de poboación agás Pardiñas, o máis setentrional da parroquia.

  Esta configuración define os usos do solo. Nesa franxa onde están 8 dos 9 núcleos (a Costa, o Outeiro, Lavandeira de Baixo, Lavandeira de Riba, a Blanca, a Senra, a Calle e o Piñeiro) e que chega ata o río Cabrón predominan os pasteiros e as leiras de millo. O resto (norte, sur e leste) é zona arborada agás nos arredores de Pardiñas.

  A poboación no ano 2000 era de 346 habitantes. A pesar de ter un par de pequenas subidas, agora está en claro descenso e en 2021 era de 317 habitantes, sendo a Calle (159) o núcleo máis poboado.
 
LUGARES: A Blanca, A Calle, A Costa, Lavandeira de Baixo, Lavandeira de Riba, O Outeiro, Pardiñas, O Piñeiro, A Senra.
 
 
  Conta con fermosas paisaxes e está atravesada polo Camiño Inglés que é onde podemos atopar os principais monumentos e lugares de interese. No Outeiro están a igrexa parroquial de San Xian, a antiga reitoral, hoxe convertida en albergue de peregrinos, e a casa rural "Antón Veiras". No principal núcleo, a Calle, están a Casa Maldonado (onde pernoctou o rei Felipe II), un interesante cruceiro ao lado do Bar "O Cruceiro" e a capela da Mercé. Nesta gárdase a imaxe da Virxe da Mercé que esperta moita devoción e a quen se lle dedica unha famosa romería o 24 de setembro.
 
 
  A parroquia estivo habitada deste tempos prehistóricos como testemuñan o castro da Senra e o que está a uns 400 metros ao nordeste de Pardiñas.
  No Antigo Réxime, Poulo (xunto con Leira, Ardemil, Faramilláns e Buscás) pertencía á xurisdición de Mesía, mentres as outras parroquias ordenses formaban parte da de Folgoso.
  O feito de estar cruzada polo Camiño Inglés era unha fonte de prosperidade para a parroquia. En 1554 pernoctou na Calle o propio rei Felipe II e en 1669 o Gran duque de Toscana Cosme III de Médici.
 
 
  En 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" di que Poulo tiña 48 fregueses (uns 216 habitantes dos 2.600 que habería no concello), máis que Ordes que tiña 44, pero por debaixo de Ardemil, Buscás, Leira e Vilamaior.
  Sabemos que, polo menos desde 1720, había na Calle unha casa de postas onde se cambiaban os tiros dos cabalos e repousaban os viaxeiros. No Catastro del Marqués de La Ensenada de 1749 os habitantes declaran ser de señorío do arcebispo de Santiago a quen lle pagaban os impostos. Había uns 65 veciños que cultivaban trigo, centeo, millo, millo miúdo, liño, nabos e verzas "gallegas". Contaban na Calle cun mesón e taberna propiedade de Benito Uzal. En 1764 comezou a construción do Camiño Novo (actual N-550) que afectaría profundamente á parroquia no futuro.
 
  Ao redor de 1820 operou na zona unha partida de bandoleiros denominada a "Gavela de Poulo" que asaltaba xente rica, curas e viaxeiros. Formaban parte dela dúas mulleres: Andrea Agustina Rodríguez e María Benita Barragán.  
  Ese mesmo ano, Poulo foi a capital dun partido xudicial que constaba de 9 concellos: Poulo, Pasarelos, Montaos, Encrobas, Val de Barcia, Dubra, Vilarprego, Folgoso e Mesía.
  Só durou 3 anos porque o rei Fernando VII en 1823 decidiu declarar nulos todos os concellos constitucionais e retornar ao Antigo Réxime. Despois da súa morte, cando se reorganizou de novo o territorio en 1836, a capitalidade do concello e do partido xudicial xa lle correspondería a Ordes.
  En 1849 o Diccionario de Madoz di que Poulo tiña 50 veciños, cuns 600 habitantes -dato pouco fiable, pois a Ordes con 63 veciños só lle atribuía 322 habitantes-. Producía centeo, millo, trigo, legumes e pastos. Había vacas, cabalos, ovellas e porcos ademais de caza de perdices, lebres e xabarís. A industria era a agrícola e dous muíños fariñeiros. Xa se celebraba unha importante feira na Calle.
  Esta feira sería logo trasladada a Ordes pero en 1872, sendo alcalde Antonio Mosquera, voulveu a celebrarse en Poulo o 2º domingo do mes. No século XX perderíaa definitivamente.
  Nese século unha das familias máis ricas eran os Veiras, que tiñan unha parada de sementais.
  En 1876 Poulo tiña 422 habitantes (moitos máis que na actualidade) e era unha das parroquias máis poboadas do concello.
  En 1889 tivo lugar en Leira o Crime dos caldeireiros, famosísimo na época. Tanto a vítima como os asasinos eran de Poulo.
  A finais do século XIX xa había escola na parroquia e algunhas das mestras foron Clotilde Amor del Río, Francisca Platas Piñeiro e Teresa Culebras. O sacerdote era Felipe Castro Conde.
 
  A principios do século XX a escola tivo de mestras a Mercedes Castro Amor, Mª del Carmen Rivas Marzoa, etc. Sería suprimida no ano 2002. Volveu Laureano Varela Ferreiro (1869-1928), un rico indiano que fixo a súa fortuna coa cana de azucre en Puerto Rico e logo chegaría a ser propietario da Casa Maldonado. Tamén chegou nese tempo o sacerdote José Mª Barreiro García (1878-1972), que arranxou as igrexas e a casa reitoral.
  Poulo non foi das parroquias máis afectadas pola Guerra Civil. Se ben o guerrilleiro José Ríos Gómez (1912-1947) era natural do Outeiro, trasladouse de moi neno a Parada e era coñecido como Ríos da Pontraga.
  Desde a posguerra, como o resto do rural ordense, Poulo foi perdendo habitantes aos poucos. En 1961 chegou a electricidade, pero non revertiu esta tendencia.

2 comentarios:

  1. Fenomenal, Juan José. Encántame as publicacións das parroquias. É curioso que Poulo fose tan importante na historia recente.

    ResponderEliminar