Sabemos que na segunda metade do século XIX naceron
varios irmáns apelidados Conde Barreiro:
Juan, Marcelino (que emigrou e do que nunca máis se soubo), Manuela a Conda que viviu
en Parada, Generosa que foi veciña de Buscás, e Estrella que casou con José
Viqueira Martínez e foi a matriarca dos Viqueiras
do Casal.
Pero o que quedou no Bidueiro na casa
familiar foi José
Conde Barreiro. José traballou as terras dos propietarios do Pazo do Bidueiro (que a principios do século XX eran Francisco López Rioboo e logo a
súa viúva Sara López Tenreiro) e coidaba do lugar nas súas prolongadas
ausencias. Tamén foi concelleiro en 1928, un ano antes do seu falecemento.
Casou con Josefa
Recouso Calvo (1861-1945) de Parada, irmá de Manuel, de Antonio e de María Recouso Calvo (matriarca dos Barreiros do Casal). Con ela tivo polo menos 10 fillos:
Marcelino, Fernando, Esperanza, Juan, José, Ricardo, Generosa, Estrella,
Manuela e Jesús Conde Recouso.
De Ricardo sabemos que morreu bastante novo (antes
que a súa nai), dos demais, que a maioría emigraron a América. José casou con
Dolores Ferreiro*. Jesús, o máis novo, volveu nalgunha ocasión á vila porque
tiña propiedades nela e no Mesón do Vento.
Esperanza Conde Recouso (n.1904) casou con
Jesús Recouso Viqueira e instaláronse na Coruña na rúa Cordelería. A única e
non boa noticia é que en 1933, cando tiña 29 anos, enfadada cunha veciña,
atacouna cun coitelo feríndoa na fronte.
Os dous irmáns que quedaron en Ordes foron
moi coñecidos.
Marcelino Conde Recouso estableceuse no Recreo
onde montou unha panadería. Casou con Elvira Ferreiro del Río, a terceira filla de Antón de Xan Ferreiro, e con ela tería
6 fillos: José, Josefa, Marcelino, Antonio, Elvira e Estrella Conde Ferreiro.
José Conde Ferreiro (1923-2019) marchou para Madrid e alí viviu e morreu.
Josefa (n.1925) casou co funcionario municipal Laureano Iglesias del Río (1920-2004)
co que tivo catro fillos.
Laureano era fillo de Laureano
Iglesias García (m.1945), comerciante que tivo un bar e no mesmo lugar a
administración de Castromil en Ordes, e de Dolores del Río Caramelo
(m.1925), irmá de Dominga e do comerciante e fiscal municipal Pedro del Río Caramelo, represaliado nos primeiros anos do franquismo.
|
Marcelino (1926-1984), coñecido como Calilo,
casou con Elena
Blanco Fuentes (1930-1994) e non tiveron descendencia.
Antonio (1930-2019) casou con Genoveva Ferreiro Gasamáns, filla do fogueteiro
da Sionlla. Con ela tivo catro fillos: José Antonio, Dolores, Marisa e Eva
Conde Ferreiro.
Elvira Viruca (1928-2024) casou con Eugenio González
Corbelle Eugenio de Parente (1924-1996),
co que viviu en Alfonso Senra, preto da Caixa de Aforros, e con quen tivo dous
fillos: Eugenio, que foi xerente de Ordestar e faleceu en novembro de 2013, e
Salomé.
Estrella Conde Ferreiro (1935-2001) casou con Jesús Losada Prado (1931-1988),
coñecido como RENFE por traballar para esa
empresa pública. Con el tivo catro fillos, dos cales a segunda, Malena, xa
faleceu aos 36 anos de idade.
O fillo que quedou na casa do Bidueiro era Fernando Conde
Recouso (1901-1973). Foi un dos labradores máis recoñecidos do
concello. En 1944 obtivo un premio de 500 pesetas por colleitar máis de 50
toneladas de patacas por hectárea e en 1952 outro pola produción de leite dunha
das súas vacas chamada Roja.
Casou
con Josefa
Sánchez Queijo (1904-1999) dunha coñecida familia de Trazo, coa que tivo 6 fillos: Josefa, María,
Estrella, Esperanza, José e Jesús Conde Sánchez.
Josefa Pepiña de Conde (1924-2012) tivo unha filla de
solteira, Flora, que casou con Fernando Corbelle, e que abriría a tenda "La
Oca Verde".
María casou con Pedro Villaverde dos Villaverdes do Piñeiro, co que tivo 4 fillos. Estrella morreu en 2003. Esperanza estableceuse na Coruña.
Os dous últimos fillos foron
varóns: o benxamín, Jesús, morreu moi novo aos 28 anos de idade. O
que quedou na casa foi José Conde Sánchez (1933-2021), casado con Concha Gil dos
Gil de Poulo. O seu fillo Fernando Conde Gil deixou o traballo na construción
para facerse cargo da granxa paterna e segue o legado dos Condes.
*Dolores Ferreiro Recouso era filla do meu
bisavó Juan Ferreiro Franqueira dos Ferreiros do Norte, e por tanto tía avoa miña. Na súa mocidade
tivo un episodio de loucura e o seu pai levouna ao Corpiño. Ía completamente
desequilibrada ata o punto de poñerse dúas medias nunha perna e ningunha na
outra. A lenda familiar di que ao saír da igrexa xa estaba curada e cando
chegaron a Santiago meteuse nos aseos dun bar a colocarse as medias
correctamente.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario