As primeiras décadas do século XX foron
tempos violentos e non só por temas políticos. As liortas entre mozos -e non
tan mozos- eran constantes.
A parroquia era como a patria: había que
defendela, especialmente as súas mozas, dos forasteiros. Por iso é polo que
practicamente non había romaría ou baile que non acabase en confrontacións case
militares -como a Batalla do Cano- entre os mozos de distintos lugares.
Engadamos a iso o alcol, os ciumes, os conflitos persoais, e por fin a TERRA.
É difícil para nós agora comprender o
sentimento que espertaba nos nosos antepasados "a súa" terra. Era
como a súa patria particular, a súa "matria", a súa nai. Calquera
mínima substracción dun anaco da súa amada terra era como unha ofensa á súa
honra. Isto traducíase en centos de litixios que enriquecían aos avogados e en
múltiples pelexas que moitas veces tiñan un resultado sanguento.
O 4 de xullo de 1945, unha vez máis, correu o
sangue en Ardemil e, unha vez máis, foi un conflito pola terra.
Manuel Louro Barros, de 27 anos de idade, e Antonio Noya
Louro, que ademais de veciños probablemente tamén tiñan algunha
relación de parentesco, discutiron pola rega dunhas leiras. Manuel dixo que o
tema sería arranxado no xulgado pero iso non acougou a Antonio que, enfurecido,
proferiu graves insultos contra a súa nai e atacouno cunha fouce. Manuel, que
levaba unha sacha, defendeuse e ao tentar desarmalo deulle un golpe na fronte
que acabaría ocasionándolle a morte.
O xuízo tivo lugar 15 meses despois en
outubro de 1946 na Sala segunda da Audiencia Provincial da Coruña baixo a
presidencia de don José Spielberg y Horno. Era o avogado defensor
Manuel Gila
Lamela (que pouco tempo despois sería presidente do RC Deportivo),
sendo procuradores Fernández Alonso e Delgado. O fiscal foi Higinio Sánchez
Fuentes e da acusación particular encargouse Manuel Casás Torres, fillo do
tamén avogado e alcalde da Coruña Manuel Casás Fernández.
Só había unha testemuña da pelexa que era a
irmá do morto, Valentina
Noya Louro*. Esta retractouse das súas primeiras declaracións
motivadas pola dor da morte de Antonio e apoiou a versión do acusado a pesar da
presión á que foi sometida polo fiscal.
Tamén foron oídos os forenses coruñeses
Padilla Lázaro e Fernández Acebal e o ordense Antonio Concheiro, que declararon
que un absceso cerebral foi o motivo de que a ferida resultase fatal.
Tanto o fiscal como a acusación particular
pediron 15 anos de reclusión menor e 25.000 pesetas de indemnización para os
herdeiros.
A defensa argumentou que sen a enfermidade de
Antonio o golpe só tería producido lesións e que había que ter en conta a
eximente de obcecación e arrebato.
Finalmente a sentenza foi reducida a dous
anos de reclusión menor e ao pago de 25.000 pesetas de indemnización porque o
tribunal considerou que a rifa excluía a lexítima defensa, pero si tivo en
conta as eximentes de arrebato e non ter intención de cometer un dano tan
grave.
* Valentina Noya Louro (1914-1994): Tivo unha
ida moi dura e non só por pola morte do seu irmán. Quedou viúva moi nova e
tivo que traballar moito para alimentar aos seus fillos. Traballou de
costureira polas casas e o meu pai recorda que lle fixo algúns pantalóns
(entón non se compraba apenas roupa, senón a tea, neste caso o mahón, e as
prendas facíanas xastres ou costureiras). Valentina tivo 5 fillos: Manuel,
Concha, Adolfina, María e Avelina. Esta última é a nai do coñecido deportista
Iván Raña.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario