O apelido Fernández é o segundo máis habitual
en Galicia pero en Ordes, en cambio, non está entre os oito primeiros lugares
da lista. Aínda así hai arredor de 400 portadores, a gran maioría deles na
vila, especialmente na zona das Casillas.
Alí viviu Juan Fernández Recouso, desde 1916 legoeiro
(en castelán "peón caminero") da zona
que ía das Casillas a Leira. Casado con Francisca Rey Presedo (1884-1965), tiveron
numerosos fillos, entre eles Juan Antonio Fernández Rey Juanito o Capatás (1909-1998),
que xa foi capataz de legoeiros e encargábase da estrada a Carballo, e Jesusa Fernández
Rey (1911-2003) que casou con Antonio Raña e foi nai dos sete irmáns
Raña Fernández de Montaos.
Pero os Fernández Rey, non eran os únicos
Fernández das Casillas: a finais do século XIX tamén viviron na zona dous
irmáns, José (1861-1933) e Ricardo Fernández Varela. Tiñan boa posición económica e custeaban
habitualmente a festa de San Antón en Guindibóo. De José sabemos que morreu en
1933 deixando un só fillo.
Ricardo Fernández Varela, o patriarca da
familia, foi capataz de legoeiros. Casou no século XIX con Carmen Recouso del Río, coa que
tivo 8 fillos que chegaron á idade adulta.
Carmen pertencía aos Recousos de Vilar. Era irmá, entre outros, de José (n.1873, un legoeiro
que rematou vivindo na Laracha), de Antón
(n.1882 que viviu no Recreo e estivo no cárcere por matar a un curmán), de Andrea e de
Manuela Recouso del Río (muller de Juan Ferreiro Franqueira -patriarca dos Faberos-
e, por tanto, bisavoa miña), todos eles fillos de Francisco Recouso Viqueira e de María del Río Noya.
|
Catro
dos fillos (José Mª, Juan, Ricardo e Laureano) emigraron a América. Neste éxodo non
tivo tanto que ver a necesidade económica como o non querer ir á guerra de
Marrocos, de feito José Mª foi declarado prófugo en 1910.
En Ordes quedaron 3 fillos varóns e unha
muller: Jacinto, Jesús, Evaristo e Carmen Fernández Recouso.
Jacinto Fernández Recouso (24 de agosto de 1893-1972)
foi celador de telégrafos, o que
significaba viaxar revisando o tendido
e reparando as avarías (eran coñecidos popularmente como "alambreiros"). En 1934 gañou
unha mención honorífica e un premio de 500 pesetas pola súa intervención
durante a folga xeral de maio, a pesar de estar ferido. En 1940, época de
penurias, cobraba 4.000 pesetas anuais. Casou con Juana Barreiro Recouso (1894-1986) da rica familia dos Barreiros do Casal, coa que tivo 5
fillos: Carmen, Mª Cruz, Concha, Ricardo e Jacinto.
A máis coñecida na vila foi Mª Cruz Fernández Barreiro (1920-2013),
sumamente simpática e faladora, que tiña unha zapatería no que hoxe é Alfonso
Senra 67 chamada "Calzados Mallorca". Estaba casada cun dos primeiros
taxistas, Manuel Gómez Gende (1914-2005), evidentemente tamén moi coñecido.
Jesús Fernández Recouso (1896-1978) foi o que
continuou co oficio paterno de legoeiro e xa no ano 1934 acadou o posto de
capataz. Casou cunha moza de Marzoa, Carmen
Jarazo Uzal, e alí en Recouso na Fonte do Roxo estableceuse. Tiveron 5
fillos e un dos seus netos foi o perito agrícola Jesús Fernández que morreu aos
37 anos en accidente de tráfico.
Evaristo Fernández Recouso (1898-1982) si
participou na guerra de Marrocos onde foi ferido de certa gravidade. Ao igual
que o seu irmán Chinto foi celador de telégrafos e tamén casou (ademais o mesmo
día!) cunha moza dos Barreiros do Casal, Concepción
Barreiro Recouso, coa que tivo 6 fillos (Elvira, Evaristo, Laureano,
Ricardo, Dolores e Ángel Fernández Barreiro) que obviamente tiñan os mesmos
apelidos que os seus curmáns. De feito houbo un, Ricardo (1925-1974), no que
tamén coincidía o nome, o que lles trouxo numerosos problemas na recepción do
correo.
A maior, Elvira casou cun mozo de Montaos e o
3º, Laureano, seguiu os pasos do seu pai, traballando en telégrafos en
Santiago. O resto quedaron no lugar. Evaristo morreu con 51 anos deixando unha
única filla, Concha, casada con Manuel Suárez, o empresario que montou a
gasolineira das Casillas.
Carmen Fernández Recouso (1909-1987) tamén
viviu nas Casillas e casou con Andrés
Rodríguez Martínez con quen tivo tres fillos, Ricardo, Ángel e Manuel. O
maior, Ricardo viviu no Paraíso e casou coa cuarta filla da panadeira Rosario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario