sábado, 3 de octubre de 2026

Ascenso e caída de Viriato

  No ano 2016 coincidiron dous finais históricos. Un deles foi o de LP 45 que pechou definitivamente rematando con décadas de poderosa Movida. Sen desmerecer este caso, o outro, por antigüidade e influencia histórica, económica e mesmo demográfica, foi moito peor: Viriato, durante anos a empresa máis importante do concello, deixou de existir.
 
Foto de Luis Barca. Ano 2026
ASCENSIÓN
  Viriato Lamas Gutiérrez foi un empresario pontevedrés que veu a Ordes en 1950. Xunto coa súa muller Tasina Pisonero instalou unha tenda de roupa na esquina da rúa Alfonso Senra con Rosalía nun local alugado á familia Concheiro García os de Carballo. A gran novidade foi a produción propia xa que Tasina confeccionaba os xéneros de punto. Compraron unha máquina e contrataron a un par de mozas da localidade. O primeiro taller tivérono na Rúa dos Lagartos e logo trasládáronse a Alfonso Senra 79 (o antigo sanatorio e futura casa de Pilar a comadroa). A maioría de prendas vendíanse en Santiago. Tasina comentou que o primeiro pedido -de 60 prendas- pareceulles unha loucura (anos despois chegarían ás 5.000 prendas diarias!). Aos poucos incrementaron a produción e compraron máis máquinas de tricotar, así que tiveron que empregar cada vez máis mozas da localidade. Pronto se expandiron a outra tenda onde agora está "Mabe". 
  Nos anos 60 a empresa experimentou un gran auxe, abandonando definitivamente a venda minorista para pasar á produción en serie de xéneros de punto que chegaban a todo o mercado nacional. Durante esta época contaban xa cuns 100 empregados (a inmensa maioría mulleres). Nesta década tamén lles comprou terreos (o que hoxe son a Rúa da Fábrica e a Rúa Viriato) aos de Carballo e montou neles a primeira fábrica e de paso construíu a súa casa.
  No ano 1976 a empresa abandonou a estrutura tradicional e pasou a ser sociedade anónima cun capital de 106 millóns de pesetas. Viriato era o presidente e o seu irmán Ángel o director comercial. Nesta época as traballadoras xa eran 300 e Viriato SA a gran fonte de emprego da comarca e principal responsable do aumento demográfico da vila.
  Nos anos 80 Viriato chegou ao seu punto álxido con preto de 500 empregados (incluíndo ás que traballaban na casa: as "rematadoras"). Daqueles tempos todo o mundo recorda con agarimo as alegres e concorridas festas de Nadal onde se xuntaba a totalidade do persoal e había cestas e ata sorteos de viaxes.
  A contrapartida era que ao deixar de ser unha pequena empresa familiar e medrar tanto comezaron as primeiras tensións. Agora había representantes sindicais (13 da UGT que en 1986 quedarían en 5, sendo os outros 8 de CCOO). En 1988 o 25 % da produción estaba destinada á exportación e creáronse dúas novas sociedades "Tassina SA" e "Pisonero SA".
 
DECADENCIA E CAÍDA
  A partir de aquí todo empezou a ir mal. O principal culpable foi a propia crise do sector téxtil europeo, que agora enfrontaba a competencia de economías onde os custos laborais eran moito máis baixos.  Antes da súa morte en 1993, o mesmo Viriato tivo tempo de ver o inicio desa costa abaixo.
  Comezaron os despidos que dividiron aos traballadores e racharon amizades pero que non impediron unha situación de insolvencia que ocasionou unha suspensión de pagos en 1992. A pesar de superar os 700 millóns de facturación en 1991, había unha débeda de 220 millóns en indemnizacións aos traballadores que o director Pedro Tomé confiaba en solventar con subvencións públicas de 185 millóns. Dos 285 traballadores continuaron só 165, as débedas cos acredores convertéronse en participacións accionariais e iniciouse un plan de modernización tecnolóxica que custou 320 millóns de pesetas.
  Nada diso funcionou e en 1994 a fábrica estivo a piques de pechar. En marzo dese ano a empresa foi vendida por 24 simbólicos millóns de pesetas ao "arxentino" de Cestaños Francisco Ríos, que se reuniu cos traballadores e un representante de CCOO para tranquilizalos.
  Pretendía renegociar a débeda de 700 millóns que había coa Administración e investir ata 500 millóns para poñela de novo en marcha.
  Neses anos houbo unha importante ampliación de capital e un Plan de Actuación para a renovación tecnolóxica desenvolvida xunto con EOSA e o IGAPE, por medio dos programas PIMEGA.
  A pesar de todo iso a crise volveu a golpear á empresa nos anos 2000 e 2001. Aínda que acadou algunhas boas campañas de venta, a irregularidade do negocio non lle permitiu ter unhas bases suficientemente sólidas e provocou importantes desniveis en facturación e rendabilidade.
  Despois da incorporación en 2003 de Alejandro Ríos, fillo do dono, houbo un novo plan de acción que implicou outra reestruturación de persoal no ano 2004 e profundos cambios no equipo directivo durante o ano 2005. Logrouse un aval do IGAPE para a solicitude dun crédito para o reequilibrio financeiro. Unha vez máis cambiou a política comercial, o que permitiu a empresa ir resistindo pero sempre coa espada enriba do pescozo.
  Chegou ranqueando a 2015, ano no que aplicou un ERE para 40 empregados, o que supuxo un alivio para a súa situación, alivio ao que contribuíu a Xunta concedendo á empresa un préstamo participativo dun millón de euros a través de Xesgalicia. Pechou o ano cunha cifra de negocio de 9,5 millóns de euros, pero o obxectivo era volver aos 11 millóns de facturación. Segundo afirmaban estaban en plena reorientación do seu modelo de negocio tentando focalizarse na distribución en vez de na produción.
  Non obstante en setembro de 2016 a débeda de 350.000 euros con Facenda forzou á compañía a solicitar o preconcurso de acredores, teoricamente un mecanismo para ganar tempo e acumular diñeiro para pagar esa débeda. Ademais producíronse protestas dos despedidos no último ERE.
  O peor foi que só puido servir o 20 % do pedido que lle fixera El Corte Inglés (cliente que supoñía o 40 % das vendas totais da empresa) para a campaña dese outono-inverno. A imposibilidade de garantir a produción fixo que El Corte Inglés lle notificara que non lle compraría a roupa da campaña primavera-verán de 2017. Iso foi o golpe de graza definitivo. Viriato tirou a toalla e en novembro de 2016 presentou a liquidación da empresa no Xulgado Mercantil Número 2 da Coruña.
  Por suposto o final completo aínda demorou un tempo. O despedimento oficial da maioría dos traballadores foi o 11 de xaneiro de 2017, agás os que estaban nas tendas (unha en Ordes e dous outlets en Madrid) e algúns de mantemento e administración da fábrica que duraron algo máis.
  E así rematou a historia da máis icónica empresa do municipio.