miércoles, 19 de octubre de 2022

Igrexa de San Xian (Poulo)

 
  A igrexa de San Xian e o cemiterio parroquial da parroquia de Poulo están no lugar do Outeiro, case ao pé do Camiño Inglés, preto da casa rural de Antón Veiras e da antiga reitoral, hoxe albergue de peregrinos.  
  É un templo de planta case rectangular, cunha fachada duns 7 metros de anchura, mentres a absida é medio metro máis estreita. Dado que a súa lonxitude total chega aos 18 metros, ten arredor de 120 metros cadrados, sendo así esta igrexa a segunda máis pequena do concello, só superada pola de Lesta (de feito, a capela da Mercé na Calle é máis grande). 
  O seu aspecto actual data de principios do século XX, cando foi reformada a instancias do párroco José María Barreiro García (1878-1972), aínda que elementos como a cruz cumial da ábsida ou o arco do interior ofrecen indicios dunha orixe moi anterior. 
 
 
  Os muros da parte dianteira son de cachotería revocada e pintada de cor branca. Na ábsida a parte máis baixa está feita de perpiaños e a superior de cachotería. A cuberta é a dúas augas con tella do país. A fachada é moi sinxela con porta e fiestra rectangulares e unha placa entre as dúas na que se pode ler: "Se reedificó siendo cura párroco don José Mª Barreiro García. Año 1927". Tamén hai outra máis moderna en recordo do párroco don Manuel Otero Rodríguez. A pesar do pequeno tamaño da igrexa, a espadana ten tres campás, caso único en todo o concello.
  Como temos dito, o elemento máis destacado (e fácil de pasar desapercibido) é unha preciosa cruz cumial, presumiblemente moi antiga e que nos recorda a outras que hai en Irlanda e no Reino Unido. 
 

  No interior, pequeno e sinxelo, o que máis chama a atención é o arco de acceso ao presbiterio que xa non é románico senón lixeiramente apuntado, indicio de que pode datar da baixa Idade Media (séculos XIV ou XV). Na súa base hai dúas columnas de fuste circular e con capiteis parecidos pero non iguais. 
 
 
 
A parede detrás do altar non ten un retablo senón diversas figuras como unha virxe ou o inevitable San Roque. No centro está San Xian con rica casaca e sostendo un falcón na man esquerda, por tanto representa ao lendario nobre francés que matou aos seus pais, e a palma do martirio na outra man é un erro habitual, pertencendo a un santo diferente (S. Xian de Antínoe ou S. Xian de Brioude). O bordo da parede está decorado con pinturas de caras de anxos, que datan de 1959 segundo a inscrición que hai no lintel da porta.
 
  Na nave principal hai tamén unha escultura de San Antonio de Padua no muro norte e outra dunha virxe no muro sur.
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario