O apelido Villaverde, con case 400
portadores, é moi habitual en Ordes. Naceu obviamente na pequena aldea de Vilaverde que está a un quilómetro da
vila e aínda hoxe, a pesar de que se espallaron por outros lugares como o
Piñeiro ou a Espenica (entre outros os de Veiras), segue habendo Villaverdes no lugar: son os de Ghorecho.
A razón do nome é que o patriarca foi Gregorio
Villaverde Ghorecho (con gheada),
un podente agricultor, que casou con Jesusa Veiras de Lavandeira (Poulo).
O
matrimonio tivo polo menos 5 fillos: María, Juan, Cándido, Andrea e José
Villaverde Veiras*.
María Villaverde Veiras (1892-1974) casou para o Balado con José Areoso
Golán (1888-1961), irmán de Manuela -a matriarca dos de Gholán
do Balado-.Tiveron tres fillos: Jesús Areoso
Villaverde (1927-2002) que foi capataz de legoeiros e acabou vivindo na
Coruña, Jesusa (1932-2020) que casou con Manuel
García Varela dos Gharcías do Casal con quen
rexentou un bar na Coruña e foi nai do actor Manuel José García Areoso e de
Ismael José, e a profesora do Instituto San Clemente Mª
Carmen Areoso Villaverde (1933-2019), muller do veterinario Vicente
Fojo Salgueiro.
De Juan só sabemos que emigrou a Buenos Aires e non volveu a dar noticias.
Cándido Villaverde Veiras (1898-1977) foi o que herdou a casa paterna e
casou con Jesusa
Regos Barreiro (1906-2000) do Casal. Tiveron tres fillos: José,
Concepción e Emilia.
José Veiras Regos (1926-1995) foi
comisario de policía e viviu na Coruña. Concepción casou co taxista Benedicto
Rodríguez Gómez (1922-2016), fillo do Serrador e irmán do antigo guerrilleiro Pedro.
Con el tivo dous fillos, Manuel e Benedicto.
Emilia Veiras
Regos
foi a que quedou en Vilaverde. Casou con Evaristo Moure Castro (1932-2012)
tamén de Vilaverde -matrimonio adiantado ao seu tempo pois viviron cada un na
súa casa-. Evaristo foi todo un personaxe, agricultor, barbeiro e criador de
ovellas e cans de caza. Era coñecido non só en Ordes senón en toda a comarca e
os domingos o patio da súa casa parecía unha feira con grupos de persoas
falando de caza e comprando, vendendo ou intercambiando cans.
Andrea Villaverde Veiras (1901-1975) tivo un fillo de solteira, José Villaverde Veiras, coñecido como Cheíño
ou o Xeitoso pola súa curta estatura.
Aprendeu a tocar o clarinete e de mozo foi compañeiro de fatigas do seu veciño
Manuel Viqueira Vieites o gaiteiro de Vilaverde. Posteriormente emigraría ao
Uruguay e á súa volta traballou como funcionario municipal (nos xardíns,
conducindo o camión do lixo e cobrando as taxas nas feiras) ata a xubilación. Casou con Carmen, a filla maior de José Becerra Darriba (1910-1973), coa que tería un único fillo, Jorge.
Andrea casou logo con José del Río Grela (1909-1988) co
que tería outras tres fillas: María, Felisa e Carmen del Río Villaverde.
Jose Villaverde Veiras tamén quedou en Vilaverde. Casou con Josefa Gómez
Garaboa (1917-2009) de Poulo, coa que tivo dous fillos, Pilar e José
Villaverde Gómez. Este último foi o que viviu en Vilaverde e morreu en febreiro
de 2024.
* Aínda que tiñan os mesmos
apelidos e unha idade parecida, os irmáns José e Manuel Villaverde Veiras (os Veiras da Espenica e Lagartos), non eran familiares
próximos pois os seus pais foran Jerónimo Villaverde Gómez da Espenica e María
Veiras Pérez dos Veiras de Pardiñas.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario