A súa situación na Calle de Poulo ao pé do Camiño Inglés permite supoñerlle unha orixe medieval, pero sufriu
tantas modificacións que agora nun primeiro momento ata poderíamos confundila cunha
igrexa do sur de España ou Portugal polo seu aspecto exterior.
Ten planta rectangular cunha ábsida algo máis
estreita á que está acaroada pola parte norte a sancristía, o que lle da unha
forma de L común a outras igrexas da
zona como as de Buscás, Ardemil e Parada. A pesar da súa condición de capela, é
moi grande. Os seus 20
metros de lonxitude por case 7 de anchura, máis o
engadido da sancristía fan que ocupe un 165
metros cadrados, superando en tamaño á maioría das
igrexas do concello, e obviamente á do Outeiro (que é das máis pequenas).
Está feita de cachotería revocada, agas as
esquinas e marcos de portas e ventás onde se empregaron perpiaños. O tellado a dúas augas está cuberto con
tella do país. A espadana e unha escaleira ata ela son de formigón, froito
dunha reforma a principios do século XX. No ano 2021 volveuse a reformar,
cambiando a forma da baranda.
Na fachada hai unha placa en recordo do
sacerdote don Manuel Otero Rodríguez e na esquina do muro norte coa sancristía
hai outra de mármore na honra dos fregueses caídos "por Dios y por España" na Guerra Civil: José Suárez,
Manuel Veiras, Jesús Gómez, Manuel Rodríguez, Benito Botana e Ricardo Pulleiro.
O interior sufriu numerosos engadidos. Así e
todo consérvase o piso de lousas orixinais. Hai notables pezas de carpintería e
dous retablos laterais neoclásicos enfrontados. Un arco de medio punto, tamén
moi reformado, da acceso ao presbiterio onde destaca un retablo maior
neóclasico da segunda metade do século XIX, pero con tal profusión de adornos e
dourados que máis parece rococó. Na súa parte alta hai tres imaxes de pequeno
tamaño. A imaxe central é unha Virxe do Rosario flanqueada ao norte por San
Sebastián e o Papa San Silvestre e ao sur por San Bieito e San Xian, o patrón
da parroquia.
Por suposto nun lugar destacado a carón do
muro sur da nave está a imaxe da Virxe da Mercé. Ténselle moita devoción na
zona e na súa honra celébrase unha concorrida romaría o día 24 de setembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario