O PJ
en Alfonso Senra 113 é o herdeiro dun dos comercios máis antigos da vila.
O fundador, a finais do século XIX, foi o carpinteiro José Romero
Faya (1869-1933), procedente de Noia
como tantos outros comerciantes da vila. Ademais de fabricar mobles e ataúdes
tamén vendía calzado e tecidos. No ano
1922 ampliou o negocio poñendo ademais unha "tablajería"
(como se lles chamaba entón ás carnicerías). Era, por tanto, un próspero e
acomodado empresario que chegaría a ser recadador de contribucións no ano 1924
durante a ditadura de Primo de Rivera.
Casado con Josefa Álvarez, tivo tres
fillos: Pilar, Ramiro e Manuel Romero Álvarez. Logo casou en segundas nupcias
con Rogelia
Vieites Álvarez (que morreu en abril de 1929 con 33 anos) coa que tivo catro fillos máis: Sara -que fixo a 1ª
comunión en 1928 na primeira misa oficiada polo seu medio irmán Manuel-, José,
Florinda e Pura Romero Vieites. Curiosamente Sara (m.1993) e Florinda (m.2021) casaron con dous irmáns, Manuel e Jesús Vaamonde Gómez e remataron vivindo no Burgo (Cambre).
Ramiro (m.1974), o segundo fillo, emigrou a Cuba pero volveu e montou unha
reloxería na Rúa Panaderas da Coruña.
Manuel (1905-1975) ordenouse sacerdote en Tui en marzo de
1928, sendo o seu primeiro destino San Miguel de Filgueira (Oza-Cesuras). Exerceu logo en
Visantoña nos anos 30 e foi o titor dos seus medios irmáns despois da morte do seu pai en 1933. Rematou como párroco en Rianxo onde morreu e onde foi soterrado
(aínda que as súas cinzas repousan agora no panteón familiar en Ordes).
A irmá
maior Pilar
Romero Álvarez Pilucha (1900-1987), sería a que herdaría a
casa familiar e o comercio. Casou en 1931 (voda oficiada por suposto polo seu
irmán) con Julián Marcos Arenas (1907-1978),
un mozo de Guadalajara destinado como axudante de topógrafo en Betanzos no seu
servizo militar, motivo polo que a familia sería logo coñecida como os de Julián.
Julián continuou co negocio familiar, a
carnicería "La Madrileña" -posiblemente porque a xente pensaba
que el era de Madrid-, pero o da carne non era o seu e buscou outros
horizontes: puxo unha librería onde se vendía La Voz de Galicia (da que
era o correspondente en Ordes desde 1931) e que foi o negocio que máis tempo
durou, foi fotógrafo durante os anos 30 e 40, estivo de socio no Cine Troche
con Viriato o Vello, e mesmo foi durante moitos anos o único funerario da vila
(seguindo a senda do seu sogro) ata que o secundou Antonio Rivas Casabella.
A maiores encárgabase de organizar
aquelas simpáticas competicións que había nas festas dos anos 40 e 50.
Tivo tres fillos con Pilar: Julián (que naceu
en 1931 e que foi bautizado polo seu tío), Isidro e Teresa Marcos Romero.
Julián casou con Victoria Díaz Vázquez, filla do
garda civil Ángel Díaz López (1906-1973) e irmá de Estrella (a muller de Ramón o Practicante),
coa que tivo 4 fillos en Padrón onde se estableceu.

Finalmente a máis nova, Teresa Marcos Romero (1935-2011), foi a que
herdou o negocio familiar -a 2ª vez que se transmitía por liña materna- e casou con José
González Castro Pepe de Julián (na súa mocidade o Calderillas).
Pepe
procede de coñecidas familias ordenses, pois é fillo de José González Faya Pepe do Capitán -irmán do famoso Víctor-
que tiña unha zapatería no Orzán e de María
Castro Ferreiro (1904-1945). Esta última era filla do matrimonio formado
por Francisco Castro Castro e Jesusa Ferreiro Franqueira (m.1968)
dos Faberos (os Ferreiros do norte). Francisco morrería novo e Jesusa casaría logo con
José Figueira Bello (1880-1973) "consumeiro" no fielato da Coruña en
Monelos (cobraba o tributo que había naqueles tempos por entrar na cidade con
mercadorías), co que non tería fillos. Eran veciños de Pepe do Capitán no
Orzán.
|
Teresa e Pepe casaron o 11 de abril de 1959 e tiveron 5 fillos: José, Mª
Jesús, Mª Teresa, Isidro e Marcos González Marcos. O maior, José Pepe de
Julián, é o propietario da Cervecería PJ -no local do antigo comercio- desde o ano 1999.
No hay comentarios:
Publicar un comentario