No lugar da Eirexe na parroquia de Lesta está situada esta pequena igrexa
de planta rectangular e cuberta a tres augas, que debe o seu aspecto actual a
unha reforma do século XIX. Cos seus 6,80 metros de anchura
e 17 de lonxitude non chega nin aos 120 metros cadrados de superficie, polo que é a
máis pequena de todo o concello, por diante da do Outeiro en Poulo.
Exteriormente alterna o uso da pedra de
cantería descuberta na fachada co revoco nos muros laterais e novamente
cantería descuberta na parte traseira. Na fachada, moi sobria, a porta
principal e o van superior teñen unha lixeira moldura, sobresaíndo do muro. Está
coroada por unha sinxela espadana dun só oco (caso único no concello) e dous
pináculos nos extremos do beiril. Tamén hai molduras nas fiestras e na zona
traseira. Estes escasos elementos ornamentais fan que a igrexa de Lesta sexa
moi austera e teña un aspecto máis neoclásico que barroco.
No interior, a nave está abovedada e no
presbiterio esta bóveda está recuberta de madeira. Destacan dúas pequenas
fornelas cun elegante altar de granito cada unha, ambas as dúas enfrontadas, e
o gran arco de medio punto que marca a entrada ao presbiterio.
Detrás do altar maior hai un retablo neoclásico
con catro columnas de fuste liso. No centro podemos ver a imaxe do apóstolo
Santo André diante da cruz con forma de aspa. Nos altares laterais hai catro pequenas figuras, unha das cales é San Ramón, santo a quen se lle dedica unha festa a principios de agosto.
Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario