jueves, 29 de octubre de 2020

Florentino Ruibal Rivas

   Florentino Ruibal Rivas naceu en 1928 no lugar da Maquía, na parroquia de Buscás. Máis coñecido polo seu alcume Flor da Maquía, alternou o oficio familiar de canteiro (do que tamén estaba moi orgulloso) coa música tradicional.

  O seu avó xa facía muíños de auga en Trabes (de onde ven o seu alcume) e o seu pai, José Ruibal Graña (1895-1981), tamén foi canteiro. Do seu matrimonio con Jesusa Rivas Viqueira (1900-1982) tivo 9 fillos, a maioría mulleres, dos que Florentino foi o 4º. A anterior a el, Sofía Ruibal (1927-2001), marchou a servir a Santiago e fíxose famosa nos anos 80 porque facía poemas que enviaba ás redaccións dos xornais e a distintos mandatarios como Albor, Estévez, o rei e mesmo o presidente do Uruguay.

 Florentino sentiu a chamada da música. Con 10 anos xa fabricaba punteiros coas canaveiras que recollía indo coas vacas, logo poñíalles unha palleta de bieiteiro e aprendeu a tocar de oído. O seu pai prometeulle unha gaita se o axudaba cos panteóns do cemiteiro de Poulo e así conseguiu o seu primeiro instrumento, segundo el "un dos dous días máis felices da miña vida" (o outro foi cando casou coa súa muller).

  Xunto con Domingo Calviño Viqueira (1920-2004) que tocaba o clarinete, o seu irmán José Mª que tocaba a caixa, e Cesáreo Liñares Cesáreo da Rúa que levaba o bombo, formaron un dos mellores e máis famosos grupos musicais de toda a comarca: Airiños de Buscás (aínda que realmente a xente simplemente lles chamaba Os de Calviño). Ensaiaron durante dous anos seguidos e debutaron nas festas de Ordes en agosto de 1942 cando tiña catorce anos e con permiso do alcalde para non ser detidos pola Garda Civil. Esa actuación foi un rotundo éxito. 

  A partir dese momento comezaron a ser contratados para festas e celebracións por toda a comarca. Tocaban practicamente todos os festivos e no mes de agosto non daban abasto. Durante unha década foron unha atracción que superaba en tirón polular ás bandas daqueles tempos pero logo as circunstancias vitais de cada un, especialmente os problemas co servizo militar de Calviño, fixeron que as reunións fosen máis esporádicas.

  Tamén tocaría co grupo de Ardemil Os da Fraga, formado polos irmáns Manuel (gaita), Lourenzo (clarinete), Ricardo (tambor) e Jesús Louro Raposo (bombo). Flor e José López Bao (1927-2015) substituíron algunhas veces ao irmán maior Manuel que estaba enfermo.

  Flor tivo un romance cunha moza da Gorita, Marina Areoso (a familia tiña un posto cun touro, onde levaban as vacas), pero o amor da súa vida foi Beatriz Suárez Blanco (1939-2017), una moza de Poulo, lugar onde se instalou a principios dos 50, despois da voda, na que fora antiga casa consistorial. O matrimonio tivo alí 3 fillos: Juan Carlos, Mª Elena e Mª Jesús Ruibal Suárez.

  Durante un tempo deixou de tocar pero co renacer da música tradicional, chegou o seu recoñecemento coma un dos mestres gaiteiros da comarca ordense. Do seu inxenio da mostra que, debido a serios problemas de saúde (anxina de peito), Flor non tiña folgos para soprar polo punteiro, entón argallou usar un inchador de lanchas que premía co pé para fornecer de aire o fol. Remediado o problema, Flor participou en varias foliadas, así como no programa "Alalá" (núm. 192) da TVG do que foi protagonista.

  Transmitiu a súa paixón pola música tradicional á familia, especialmente ás súas netas que o animaban a saír da casa. Os seus veciños recórdano como un home afable, paseador e moi conversador (moitos peregrinos do Camiño poden dar fe diso). Nos últimos anos instalouse en Ordes na Rúa Compostela na casa dunha filla ata a súa morte o 2 de outubro de 2020.

FONTE: "Vilaverde - Os Viqueiras"


No hay comentarios:

Publicar un comentario