viernes, 4 de febrero de 2022

Igrexa de Pereira

 
   A igrexa de Santa Aia ou Santa Eulalia de Pereira é de planta rectangular cunha nave de case 100 m2 e unha ábsida tamén rectangular un pouco máis estreita, ocupando todo o conxunto uns 160 m2, polo que está entre as máis grandes do concello. Os muros, revocados e pintados de cor branca, son de cachotería, con cantería nas esquinas. A cuberta é a dúas augas con fibrocemento na nave principal e tella curva do país na ábsida.
  A fachada conta cunha sinxela porta e fiestra, ambas as dúas rectangulares. Enriba da porta nunha xanela cega hai unha imaxe de pedra, aparentemente bastante antiga, de Santa Eulalia. A santa é perfectamente recoñecible por portar a palma do martirio. Enriba dela as iniciais "MPB".
  Nunha banda de pedra que cruza horizontalmente toda a fachada por debaixo da fiestra podemos ler que esta nave principal foi feita en 1880 por D. Eugenio Girón (posiblemente o mesmo párroco que logo estivo en Buscás), Antonio Bello (seguramente Antonio Bello Garaboa da rica familia Bello), e un tal Francisco ?
  Na parte esquerda, cravada no chan hai unha cruz de ferro.
 

  Na ábsida, que ten unhas dimensións de 9,5 por 6,5 metros aproximadamente, destacan dous contrafortes en cada un dos muros laterais (non os hai en ningunha outra igrexa do concello) e unha cruz cumial bastante deteriorada e presumiblemente moi antiga.
  A igrexa parécese bastante á de Santa Cruz de Montaos, tanto na forma como nas dimensións, aínda que a de Pereira é un chisco máis ancha (8,5 metros) e algo menos longa (21 metros). Este parecido pode non ser casualidade se temos en conta que no século XIX Montaos era a parroquia matriz de Pereira, é dicir, o sacerdote era o mesmo para as dúas. Así que probablemente nesa reforma do século XIX D. Eugenio Girón inspirouse na igrexa de Montaos.
  Claramente a ábsida é moito máis antiga, probablemente de tempos medievais.
 

  No interior, no muro norte da nave hai unha imaxe da "Divina Pastora" (os fieis de Pereira chámanlle simplemente "a Pastora") á que se lle garda moita devoción, no muro sur hai unha imaxe de San Roque sinalando a chaga da súa perna.
  No presbiterio podemos ver un retablo neoclásico do século XIX cunha única imaxe central de Santa Eulalia caracterizada como unha nena coa palma nunha man e un libro na outra. Ten coroa e unha pomba pintada detrás. Na parte alta do retablo, nun medallón flanqueado por dous anxos, está a imaxe de San Xoán Bautista cun año aos seus pés.
  A igrexa, rodeada polo cemiterio, non está orientada ao leste como é o habitual senón ao sueste. No adro hai varias tumbas, unha delas, a de Antonio Moar Varela (m.1937), conta cunha artística lápida do artesán compostelán Vicente Eiroa.
  A uns 60 metros ao nordés atópase o cruceiro, nunha praza na que tamén está a antiga escola unitaria. Nese lugar celébranse as festas, das cales a da Pastora é a máis tradicional como podemos ver nesta noticia de 1934.
 
EL PUEBLO GALLEGO, jueves 29 de marzo 1934.
  El día 2 del próximo mes de abril, tendrá lugar en la parroquia de Pereira en Órdenes la tradicional fiesta, con que estos vecinos acostumbran a honrar anualmente la "Divina Pastora".
  Es idea unánime de todos los vecinos elevar el esplendor del mencionado festejo incluyendo varios números de gran atractivo en el programa de este año.
  Para iniciar el acto el día primero a las doce de la mañana se quemarán bombas en abundancia y a la noche se elevará además un globo de grandes dimensiones y grotesco.
  El día dos a las doce de la mañana se celebrará misa solemne a cargo del señor cura párroco don Antonio Duro, ayudado de otros sacerdotes de las parroquias limítrofes, con acompañamiento de armonium.
  La parte profana será amenizada por la renombrada banda de música de la parroquia de Arca y una gaita del país.
 
  Para coñecer outros templos do concello preme en Igrexas e capelas de Ordes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario