sábado, 2 de mayo de 2020

Parroquia de Vilamaior

  Vilamaior localízase ao nordeste do concello, lindando cos municipios de Abegondo, Mesía e Frades. Dentro do termo municipal linda coas parroquias de Ardemil, Buscás e Barbeiros.

  Segundo a páxina web do Concello, a súa superficie é de 10,79 km², o 6,9% do total municipal, algo por debaixo da media (é a sétima das 13 parroquias en extensión).
  Respecto á orografía, a maior parte do terreo supera os 350 metros de altura. Presenta un suave descenso de norte a sur. No norte están as cotas máis altas por enriba dos 410 metros na Chousa dos Campos, aínda que tamén no centro hai unha zona que supera os 400 metros. Loxicamente a zona de menos altura está no sur, á beira do río Samo, na Ponte do Peñasco que baixa algo dos 300 metros.
  Precisamente o Samo, que polo sueste fai as funcións de límite parroquial e municipal, é  o río máis importante da parroquia. O seu principal afluente, o río Traveso, xunto co rego de Adrán, regan a zona norte da Parroquia -o Traveso serve de límite municipal con Mesía ao longo de pouco máis de 1 Km-. A zona SO é cruzada polo río Buxán, outro afluente do Samo.
  A deshabitada zona centro norte da parroquia é o reino do arboredo con piñeiros e eucaliptos que se van mesturando coa matogueira segundo descendemos cara ao sur e cambia a unha zona de pastos no ámbito próximo aos núcleos de poboación.

  Aínda que é cruzada pola AP-9, a principal vía de comunicación parroquial é a estrada que vai dende o concello de Mesía ata a AC-524, na parroquia de Barbeiros, ramificándose a dereita e esquerda para dar servizo e comunicación ás diferentes aldeas. Na franxa que comprende entre 500 m ao norte e outros tantos ao sur ao longo desa vía concéntranse o 80 % dos núcleos da parroquia. O centro está deshabitado e no norte so hai 2 dos 25 núcleos totais (Adrán e Vilar), alto número aínda que algúns como Sanamís e Porpalla teñen apenas dous habitantes cada un.
  A poboación, que a principios do século XIX superaba os 420 habitantes, descendeu un 27 % e no ano 2021 era só de 305 almas (28 hab/km²). O núcleo máis importante é o Casal (39), seguido de Adrán (33).
 
LUGARES: Adrán, A Ameixeira, A Armada, O Campo do Sino, O Carballo, O Casal, A Casanova, O Castro, A Cesteña, As Corredoiras, O Coto, Fondo da Aldea, A Igrexa, A Maquía, As Marchás, Melante, Merlís, Patrocelos, A Pedreira, Porpalla, O Porto, O Roel, Sanamís, O Vilar.
 
  No núcleo da Igrexa está a fermosa  igrexa parroquial de Santiago co cemiterio e o campo da festa. Preto do Casal está o tradicional "Café Bar Pedro" e uns 150 m ao leste a pista descuberta onde se pode xogar ao tenis ou ao fútbol. Ademais da igrexa, Vilamaior conta con outros dous templos: a notable e antiga capela do Socorro e a moito máis moderna capela de San Pedro de Adrán.


  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan o castro de Vilamaior preto do Castro e a Medorra de Adrán.
  No Antigo Réxime Vilamaior pertencía á xurisdición de Folgoso. Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" de principios do século XVII informa que a parroquia tiña 50 veciños (uns 225 habitantes), sendo a 4ª máis poboada do concello, só superada por Ardemil, Buscás e Leira. No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declaran ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Nesa época contabilizábanse 68 veciños en 62 casas. Había varios artesáns e ningún "pobre de solemnidade". Producían coles "gallegas", trigo, centeo, millo miúdo, millo e liño. 

  No século XIX, en 1828, segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Miñano, Vilamaior tiña 66 veciños con 306 habitantes. En 1850 (22 anos despois) o Diccionario de Madoz reducía os veciños a 50 e os habitantes a 250. Engadía que o clima era "benigno" e producía trigo, centeo, millo, nabos, patacas e algo de froita. Criaba gando vacún, cabalar e algúns porcos e cabras, e cazábanse lebres e perdices. A única industria eran dous muíños fariñeiros.

  A finais do século XIX, en 1896 fíxose a presa da Maquía derivando auga do Samo para alimentar outro muíño fariñeiro. O empresario foi Marcial Carrero, veciño de Verín (que supoño sería o médico Marcial Carrero Ulloa, habitual veraneante en Ordes). Anos despois tamén se instalaría un motor que daría electricidade ás parroquias da zona: Vilamaior, Olas, Buscás, Barbeiros, Abellá... A empresa tería o enxebre nome de "Electra Maruxa". 
  

  A principios do século XX Vilamaior sobrepasaba por pouco os 400 habitantes e tiña dous importantes comerciantes, un de cortiza, Domingo Vieites, e un tratante de gando, Francisco García. En 1908 o alcalde pedáneo era Manuel Sanjurjo Manteiga (n.1887) e o párroco Vicente Monteagudo Fernández. Precisamente en abril de 1922 Manuel Sanjurjo como presidente con Pedro Gómez Gaudeoso de secretario constituíron unha sociedade agraria na parroquia, posiblemente de inspiración socialista, porque Pedro, veciño da Ameixeira, sería posteriormente concelleiro do Partido Socialista no goberno municipal da Fronte Popular de Ordes. Tamén no ano 1922 os irmáns José e Manuel Bascoy Pereira prendéronlle lume ao palleiro do cura e rompéronlle varios cristais das ventás.
  Por esa época o mestre da parroquia era Lisardo Castro Amor (1896-1986), o pai do avogado Julio Castro Pol.
  En 1935 tivo lugar o crime no que a vítima foi o mozo de 23 anos Manuel Sanjurjo Rivas, morto a paus despois dunha romaría.
  A República viu un florecemento das tendencias de esqueda en Vilamaior pero o Alzamento rematou con todo iso e na represión subseguinte pereceron o ferreiro Manuel Sanjurjo Varela (torturado ata a morte) e Manuel Moar Cao. Ademais Juan Bascoy Pereira (1895-1988), veciño da parroquia que daquela era mestre de Mera (Ortigueira) salvouse de ser paseado ocultándose no monte e estivo suspendido de emprego e soldo ata 1958 e Manuel Sanjurjo Manteiga, o secretario da sociedade agraria, foi procesado polo delito de rebelión, aínda que en 1941 rematou de pagar integramente a multa que lle puxeron e accedeu libremente aos seus bens.

  Despois dos duros anos de posguerra Vilamaior perdeu poboación como toda a zona rural do concello.
  En 1967 A Dirección General de Energía autorizou a Ramón Sánchez Couto, propietario de "Electra Maruxa" a instalar unha liña de transporte de enerxía eléctrica de 4,5 Km desde Pardiñas (Fenosa) ata a central de Riveira en Vilamaior e dous centros de transformación, un na propia central de Riveira e outro no Peñasco.
  Nas dúas últimas décadas do século XX a parroquia foi un pequeno graneiro de votos para o PP, en parte debido á permanente presenza nas súas listas do propietario do "Bar Pedro" Pedro Ferreiro Martín.

2 comentarios:

  1. Moitas grazas, Juan José.
    Son nacido en Ferrol e levo pouco máis de dous anos empadroado en Ordes.
    O teu blog estame axudando moitísimo a sentirme cada día máis ordense.
    Hai uns 12 anos xa vivira por estas terras, pois traballei como profe de ximnasia para o concello en 9 parroquias, pero non chegara a coñecer abondo estas terras, a súa historia e xentes tanto como descubro no teu blog.
    Realmente estou encantado co blog: é ameno, ben contado e moi útil, alomenos para xente coma mín.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moi agradecido polos teus eloxios. É motivador que o que fagas guste á xente. Un saúdo.

      Eliminar