O ano 2021
éstivo marcado por un incremento dos fenómenos meteorolóxicos extremos, unha
das consecuencias do cambio climático que os científicos levan anos advertindo.
En España destacaron dous fenómenos:
- En inverno a histórica Filomena, a maior nevada do século na
que caeron flocos 36 horas sen parar, deixando espesores superiores a un metro
de neve.
- En verán o novo record de
temperatura máxima de 47,4ºC
en Montoro (Córdoba) o 14 de agosto. Tamén bateron records propios Albacete,
Ávila, Cuenca, Jaén, Madrid, Murcia, Navarra, Segovia, Soria, Teruel e Toledo,
que superaron os 38ºC, e en varios puntos do sur peninsular superáronse os 46º
C (en Canadá chegaron a 49,6ºC!).
Ademais España foi o terceiro país de Europa con maior número de hectáreas queimadas
polo lume e en California os devastadores incendios forestais permaneceron
activos ata tres meses.
En Galicia foi un ano algo seco,
especialmente o segundo semestre, e cálido.
As temperaturas foron moi variables. Mentres
xaneiro foi moi frío, especialmente na súa primeira metade, febreiro foi moi
cálido debido ás masas de aire do suroeste. Abril de novo resultou cálido,
pero en maio volveu o frío especialmente polas mañás e noites. O verán foi
máis ben frío e, en cambio, setembro e outubro tiveron temperaturas máis altas
do habitual. Novembro foi frío e decembro, en cambio, moi calido.
As precipitacións foron algo máis baixas do
habitual. Xaneiro foi húmido, especialmente a 2ª metade do mes na que
chegaron borrascas como Gaetán (19), Hortense (21-22), Ignacio (23) e Justine
(29-30). Febreiro foi tamén moi húmido, destacando a borrasca Karim (19),
mentres marzo resultou bastante seco. Maio e xuño foron bastante húmidos,
especialmente este último con chuvias persistentes do 17 ao 21, e logo xullo e
agosto secos. Outubro e novembro volveron a ser máis secos do habitual, mentres
decembro tivo unha cantidade de precipitacións normal aínda que dividida en
moitos días.
Na comarca de Ordes destacou un episodio que
sucedeu o 2 de outubro.
Os refachos de vento que houbo
esa noite estragaron amplas extensións de millo, que estaba a punto de ser
recollido e non puido ser aproveitado como forraxe. En moi pouco tempo, quizais
dúas horas escasas, diversas explotacións gandeiras de toda a comarca perderon
unha parte considerable do traballo de todo o ano. Por exemplo un gandeiro con
plantacións na contorna da ponte do Lengüelle, no límite entre Oroso e Trazo,
perdeu 8 das 16
hectáreas que tiña sementadas. Tiveron que ser refachos
moi fortes en lugares moi puntuais (unha especie de pequenos tornados) que
explicarían que nunha mesma parcela houbese zonas que permanecesen intactas e
outras fosen arrasadas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario