O lugar do Pazo, na parroquia de Parada, debe
este nome á denominada Casa Grande.
Pouco sabemos dela agás que a principios do século XX o propietario era Balbino del
Valle González (m.1958) de Carraltravesa, parroquia de Sabadelle
(Chantada), casado en 1914 con Carmen Vázquez Mariño coa que tivo 11 fillos, un
deles, José, foi alcalde de
Santiago, procurador en Cortes e gobernador civil de Lugo. Balbino del Valle
tiña 9 lugares con caseiros en Parada. A Casa Grande foi herdada polo seu fillo
Francisco e hoxe é propiedade da súa viúva que a visita coas dúas fillas do
matrimonio.
A casa conta cun par de escudos nunha fachada que da a un patio interior, polo tanto os paseantes non poden velos a menos que
sexan invitados a entrar por alguén da familia. Están bastante desgastados
(moito máis que nestas fotos que datan dos anos 80 do século pasado) porque esa fachada da ao sur.
O primeiro escudo ten tres cuarteis. No que
ocupa a metade dereita vemos o piñeiro e as dez lanzas da familia Caamaño,
moi importante na comarca e que aparece noutros escudos como os do pazo do Bidueiro, o da capela de Codeseda, ou o da igrexa de Santa Cuz. Na primeira
partición está a cabeza de lobo dos Moscoso.
Debaixo hai dous lobos que moi probablemente representen á
familia Osorio. Preto do pazo había unha casa moi antiga (tristemente desaparecida hoxe) da que está documentado por escrito que pertencía aos Osorio, Torrado e España.
Non obstante o moi experto Carlos Martínez Barbeito no seu libro "Torres,
pazos y linajes de la provincia de La Coruña" di que son os lobos e a
estrela dos Lobeira. É posible, pero nin a forma do rabo é a mesma nin son quen de ver ningunha estrela e ademais moitas veces o escudo da
familia Lobeira tiña un só lobo, mentres noutros casos aparecían ondas de auga debaixo dos lobos. En todo caso apuntadas quedan as dúas posibilidades.
No segundo escudo aparecen na parte superior
tres emes, o do medio, cunha coroa enriba, que representan aos Montenegro.
O escudo desta familia era habitualmente un M de prata (branco) cunha coroa
de ouro en campo de sinople, pero ás veces era un simple M de sable (negro)
en campo de prata. Na parte baixa do escudo aparecen dous dragóns como
dragantes dunha faixa, representando á famosa familia Andrade. Están en posición horizontal e aparecen os corpos semellando serpes coas colas retorcidas. Isto non é nada común, porque habitualmente só
aparecen as cabezas e formado unha liña diagonal.
Para máis información sobre heráldica de familias galegas:
No hay comentarios:
Publicar un comentario