viernes, 6 de diciembre de 2019

Parroquia de Leira

  

   Leira está situada ao norte do concello de Ordes, lindando ao leste con Ardemil e ao oeste con Mercurín. Ten forma de tira alongada (da fronteira noroeste con Cerceda á sueste con Buscás hai uns 9 Km, mentres que no outro sentido a súa anchura é de pouco máis de 3 Km).
  Segundo á páxina web do Concello ten unha superficie de 16,28 km², por enriba da media municipal, e só por detrás de Ardemil (20,48 km²)  e Ordes.
  A súa orografía caracterízase polas suaves pendentes. A maior parte do seu territorrio ten entre 300 e 400 metros de altura. Supera esta cifra na zona noroeste onde está o lugar máis alto da parroquia (o Gandarón con 421 m) e tamén, por moi pouco, na zona máis central (Monte das Patas, 407 m). A zona máis baixa localízase ao sueste preto do límite parroquial, próximo ao río Cabrón, que dende o sur da parroquia recolle as augas dos regos de Covelo e Loureda. Na zona norte atopamos o rego da Fonte da Uceira, que verte as súas augas ao Encoro de Vilasenín, o mesmo que o río Portigo de Vilasenín.
  No referente á paisaxe, no sueste atopamos grandes extensións de prados preto dos núcleos da Altiboia, A Castiñeira, Gouzón, A Pedreira, Menlle, Castrelos e Codeseda, que se van mesturando coas zonas arboradas cara á zona centro. No noroeste, con maior dispersión poboacional, as extensións de pasteiros redúcense a pequenas áreas no ámbito dos núcleos que se mesturan coas matogueiras e deixan lugar ao arboredo xa ao norte e oeste.

  A poboación era no ano 2021 de 620 habitantes, o que a colocaba no 4º posto do concello por detrás de Ordes, Ardemil e Montaos. A pesar da proximidade á capital ordense tamén Leira perdeu poboación no século XXI, xa que no ano 2000 superaba os 670 habitantes.
  Hai 17 núcleos pero non se reparten de xeito homoxéneo. O polo de atracción principal é a estrada N-550. Nas súas proximidades vive a maior parte da poboación. Só Castrelos, cos seus 130 habitantes, xa supón o 21 % do total parroquial. Logo, en menor medida, hai algúns nucleos no norte grazas á proximidade da estrada que percorre a parroquia de Mercurín para desembarcar no concello de Cerceda a través de Leira. No norte tamén está o segundo núcleo en importancia: Meitufe, con case 50 habitantes.
 
LUGARES: A Altiboia, A Bailía, O Batán, A Castiñeira, Castrelos, O Cano, O Castro, A Cerdeira, Codeseda, A Espiñeira, Gouzón, Loureda, Meitufe, Menlle, A Pedreira, A Portela, Queirúa, Vilasenín.
 

  Ao pé da N-550 están os principais establecementos e empresas, por exemplo a importante Macoga, a agora quebrada gasolineira Ponpre e o coñecido Hotel Barreiro. Na parroquia houbo dúas unitarias, agora locais sociais, unha en Castrelos e outra na Bailía (onde se chegaron a celebrar misas).
  Preto de Menlle e Castrelos atópase a igrexa parroquial de Santa María, a carballeira co cruceiro e o campo da festa. As festas son varias pero a máis popular é a de Santa Eufemia o 16 de setembro.
  En Codeseda hai un interesante pazo que pertenceu en primeira instancia á familia Verea e Aguiar e, non moi lonxe, a súa correspondente capela.
  No norte da parroquia é recomendable visitar o Encoro de Vilasenín onde podemos ver, se a sorte axuda, unha boa cantidade de aves acuáticas.


  O topónimo Leira posiblemente veña do céltico lar que se transformou no latín larea co significado de "campo de cultivo".
  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os varios castros e mámoas que podemos atopar nela.
  No Antigo Réxime Leira pertencía á xurisdición de Mesía (baixo o dominio do Arcebispo de Santiago). En 1607 o cardeal Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" di que tiña 60 veciños (uns 270 habitantes), sendo a 3ª máis poboada, só superada por Ardemil e Buscás. Nese século XVII foi construído o Pazo de Codeseda (e a capela) por mandato da familia Verea e Aguiar
  No século XVIII sabemos polo Catastro del Marqués de La Ensenada que había 58 veciños (e dúas casas arruinadas). Tamén había unha taberna na Pedreira que pertencía a un tal Juan Gómez. Producíase centeo, millo, millo miúdo, liño, nabos e "verzas gallegas". Anecdoticamente mencionaba dúas capelas: a de Codeseda e outra dedicada a San Roque "que es de fundación y devoción de todos los vecinos".
  A finais do século XVIII, en 1764, comezan as obras do "Camino Nuevo de Coruña a Santiago" -hoxe Nacional 550-, que lle deu un gran impulso á parroquia.

  No século XIX, en 1828, segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Sebastián de Miñano, Leira tiña 95 veciños con 480 habitantes -datos que parecen moi esaxerados-. En 1847 (19 anos despois) o moito máis fiable Diccionario de Madoz reducía esa poboación a 49 veciños e 246 habitantes. Engadía que "el terreno en su parte baja es de buena calidad y sus montes poblados de tojos se roturan cada 30 años y producen abundante y buen trigo" e que producía, ademais de trigo, centeo, millo, avea, patacas, fabas, hortalizas e nabos. Tamén había gando vacún, lanar, porcino e cabalar xunto con caza (perdices, lebres e coellos) e pesca. Os muíños fariñeiros, a única industria, eran 3 nese momento. A igrexa parroquial xa estaba dedicada a Santa María.
  Nos anos 30 do século XIX durante a primeira Guerra Carlista houbo un destacamento militar en Castrelos e tiveron lugar diversos fusilamentos de "facciosos" (carlistas), que logo eran soterrados no cemiterio parroquial, feitos que eran recollidos polo sacerdote José María Camba. Mesmo en 1839 sabemos que foi fusilado como faccioso Francisco Carneiro o Portugués -natural de Tomiño- e que "su cabeza quedó colgada en un palo en la carretera que pasa para la Coruña".
  En 1876 a poboación de Leira era de 513 persoas.
  A finais do século XIX, en 1882, ten lugar o sanguento, e moi famoso na época, crime dos caldeireiros, aínda que tanto a vítima como os criminais eran da parroquia de Poulo.
 
  A principios do século XX, en 1928, Leira chegaba aos 638 habitantes (a 4ª parroquia de Ordes e 12ª da comarca).  
  Na época republicana viviuse un florecemento do asociacionismo agrario. Leira non foi a excepción e en agosto de 1933 naceu "Amor y Fraternidad Proletaria" con José López Garaboa, veciño da Castiñeira, de presidente (tamén foi concelleiro por Izquierda Republicana), Ricardo Vieites García de secretario, José Uzal Mosquera de tesoureiro e Jesús Gómez Boquete e José Liste Regos de vogais.
  Durante a Guerra Civil a estrada N-500 tinguiuse de sangue: apareceron nela tres paseados a finais de 1936, dous deles descoñecidos e outro que resultou ser Felipe Veiga Gómez, veciño de Betanzos de 28 anos.
  A finais dos anos 70 a parroquia de Leira viviu a maior transformación da súa paisaxe coa construción do Encoro de Vilasenín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario