A igrexa de Santa Cruz de Montaos é de planta rectangular cunha nave duns 90 m2 e
unha ábsida tamén rectangular un pouco máis estreita, ocupando todo o conxunto
uns 160 m2,
polo que está entre as máis grandes do concello. Os muros laterais, revocados e
pintados de cor branca, son de cachotería, con cantería nas esquinas. A cuberta
é a dúas augas con tella curva do país.
A
fachada, que é totalmente de cantería, conta cunha porta rectangular adovelada
e remarcada e unha sinxela fiestra, tamén rectangular e remarcada. Á dereita da
porta pódese ver un pequeno azulexo cun reloxo de sol pintado. Remata a fachada
unha espadana de dous corpos flanqueada por pináculos piramidais.
No interior, a nave está separada do presbiterio
por un arco triunfal semicircular. No muro norte da nave hai unha imaxe da
Virxe do Carme que é a que se saca en procesión nas festas, no muro sur hai
unha imaxe de San Roque sinalando a chaga da súa perna.
Xa no presbiterio podemos ver un escudo en relevo e policromado no muro
norte. No centro do retablo neoclásico detrás do altar hai unha gran cruz (advocación da
parroquia) flanqueada por unha imaxe do sacro corazón de Cristo á esquerda e da
Virxe do Rosario á dereita.
A igrexa está rodeada polo cemiterio. No adro
que serve de campo de festa e que conta con dúas ringleiras de plátanos está un
sinxelo cruceiro a uns 65 metros da igrexa, xa preto
da estrada.
Unha noticia de decembro de 1877 en El
Diario de Santiago permítenos saber que o Igrexario estaba en venda
naquel ano e constaba de 128 ferrados de labradío, 38 de carballeira e 130 a monte.
Como sempre que tratamos de Montaos, é
interesante ver o que nos pode contar Victorino Cores:
A data da construción da
Igrexa de Santa Cruz de Montaos non está nada clara, xa que non existen suficientes
probas que a confirmen con certeza. No seminario Maior de Santiago consérvase
un tacho de papeis aos que o lume dun incendio converteu en ilexibles. O mesmo
que pasa na casa reitoral de Santa Cruz.
Se nos fiamos da
data, que figura nas súas campás, foi edificada no ano 1836. Non obstante, no Catastro
del Marqués de la Ensenada de 1752,
cando lle preguntan aos veciños se o Rei ten no termo algunha finca, responden
que lle corresponde unha fraga de carballos de tres ferrados de sementeiro, que
linda polo levante con terras do igrexario desta freguesía. Non obstante,
nesas mesmas datas, Francisco Conde, do lugar de Queis, no seu testamento pide ser
soterrado dentro da igrexa parroquial desta freguesía de Montaos, na sepultura
de xunto ao coro, e que se pague todo a costa dos seus bens. Na actual
igrexa de Santa Cruz, ninguén recorda nin ten oído falar de que tivese coro,
nin que se enterrase no seu interior.
Persoas maiores,
afirman terlles escoitado aos seus antepasados, que no lugar da actual igrexa
de Santa Cruz, en tempos moi antigos houbo unha capela da Virxe do Carme, e que
a Igrexa Parroquial estaba na Fonte Fonxán, en Ribadas, ao pé do Camiño Grande,
que viña de Senra, Santo Tomé e Beán, preto do Camiño Real. Tamén pode suceder
que sexa ao revés, e que a capela estivese na Fonte Fonxán e a igrexa no actual
emprazamento. Dun xeito ou doutro, a actual igrexa de Santa Cruz non é moi
antiga. Se estivo decote no emprazamento actual, foi reformada ou reedificada,
nos séculos XVII ou XVIII.
Unha proba de que
ou a Capela do Carme, ou a primitiva Igrexa Parroquial existían neste lugar, é
que nunha escavación que se fixo hai uns anos para construír un panteón, apareceran
dúas moedas de prata, unha con data de 1579 e a outra de 1598.
Victorino Cores Liste
No hay comentarios:
Publicar un comentario