lunes, 3 de enero de 2022

Parroquia de Ordes


  A parroquia de Ordes localízase na zona centro do concello, lindando ao norte con Mercurín e Buscás, ao leste con Poulo, ao sur con Pereira e Montaos, e ao oeste con Parada.
  Segundo a páxina web do concello ten 18,62 km². Con esas cifras é a segunda parroquia máis grande, só superada por Ardemil.
 
  A súa orografía mostra unha suave pendente de norte a sur. A cota máis alta (366 metros) está ao noroeste, preto do núcleo do Alto, mentres as terras máis baixas (algo menos dos 250 metros) están ao sueste, ás beiras do río Cabrón. Este río, que fai as funcións de límite parroquial polo extremo leste, é o máis importante, seguido do seu afluente, o rego Mercurín (augas abaixo recibe o nome de rego da Fraga), que baña o centro da parroquia e pasa pola vila. Polo oeste pasa o rego do Valado que se xunta co rego de Cestaños na parroquia de Montaos.
 

  A principal vía de comunicación, determinante na historia municipal, é a N-550, que percorre a parroquia de norte a sur. Na vila cruza enlazando coa AC-413, que ven de Trazo, e coa AC-524, que vai a Lanzá. Hai un vasto entramado de pistas que unen o centro cos diversos núcleos. Estes son 29, aínda que na práctica algúns xa están absorbidos pola vila. A zona noroeste é a máis deshabitada.  
  Os usos do solo atópanse determinados pola distribución espacial dos núcleos, con predominio dos pasteiros na zona sueste, que da paso ao arboredo a base de coníferas e eucaliptos nas proximidades da autoestrada. Polo extremo noroeste, hai predominio do arboredo, salpicado por pequenas extensións de pasteiros nas proximidades dos núcleos.
 

  As cifras de poboación son, por suposto, as máis altas do concello. Só o núcleo urbano de Ordes (máis de 6.100 habitantes) aporta case tanta cantidade de residentes como as outras 12 parroquias xuntas. Algo máis de 1.400 habitantes teñen o resto dos núcleos, sendo as Casillas, Merelle, Reboredo e o Casal (máis de 600 habitantes entre os catro) os seguintes en importancia. No ano 2021 a cifra total foi de 7.628 habitantes.
 
  LUGARES: O Alto, Ceidón, A Fraga da Galiña, Raxide, O Balado, O Bidueiro, O Conde, Gosende, Reboredo, O Casal, Darefe, Merelle, O Regueiro, As Casillas, O Empalme, O Mesón de Deus, Sar, A Castiñeira, A Espenica, ORDES, O Castro, A Fábrica, Penelas, Vilar, Vilaverde.

 

  Na vila están os principais equipamentos e tamén os puntos de interese: a Casa do Concello, a igrexa de Santa María co seu cruceiro e a Alameda, aos que hai que engadir, desde o ano 2009, o parque do Río Mercurín. Tamén hai unha boa cantidade de murais. Fóra da vila pero case pegado a ela está o restaurante "Mesón de Deus", unha antiga casa de postas con importancia histórica, e no lugar do Bidueiro, a uns 2.500 metros ao oeste da vila, pódese ver un notable pazo que data do século XVII.
 

  A parroquia de Ordes estivo poboada desde a antigüidade como testemuña a presencia do castro de Ceidón e o castro do Casal.    
  Na Idade Media pertenceu á Terra de Montaos que o rei Alfonso VII doou á Igrexa compostelá en 1124.
  No Antigo Réxime, antes de que se crearan os concellos modernos, Ordes formaba parte da xurisdición de Folgoso. Non había apenas diferencia cos lugares da contorna, pois en 1607 Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" informaba que tiña 44 fregueses (arredor duns 198 habitantes dos 2.600 que terían as 13 parroquias en conxunto), sendo a 7ª en poboación xunto coa de Parada.
  No século XVIII, polo Catastro del Marqués de la Ensenada de 1749, sabemos que a situación era ben distinta: xa era a parroquia máis densamente poboada pois contaba con 90 veciños, os mesmos que a parroquia de Ardemil que tiña maior extensión. En 1764 comezou a construción do Camiño Novo (actual N-550) que afectaría profundamente á historia da parroquia no futuro.
  1836 é a 2ª data máis importante da historia de Ordes: a vila foi nomeada capital do concello e tamén de partido xudicial, o que implicaba ter todo o persoal asignado ao xulgado, avogados e procuradores, notaría, rexistro, correos e logo telégrafo... A partir deste momento a historia da parroquia confúndese coa do concello.
  En 1867 Ordes acada os seus lindes actuais coa anexión da Fraga da Galiña, Guindibóo de Arriba (que pertencían a Pereira), Sar e a Espenica (que pertencían a Poulo).
  Para unha visión máis completa, preme en HISTORIA DE ORDES.

No hay comentarios:

Publicar un comentario