En febreiro de 2022 apareceu o Atlas da mortalidade por cancro en España e Portugal,
un estudo feito con datos dos dous países recollidos entre 2003 e 2012, e que
mostran curiosas diferenzas xeográficas nalgúns tipos de cancros.
PRÓSTATA
É o cancro máis diagnosticado entre os homes, e o 3º en mortalidade. Os factores que
afectan ao desenvolvemento deste tipo de cancro aínda non están claros e non se
atopou evidencia científica de ningún axente carcinóxeno específico. Inflúen a
historia familiar, factores xenéticos e a obesidade, xunto ao consumo na dieta diaria de certos elementos como calcio, carne e graxas. Hai unha zona con alta
porcentaxe de afectados na fronteira entre as provincias da Coruña e
Pontevedra.
PÁNCREAS
É o oitavo cancro
máis diagnosticado, pero 3º en mortalidade en España. O factor máis determinante é o tabaco, aínda que se inclúen outros
condicionantes, como a pancreatite crónica ou hereditaria, algunhas
alteracións xenéticas, obesidade e diabetes, ademais do exceso de consumo de
alcol, carnes procesadas, fructosa e graxas saturadas. En Galicia, A Coruña e
Vigo, coas súas áreas de influencia, son as máis afectadas. O cancro de páncreas é o
que maior exceso de risco presenta en Ferrolterra, Eume e Ortegal. A
probabilidade de mortalidade tamén é alta na área do Barbanza.
LARINXE
Non é tan frecuente, pois ocupa o 20º posto en diagnóstico e o 18º en mortalidade. O exceso de
mortalidade obsérvase exclusivamente en homes e asóciase co consumo excesivo de
tabaco e de alcol. Incide en todo o norte de España: en Cantabria, en Asturias
e en zonas do norte de Castela e León. En Galicia as áreas máis afectadas son
as do oeste da comunidade. O mapa revela un exceso do risco de mortalidade no
Ferrol, Narón e algúns municipios da ría ferrolá. Tamén é alta a incidencia nas
comarcas de Soneira, Fisterra e Arousa. En Cambio non é
frecuente na Galicia interior.
ESÓFAGO
En España este tipo de cancro
ocupa o posto 21º entre os máis diagnosticados. O Atlas describe un exceso de risco de
morte entre os homes por este tipo de cancro no norte da Península. Están
relacionados co desenvolvemento deste tumor o estilo de vida e algúns hábitos
ou comportamentos, como un alto consumo de tabaco e alcol. Tamén inflúen outros factores,
como a obesidade e o baixo consumo de froitas e vexetais. En Galicia as áreas
máis afectadas son as maís occidentais.
ESTÓMAGO
O Atlas suxire a existencia de factores ambientais que inflúen para
ambos os dous sexos, como infeccións por Helicobacter pylori, o tabaco,
traballos relacionados coa produción de caucho, exposición a asbestos e
radiación ionizante. A zona na que se aprecia un maior risco de mortalidade
está en Portugal, pero tamén se estende por Galicia na área máis próxima á
fronteira con este país.
No mapa inferior podedes ver o risco deses 5 tipos concretos de cancro
na comarca de Ordes. Se clicades na ligazón podedes comparar datos co estudo do Sergas do ano
2019.
No hay comentarios:
Publicar un comentario