A parroquia
de Mercurín está situada ao noroeste do concello de Ordes, entre Lesta e Leira.
A súa extensión é de 11,09 km² segundo a páxina web oficial do Concello, pero
outras fontes outorgábanlle 14,37 km².
  Todo o seu
territorio supera os 300 m
de altura pero é máis elevado na súa zona central chegando ás súas cotas máis
altas aos 437 m no Alto do Faro e aos 428 no Monte de Mercurín.
  Numerosos cursos
fluviais teñen o seu nacemento nestes outeiros, como o rego da Uceira, o de
Pepín, o de Lesta, o de Loureda e o regato Mercurín que é o que pasa pola vila
de Ordes.
  No sur da
parroquia, onde se concentra a poboación, abundan os prados que dan paso ás
matogueiras no noroeste, para ir mesturándose co arboredo cara ao concello de
Cerceda.
  Hai 16
lugares habitados, todos agás Pepín e Perra, no cuadrante sueste da parroquia. A súa densidade
de poboación é escasa (roldando os 20 h/km²), a menor do concello xunto con
Lesta e Barbeiros. Na primeira década deste século baixou dos 300 habitantes (niveis dos anos 70 do século XIX). No ano 2021 a poboación era de 251 habitantes.
| 
   LUGARES: Carracedo, O Cruceiro,
  Guntín, A Igrexa, Mañufe, Pedre, Pepín, Perra, O Piñeiro, A Poza, O Seixo, O
  Souto, Tras o Río, Trasmil, O Vilar, Zampaño. 
   | 
 
  Conta con
fermosas paisaxes ao longo do regato Mercurín, coa igrexa parroquial de San Clemente e un notable cruceiro barroco do século XVII no antigo campo da festa.
  Aínda que San
Clemente (23 de novembro) é o patrono da parroquia, a festa máis importante é a de Santa Lucía
que se celebra o Luns de Pascua en primavera. Tamén o 2º domingo de setembro celébrase o Santísimo Sacramento.
  Mercurín
estivo habitado desde tempos prehistóricos como testemuñan o castro de Souto non lonxe da igrexa e o do Piñeiro preto da Portela.
  No Antigo Réxime a parroquia pertencía á xurisdición de Folgoso e era de señorío do Conde de Altamira
a quen pagaban impostos. 
  No século XVII, nas "Memorias
del Arzobispado de Santiago" (1607) de Jerónimo del Hoyo aparece o seu número de veciños que eran 28 (uns 126 habitantes),
só por enriba dos 20 veciños que tiña Lesta. No ano 1666 consta
unha confraría dedicada ao Santísimo Sacramento e a Santa Lucía.
 
Segundo o Catastro del Marqués de La Ensenada do século
XVIII xa había 49 veciños, dos que só 4 eran "pobres de
solemnidade" -na parroquia de Ordes eran un terzo-. Tamén había 4 muíños e
unha soa taberna que rexentaba Eusebio Seoane.
 
O "Catastro" xa mencionaba a existencia de montes comúns, 1.300
ferrados de terreo dos que 80 eran de 1ª calidade, 600 de 2ª e 620 de 3ª.
  A principios do século XIX o Diccionario Geográfico-Estadístico de Miñano fala de 38 veciños (199 habitantes). O Diccionario de Madoz en 1848 menciona 53 veciños (259 habitantes). O clima era "sano si bien se experimentan fiebres inflamatorias". Producía produtos agrícolas (centeo, trigo, legumes, pastos e combustible) e gando vacún, cabalar e lanar. Tamén había caza de perdices, lebres e xabarís. Como industria había 2 muíños fariñeiros e algúns teares.
  En 1876 a poboación de Mercurín era de 299 habitantes (máis que na actualidade). A finais do século XIX e principios do XX, moitos lugares de Mercurín pertencían á familia Batanero. 
| 
    Manuel Batanero Montenegro
  foi diputado polo distrito de Ordes en 1864. Manuel Batanero Flórez, o seu
  fillo, morreu en 1936. Finalmente Manuel Batanero Maseda, o neto, herdou as
  propiedades de Mercurín pero, como vivía en Madrid, delegaba os seus asuntos
  no apoderado compostelán Leis Carlés. 
   | 
 
  A principios do século XX o
alcalde pedáneo era Domingo Gestal, o
párroco don Manuel Torres e a mestra Elvira Troche. Tamén había un
zapateiro que era Juan lópez. En 1928 Mercurín tiña 355 habitantes que vivían en 36 casas (18 de planta baixa e 18 con piso).  
  O século non lle sentou ben á parroquia, cada vez máis pobre e illada: as
estradas daban pena, pero o máis indignante era que, mentres que a
electricidade chegou á vila a mediados dos anos 20, algúns lugares de Mercurín
estiveron sin ela... ata finais dos anos 70!!! Os mozos doutras parroquias
chamábanlles "crouchos" -espigas inmaduras e pequenas- a pesar de ser
tan brutos coma os demais.
 
Mesmo as súas mulleres se manexaban ben nas liortas: en abril de 1961 doce veciñas apedraron a obreiros do Patrimonio Forestal que entraron no monte Inxerio para repoboalo. Afortunadamente foron absoltas.
 
A partir dos anos 80 Mercurín foise equiparando co resto das parroquias do
rural ordense. Aínda así segue sendo coñecida por cousas negativas: o alto
índice de suicidios (4 nunha mesma familia!) ou algún terrible accidente (3
membros da familia Gómez atropelados) en agosto do ano 2011.
| 
   PÁRROCOS E ENCARGADOS DA PARROQUIA  | 
 |
| 
   Juan Ignacio Recarey Bermúdez (finais do século XVIII ata 1816)  | 
 |
| 
   Antonio Rodr. Carnicero 1817-1843  | 
  
   Pedro Calvo Lema 1843-1862  | 
 
| 
   José Antonio Pena 1862  | 
  
   Manuel Martínez 1862-1897  | 
 
| 
   Manuel da Torre 1897-1907  | 
  
   José Carrillo 1909-1922  | 
 
| 
   Jesús Castro Naya 1922-1927  | 
  
   Emilio Regueiro 1927  | 
 
| 
   Juan Pena 1927  | 
  
   Diego Pereira 1927  | 
 
| 
   Juan Simal Fernández 1927-1940  | 
  
   Ramón Pérez Rajoán 1940-42-47  | 
 
| 
   Lino Caramés García 1942-1946  | 
  
   Ramón Seco Pérez 1961-1962  | 
 
| 
   J L Bermúdez de Castro Ozores 62-67  | 
  
   Manuel Regueira López 1967-1987  | 
 
| 
   Paulino Rodríguez Guerra 1987-1988  | 
  
   Santiago Miramontes 1988-1991  | 
 
| 
   Albino Verdía Arcay 1991  | 
  
   
  | 
 



No hay comentarios:
Publicar un comentario