Pereira
localízase ao sur do municipio de ordes. Linda con Montaos ao oeste, Ordes e
Poulo ao norte, Barbeiros ao nordés, a parroquia orosá de Marzoa ao leste e
Beán ao sur. Segundo a páxina web do Concello ten unha superficie de 6,64 km², o que fai dela a parroquia de
menor tamaño, tres veces máis pequena que a maior, Ardemil. En tempos antigos a Fraga da Galiña (Ordes) e outros
territorios pertenceron a Pereira e a súa extensión era duns 11,2 km².
A orografía presenta unha suave pendente, con
cotas que van dos 345 m
ao leste, preto de Folgoso xa no límite coa parroquia de Marzoa, ata os 248 m ao leste na confluencia
do rego da Ponte Ribeira co río Cabrón, ambos os dous os principais
cursos fluviais da parroquia.
A zona oeste, a máis fértil, concentra a
maioría dos núcleos de poboación e unha franxa de cultivos e de pastos próximos
a eles, para dar paso ao arboredo de eucaliptos e coníferas mesturado con
pequenas áreas de matogueira, sobre todo nas proximidades da autoestrada e cara
ao oeste, entre os núcleos da parroquia de Montaos e Pereira.
Os seus 16
núcleos (máis de 2/km²) concéntranse, como xa se dixo, na metade oeste,
especialmente preto do rego da Ponte Ribeira, mentres o leste só ten o
solitario núcleo de Folgoso.
No extremo oeste pasa a N-550, co núcleo de
Guindibóo, e dela parte unha pista que chega a Beán. Xunto con outra que sae da
N-550 a
carón da Casa da Pradera e leva á Calle de Poulo, son as dúas principais vías
de vertebración. Polo leste a AP-9 crúzaa pero non afecta para nada á
parroquia.
No ano 2000 a poboación
roldaba os 360 habitantes pero foi descendendo progresivamente (agás algunha
pequena subida en 2011) e no ano 2021 era de 313 habitantes (o que ven supoñendo unha densidade duns 47 habitantes/km²). O maior núcleo é Guindibóo de Arriba con 80
habitantes, seguido de Folgoso e a Igrexa, mentres outros como o Espiño (0), Pecenín (1) ou os Carabelos (3) están case despoboados.
LUGARES: Os Carabelos, O
Carballo, A Casanova, Cercedo, A Eirexe, O Espiño, Folgoso, Guindibóo de
Arriba, A Lamela, O Ludiño de Abaixo, O Ludiño de Riba, O Mendo, Pecenín, A
Poza, A Rúa, Soutozar.
|
No núcleo da Eirexe están a igrexa de
Santa Aia co seu cemiterio parroquial e o campo da festa cun notable cruceiro e a antiga escola unitaria,
hoxe local social. A uns 250
metros ao sueste está a casa da familia Bello, historicamente a máis rica da parroquia, na que
podemos admirar un interesante hórreo.
Uns 570 metros
ao sur da igrexa hai unha vella ponte medieval cruzada polo Camiño Inglés.
Pereira celebra a festa do Corpus Christi e Sacramento e a da súa patroa Santa Eulalia o 10 de decembro, pero a máis tradicional é no comezo da primavera, o luns de Pascua, a da Divina Pastora, imaxe especialmente venerada na parroquia.
Pereira estivo poboada desde a antigüidade
como testemuña a presencia do Castro de Casanova. Tamén debeu ser o lugar máis
romanizado de todo o concello porque no entorno do castro, preto da igrexa
parroquial, atopáronse, sen ter feito unha excavación organizada e meticulosa,
numerosos restos romanos, proba de que alí
debeu haber un núcleo habitado de certa entidade.
Na Idade Media pertenceu á Terra de Montaos que o rei Alfonso VII doou á Igrexa
compostelá en 1124.
No Antigo Réxime, antes de que se crearan os concellos modernos, Pereira
formaba parte da xurisdición de Folgoso que abranguía 21 parroquias
(171,5 km2). Hoxe esas
parroquias están distribuídas en tres concellos distintos: 9 en Ordes, 5 en
Frades e 7 en Oroso. As outras catro parroquias de Ordes xa pertencían á
veciña xurisdición de Mesía, máis extensa porque contaba con 47
parroquias en total.
En 1607 Jerónimo del
Hoyo nas "Memorias del
Arzobispado de Santiago" informa que Pereira tiña 35 fregueses (arredor duns
157 habitantes dos 2.600 que tería o concello), só por riba de Mercurín e Lesta.
No século XVIII, polo Catastro del Marqués de la Ensenada de 1749, sabemos que Pereira tiña máis de 50 veciños e que producía trigo, centeo, millo, millo miúdo, mazás, liño... e había as especies de gando habitual na zona: vacas, ovellas, porcos e cabras.
En 1828,
segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de
Sebastián de Miñano (considerado non demasiado fiable), Pereira xa tiña 66
veciños -330 habitantes- e pagaba de contribución 2.700 reais.
En 1849 (21 anos
despois) o Diccionario de Madoz baixaba estas
cifras a unhas 50 casas e 42 veciños -228 almas-. Tamén informaba que a igrexa
dependía da parroquia de Montaos que era a súa matriz. Producíase centeo,
millo e trigo, gando vacún, lanar e cabalar. Había caza e pesca e dous muíños
fariñeiros.
En 1876 a súa
poboación era de 345 habitantes (máis que na actualidade). Pouco despois, en 1880 restaurouse a igrexa sendo párroco
don Eugenio
Girón.
Nos comezos do século XX hai un incendio en 1906
no que morreu Antonia Calvo. Neses tempos o párroco de Montaos Antonio Duro
Cotón tamén atendía a parroquia de Pereira. Os contribuíntes máis importantes
eran Francisco Bello Suárez, Antonio Gaudeoso Ferro, Francisco Rey Presedo,
Antonio Lata Juncal...
En 1928
Unha pelexa entre Francisco Bello
Pérez e Francisco Veiras Botana remata coa morte deste último. A República foi un momento de florecemento das asociacións agrarias. Pereira non foi unha excepción e a finais de 1933 había un par de organizacións, unha co poético nome de "Redención del Campesino". A Guerra Civil rematou con isto pero non afectou á parroquia tanto
como a outras e non houbo represaliados entre os seus veciños.
No ano 1940 unha epidemia de viruela obrigou a pechar temporalmente a escola.
Ao longo do século XX Pereira foi perdendo
poboación como todo o rural ordense.
No hay comentarios:
Publicar un comentario