A parroquia de Barbeiros localízase ao leste do municipio, lindando cos concellos de Frades e Oroso. Ao norte linda con Buscás e Vilamaior, ao leste con Poulo e ao suroeste con Pereira.
A súa superficie segundo a páxina web do concello é de 9,62 km² (aínda que outras fontes dábanlle 13,7), o que supón o 6,1% do total municipal, bastante por debaixo da media.
A súa orografía caracterízase pola abundancia de suaves pendentes. As maiores alturas están no noroeste da parroquia, na zona de acceso á autoestrada, chegando a cota máis alta aos 379 m. Ao leste na ribeira do río Samo están as terras máis baixas que aínda así non descenden dos 289 m. Precisamente é o río Samo, que nun par de tramos fai as funcións de límite municipal, o máis importante da parroquia. O nordeste está bañado polo seu afluente o río Buxán, mentras no oeste nace o rego dos Muíños do Cubo, subafluente do Cabrón e por tanto xa pertencente á extensa cunca do Lengüelle.
A estrada que parte da AC-524 (a altura da "Tienda O Peñasco") de norte a suroeste en dirección Folgoso é a principal vía de vertebración municipal. No seu percorrido están 13 dos 14 núcleos de poboación da parroquia (o máis afastado, Fondo de Aldea, só dista dela 500 m). Tamén determina os usos do solo, porque as súas marxes están dedicada ás praderías mesturadas con extensas leiras de millo. Polo contrario a zona oeste, pola que discorre a autoestrada, é o reino das matogueiras con máis arboredo canto máis ao sur.
A poboación é escasa e decrecente (é a 2ª parroquia menos poboada, só por riba de Lesta). Roldaba os 220 habitantes en 2021 (pouco máis de 20 h/ km²) repartidos en 14 núcleos, dos que o máis poboado é Coruxo (42), seguido do Cruceiro (30). Ningún dos outros chega aos 20 habitantes.
LUGARES: A Aldeiña, Os
Baltares, Bieites, Coruxo, O Cruceiro, Fondo de Aldea, Os Lagos, O Loureiro,
Os Mandaios, Meixónfrío, Os Pardos, O Pedrouzo, O Peñasco, Ramil, O Uzal.
|
Conta con bonitas paisaxes a carón do río Samo. No núcleo do Cruceiro están a igrexa de Santa María, o pequeno cruceiro e a reitoral.
A festa principal é a de Santa Eufemia en setembro, pero algúns anos tamén se celebran festas na honra da Virxe do Carme en xullo.
A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os castros de
Baltares e Uzal e a medorra dos Mandaios.
Na Idade Media, citada como "furcam de Barbeyros" (forca de
Barbeiros), aparece na carta de doación da metade da
Terra de Montaos que fixo o rei Alfonso VII á Igrexa
compostelá en 1124.
No Antigo Réxime Barbeiros pertencía á xurisdición de Folgoso. En 1607
Jerónimo del Hoyo nas "Memorias
del Arzobispado de Santiago" informa que tiña 35 veciños (uns 157
habitantes), os mesmos que Pereira e só por enriba de Mercurín e Lesta.
No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII
os habitantes declararon ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban
impostos. Había uns 52 veciños que
cultivaban coles "gallegas", trigo, centeo, millo, millo
miúdo, mazás, liño...
En 1826 o Diccionario
de Miñano reduce as cifras de veciños a 37 (145 habitantes) que
producían centeo, patacas e liño xunto co gando. 20 anos despois, en 1846,
o Diccionario de Madoz (máis fiable) subía o número de veciños a 48 (246
habitantes -máis que na actualidade-). Di que cultivaban centeo,
trigo, millo e vide ademais de gando e caza. Tamén informa de que había un par
de boas fontes de auga e dous muíños fariñeiros por toda industria.
En 1876 os habitantes eran case 300. O ano seguinte acaeceu un crime:
Antonia Rey Blanco foi asasinada na súa casa por Miguel Blanco, Ignacio
Calviño, Antonio Suárez e Dominga Porro. Eses anos finais do século XIX foi
párroco don Ramón Louzao Fernández. Xa
había escola (con soldo de 250
pts anuais) e algunhas das súas mestras foron Clotilde
Amor del Río e Francisca Platas Piñeiro.
Curiosamente, a pesar da súa pouca importancia, a parroquia deu nome ao Arciprestado
de Barbeiros, división relixiosa, que comprendía 36 parroquias actuais (22
matrices, 13 filiais e Pasarelos que estivo suprimida un tempo), 2 de Cesuras,
12 de Frades, 11 de Mesía, 3 de Ordes e 8 de Oroso.
Case toda a primeira metade do século XX, de 1906 a 1948, a parroquia tivo como
párroco a don Jesús Freiré Furelos,
que grazas á voda da súa sobriña Concepción Cea con José Pérez, estaba emparentado
coa rica familia Pérez.
En 1904 Barbeiros foi noticia porque se comentou que un famoso ladrón
fuxitivo, Gumersindo Lazaré, se agochaba na
parroquia.
En 1918 constituíuse un sindicato agrario católico do que foi presidente
Pedro Pérez Souto. Este morrería en 1927 e o seu enterro foi o evento máis
concorrido de Barbeiros en moito tempo. Eses anos Antonio Botana Ramos de
Coruxo estivo implicado en diversas liortas con armas de fogo. En 1928
construiríase a nova escola. Tamén ese
1928, en outubro, constituíuse unha organización campesiña, "Mancomunidad Agraria" de Barbeiros, cuxos
estatutos serían aprobados en 1933. En 1934 chegaría o mestre Lisardo Castro Amor.
Barbeiros sufriu no Alzamento menos ca outras
parroquias e non tivo que lamentar mortes entre a súa veciñanza. Despois dos
duros anos da posguerra foi perdendo poboación como todo o rural ordense.
En 1948 morre o sacerdote Freiré con 85 anos. Nos anos 70 comezou a concentración
parcelaria e houbo unha mellora xeral dos camiños. En 2009 (case 40 anos despois!) estaba rematando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario