miércoles, 1 de abril de 2020

Parroquia de Lesta


  Lesta localízase ao noroeste do concello (do que é a parroquia máis occidental), lindando con Cerdeda e Tordoia. Ten forma de cabeza de león vista de perfil -Mercurín sería a melena-.
  Segundo a páxina web do Concello ten unha superficie de 9,38 km² (o 6% do total municipal), que a sitúa por debaixo da media (12,08 km²) e só por riba dos 6,64 km² de Pereira, a parroquia máis pequena.

  A altura do territorio vai en suave descenso de norte a sur. No norte están as terras máis elevadas que superan os 400 metros (na fronteira con Cerceda achamos o lugar máis alto da parroquia: Fonte Fría, que alcanza os 416 metros). No suroeste están as zonas máis baixas coincidindo co curso do río Lengüelle, que atravesa a parroquia ao longo de 2 km (máis outros 500 m facendo fronteira con Tordoia), e que nela ten dous afluentes pola esquerda: o rego de Lesta e o rego de Reboredo.
  No extremo suroeste atopamos o encoro de Vilagudín, de gran importancia ecolóxica.
  Os usos do solo vense condicionados por esta orografía predominando os bosques de eucaliptos nas zonas máis altas do norte, cambiando ás matogueiras cando o terreo descende, e aos pasteiros e praderías preto dos núcleos de poboación e nas terras máis baixas.

  A principal estrada é a AC-413 (Carballo-Ordes), que percorre a zona centro con orientación noroeste-sueste e que, nas proximidades da parroquia de Parada, enlaza coa DP-5902 (que vai ata Pontepedra, por Gorgullos). O resto son pistas locais fundamentais para a comunicación parroquial.
  Ten 13 núcleos que non se reparten de forma homoxénea, porque 12 deles están na zona centro, ao leste do rego de Lesta e ao norte da AC-413. O suroeste só ten un solitario núcleo, o de Vilagudín, pero é o máis poboado da parroquia sobrepasando as 40 persoas.
  A principios do século XXI a poboación era de 271 habitantes pero sufriu un forte descenso. No ano 2021 tiña 189 habitantes, a menor cantidade de todo o concello, sendo a súa densidade de 21 habitantes/ km².
 
LUGARES: Os Abeneiros, A Agrela, Agromaior, A Altiboia, O Camiño, O Couto, A Cruz, Del, A Igrexa, O Pazo, As Pereiriñas, Vilagudín, Xermiñás.
 
  No núcleo da Eirexe está a pequena igrexa de Santo André, un estilizado cruceiro, un notable hórreo que data de 1940 e o local social da Asociación de Veciños. Pouco máis de 200 metros ao norte no núcleo da Cruz está o Bar "La Cruz".   
  As mellores paisaxes están na contorna do encoro de Vilagudín na que ademais pódense divisar gran número de aves acuáticas.


  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan o castro de Reboredo preto do Couto e o das Medorras preto da Igrexa.
  No Antigo Réxime Lesta pertencía á xurisdición de Folgoso (da que era a parroquia máis occidental). Nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" (1607) de Jerónimo del Hoyo figura con 20 veciños (uns 90 habitantes), sendo a menos poboada de todas as que conforman o actual concello. No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declaran ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Nesa época contabilizábanse 34 veciños (49 casas das que 15 eran inhabitables). Había varios artesáns e ningún "pobre de solemnidade". O sacerdote era o de Santalla de Gorgullos. Producían coles "gallegas", trigo, millo, millo miúdo, mazás e herba. 

  No século XIX, en 1828, segundo o Diccionario Geográfico-Estadístico de Sebastián de Miñano, Lesta só tiña 26 veciños con 121 habitantes. En 1847 (19 anos despois) o Diccionario de Madoz, aínda que mantiña as 26 casas, aumentaba un pouco a poboación ata os 28 veciños e 146 habitantes. A parroquía seguía dependendo da de Gorgullos. Engadía que o terreo era de mediana calidade e os montes estaban pouco poboados. Producía millo, centeo, patacas, algo de trigo e poucas legumes. Había gando vacún, cabalar e lanar, caza de perdices, lebres e xabarís, e pesca de troitas. As únicas industrias eran a agrícola e os muíños fariñeiros (dos que non precisaba número).
   En 1876 a poboación de Lesta era xa de 235 habitantes. A parroquia estaba agora anexa a San Clemente de Mercurín.

  Lesta comeza o século XX sendo unha das poucas parroquias que non tiñan escola. No ano 1908 a poboación era de 299 habitantes, o alcalde de barrio era Manuel García e o sacerdote don José Troitiño. Nos anos 20, sendo alcalde de barrio Francisco Raña, os veciños solicitan repetidamente a escola. En 1925 o cura ecónomo de Mercurín don José Pena Cortizo, recolleu sinaturas para unha instancia ao gobernador civil precisando que os propios fregueses construirían o edificio para o que xa fixeran acopio de materiais e roturado o terreo. Por fin, en 1928 (cando a parroquia contaba con máis de 310 habitantes que vivían en 35 casas), inaugúrase a desexada unitaria, sendo o seu primeiro mestre Andrés Barreiro Ramos. Unha das súas mestras nos 40 foi Mª Concepción Carreró Cercedo doña Maruja Carreró. A actividade educativa duraría 75 anos ata o 2003 en que foi suprimida por escaseza de alumnos.
  Nos anos 30 chegou o asociacionismo agrario á parroquia, sendo aprobados en outubro de 1933 os regulamentos da "Unión Campesina" de Parada e Lesta. Posteriormente a parroquia non sería das zonas máis afectadas pola Guerra Civil.
  Despois das penurias dos anos 40 e 50, a principios dos anos 60 chegou a electrificación. A empresa de Jesús Romero Calvo proporcionou electricidade a varios lugares de Lesta desde 1961. En 1965 sería absorbida por FENOSA.
  A finais dos anos 70, antes da construción do encoro de Vilagudín, houbo un conflito entre a empresa FENOSA e os veciños da zona. En xaneiro de 1979 tiveron lugar os maiores incidentes que se saldaron con multas a 8 veciños. Posteriormente, en maio asinouse o acordo definitivo con maiores indemnizacións polas terras compradas.


  No século XXI Lesta volveu a ser noticia pola oposición veciñal á instalación dun parque eólico.


  Ah! Problemente o nome de Lesta ven da gramínea así chamada: (Anthoxanthum odoratum).

No hay comentarios:

Publicar un comentario