sábado, 31 de octubre de 2020

Parroquia de Parada

 
  Parada localízase ao oeste do concello, entre o municipio de Tordoia e a parroquia de Ordes. Limita con Lesta e Mercurín polo norte e Montaos polo sur. 
  A páxina web do concello dalle unha superficie de 11,21 km² (o 7,1% de todo o concello) por debaixo da media municipal. 
  A súa orografía caracterízase pola suavidade do seu perfil. Hai un descenso de altura xeral de norte a sur. As cotas máis altas están no noroeste roldando os 365 m, e as máis baixas no sur, coincidindo co límite municipal determinado polo Lengüelle, con 236 m. Este é o río principal e rega a zona oeste mentres polo leste discorre o rego de Cestaños, que augas abaixo enlaza co río Cabrón
  Preto dos núcleos atopamos cultivos e praderías de extensión media que dan paso a grandes masas de arboredo composto de coníferas e en menor medida de eucaliptos, máis característicos da zona sur. Cara ao noroeste, antes das zonas forestais, atopamos amplas extensións de matogueira. 


 
   Aínda que a AC-413, que vai de Ordes á Silva, con orientación sueste-noroeste, é a estrada de maior categoría, a DP-5904, que enlaza coa anterior á altura do núcleo do Empalme e que continúa con dirección suroeste cara ao veciño concello de Tordoia, é a que ten máis importancia para os habitantes de Parada. As pistas que parten dela cara ao norte son as principais vías de vertebración.
  Os 13 núcleos da parroquia non se distribúen de forma homoxénea. Só hai dous na zona norte: Cestaños e Castenda. O resto localízase nunha estreita franxa desde o centro ata o sur. 
  A poboación, que  a finais do século XX superaba os 350 habitantes, descendeu en número e no ano 2021 era de 283 habitantes.
 
LUGARES: A Agrela, A Carballeira, Castenda, O Castro, Cestaños, A Estación (Pontraga), As Fontenlas, O Pazo, A Ponte Quinín, Rebordelos, O Rego, O Valiño.
 
  Tanto a igrexa de Santa Mariña co seu cruceiro e cemiterio como a pista polideportiva localízanse no Pazo, polo que podemos consideralo como núcleo principal. Tamén está a chamada Casa Grande co seu enorme hórreo. No núcleo de Cestaños hai unha pequena e encantadora capela dedicada a San Pedro e na Pontraga está a antiga estación ferroviaria construída a principios dos anos 30. Tamén hai aloxamento alí desde 2010 en que se rehabilitou a Casa da Maquía
  A presencia do río Lengüelle fai que esta parroquia sexa unha das que conte coas paisaxes máis fermosas de todo o concello.
 

  Cabeza Quiles cre que o topónimo ven do latin e significaría "lugar de descanso" entre montes ou antigas pousadas viarias. 
  Parada estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os numerosos castros que hai na parroquia.
  No Antigo Réxime Parada pertencía á xurisdición de Folgoso. A principios do século XVII nas "Memorias del arzobispado de Santiago" (1607) de Jerónimo del Hoyo, Parada aparece con 44 veciños (uns 198 habitantes), os mesmos que a parroquia de Ordes. 
  No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declaran ser de señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Nesa época contabilizábanse 62 veciños en 63 casas. Había varios artesáns, entre eles o zapateiro Domingo de Raña, e ningún "pobre de solemnidade". Antes de 1773 naceu o personaxe máis importante da parroquia: Isabel Zendal.
 
  Xa no século XIX, en 1849, segundo o Diccionario de Madoz, os veciños eran 56 e os habitantes chegaban a 882 en 60 casas. Engadía que o clima era "benigno y con buena ventilación" e producía centeo, millo, trigo e algunhas legumes. Criaba gando cabalar, lanar, vacún e algúns porcos, e cazábanse perdices, lebres e xabarís. A única industria eran tres muíños fariñeiros. En 1862 foi restaurada a igrexa, acadando o seu actual aspecto. A finais de século a parroquia dependía da de Numide, tendo un único cura que era don Manuel Ovelleiro. A súa sobriña Joaquina sería asasinada en 1902, crime famosísimo na época. 
 
  A principios do século XX Parada sobrepasaba por pouco os 300 habitantes. En 1911 eran 337, sendo alcalde pedáneo Andrés Franqueira e o mestre Julio Caamaño Fariña. Había un rico propietario que era Manuel Recouso Calvo (1870-1915) e, como non, o dono da "Casa Grande", Balbino del Valle, que vivía en Chantada pero que viña a miúdo á súa propiedade e financiaba as festas na honra da Virxe do Carme. Posuía un terzo da parroquia porque as súas terras alcanzaban as 400 hectáreas de superficie!
  1927 é un ano clave na historia de Parada: comezan as obras do ferrocarril. O trazado da liña pasa pola parroquia e ademais gozará dunha estación que se construirá a principios dos anos 30 na Pontraga. A chegada dos "carrilanos" (como eran chamados os traballadores do tren) espalla as novas ideas republicanas e esquerdistas. Froito diso é a constitución en maio de 1932 da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada" que en xullo presumía de 400 asociados e estaba dirixida por Jesús Raña e José Ascaso Hermesto. Tamén chegou a violencia: pronto houbo problemas entre os asociados e os non asociados producíndose atentados con bombas contra a casa de José Moure Noya ese mesmo ano e contra a máquina debulladora de Pedro Pampín del Río en 1933, ademais doutros incidentes menores. En outubro de 1933 foron aprobados os regulamentos da "Unión Campesina" que tamén incluía aos agricultores da parroquia de Lesta.
 
  O Alzamento de 1936 tinguiu de sangue a parroquia. Na estrada de Carballo, no lugar coñecido como "Pinar da Torre" apareceron mortos o fotógrafo Francisco Barreiro Permuy e o "consumeiro" Germán López Pérez, ambos os dous veciños de Betanzos. Antonio Ríos del Río, entón de 29 anos, foi procesado por delito de auxilio á rebelión. Jesús Liste Remuiñán (1910-1991), militante socialista e concelleiro durante o goberno municipal da Fronte Popular, que exerceu tamén como mestre de barrio e membro do Sindicato Galego Labrego, pasou 6 anos agochado para logo emigrar clandestinamente a Sudamérica, regresando 10 anos máis tarde e formando familia en Parada. 
  Peor parado saiu José Ríos Gómez Ríos da Pontraga (1912-1947), natural do Outeiro (Poulo) pero criado na Pontraga, foi xulgado en Compostela por rebelión pero despois de saír do cárcere exerceu de enlace coa 4ª Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, polo que foi detido e brutalmente torturado ata que se suicidou tirándose ao pozo do cárcere de Ordes. José Remuiñán Barreiro, o Ricardito, despois de saír do cárcere ingresou no Exército Guerrilleiro de Galicia, formando parte da 4ª Agrupación, e foi un dos máis destacados integrantes ata a súa morte en 1949 en Pazos (Monfero). 
 
  En 1943 inaugurouse a liña férrea, o que a pesar das penurias da posguerra, fixo da Pontraga un lugar destacado en todo o concello.
 
  En palabras de Manuel Soneira: A estación entre os anos 40 e pico e 60 e tantos tiña moita vida pois había traballo, tanto na propia estación para carga e descarga como nas industrias que apareceron con ela: 2 ultramarinos-taberna-casa de hóspedes que ao lado tiñan sendos almacéns de viño, abono, sal... un "complexo" con serradoiro, maquía e ferraxería, 2 panaderías (unha tamén despachaba viño), 1 ou 2 serradoiros mais, 1 estanco-taberna, 1 barbería-taberna, a cantina da estación, unha minifábrica de bloques, 1 carpintería, 1 zapatería de confección e reparación, 2 xastres e varias costureiras (ou modistas). Ademais os empregados de RENFE: 1 xefe, 2 ou 3 factores, 2 ou 3 gardaagullas, 1 encargado da auga, 10 ou 12 obreiros. Da outra banda do que xa é a Pontraga había unha taberna-bodega-casa de comidas, outra taberna fábrica de gasosas e "boliches" e outra maquía. Máis tarde houbo outra taberna, 1 carpintería, etc. Tamén daban traballo algúns compradores de madeira que cargaban na estación e os vendedores ambulantes que paraban e comían por aquí. Aínda me quedou unha carnicería na outra banda do rio, (o que lle chamabamos Portugal). Antes do ano 40 non había máis que a casa de Boquete da Grela de Abaixo.
 
  Pouco a pouco a importancia do tren foi caendo e toda esa actividad esmoreceu ata desaparecer.
  No ano 1959 inaugurouse o local da escola en terreos cedidos por Balbino del Valle. Nela estudaron os rapaces da parroquia ata finais da 1ª década do século XXI en que quedou para local social.
  Desde o ano 2010 celebrouse durante uns anos, organizada por diversas organizacións nacionalistas, a "Festa da República Galega" na vella estación ferroviaria.

No hay comentarios:

Publicar un comentario