Unha das peculiaridades da igrexa de Santa Cruz de Montaos é a
presenza dun escudo no muro norte do presbiterio (a zona do altar). A súa posición non é demasiado rechamante polo que
pode pasar perfectamente inadvertido para un visitante ocasional.
Do escudo, en relevo e policromado, non se
sabe a súa antigüidade. Pénsase que a igrexa foi reformada a principios do
século XIX, hai case 200 anos. Non obstante a zona do presbiterio parece ser
máis antiga, como a ábsida, así que a idade do escudo podería ser aínda maior.
Como
podemos ver, é redondo (unha forma non moi habitual) e está adornado na súa
parte exterior por curvadas pólas de videira das que nacen dez follas e seis
acios. Na parte superior un helmo de cor verde (sinople en xerga heráldica) con tres adornos na súa cimera e
mirando cara á esquerda. Tradicionalmente pensábase que se o helmo miraba á
dereita significaba fidalguía, e se o facía cara á esquerda era sinal de
bastardía (un fillo ilexítimo), pero probablemente os canteiros non tiñan tales
coñecementos e a posición do helmo tranquilamente podía ser aleatoria ou
mirando cara á porta do pazo ou da igrexa, o que pode ser o noso caso.
O
escudo propiamente dito ten 3 cuarteis. No
superior hai un piñeiro flanqueado por dez lanzas, cinco a cada lado. Son as armas da
familia Caamaño, moi importante na
zona e que tamén están no escudo da capela de Codeseda e nos que hai no pazo do
Bidueiro e na Casa Grande de Parada.
O
tronco do piñeiro prolóngase cara abaixo e serve para delimitar os outros dous
cuarteis. No da dereita hai seis círculos (roeles
en xerga heráldica) que son as armas da familia Castro. Realmente son de cor azul (azur) pero penso que probablemente sexa unha licenza do pintor. No
cuartel da esquerda hai un león rampante dourado que suxeita un escudo (con 3
cuarteis tamén). O león é un dos animais máis
utilizados en heráldica. Por exemplo, un león dourado representa á familia
Graña e un león dourado con tres frechas na man á familia Lavandeira. Non obstante aquí alude á familia Mariño, pois noutros lugares o pequeno escudo que porta o león leva as ondas azuis caractéristicas desa linaxe.
Segundo Victorino Cores Liste é unha variante usada polos Caamaños de Montaos, familia procedente de Noia, onde tiñan moitas posesións e capela de enterramento na igrexa de Santa María de Noia. Un deles casou con dona Margarita Prego de Montaos, dando orixe a unha rama entroncada cos Bermúdez, Castro, Moscoso, Riobóo, Mariño e outros.
Velaquí un debuxo do escudo bastante detallado.
Para máis información sobre heráldica das familias galegas:
Este mismo escudo está también en la fachada de la casa de los rapelas
ResponderEliminarInteresante. Descoñecía ese dato.
Eliminar