Buscás é unha parroquia interior case no
centro do concello pero algo escorada ao leste. Linda con Leira e Ardemil polo norte,
con Vilamaior polo leste, con Poulo e Barbeiros polo sur e coa parroquia de
Ordes polo oeste.
Ten unha superficie de 13,24 km² (8,4% do concello), o que a sitúa como a cuarta parroquia máis extensa,
detrás de Ardemil, Ordes e Leira.
O terreo vai descendendo de leste a oeste. A
zona máis alta está ao nordeste no Chacareo (414 m) preto das Uzás,
mentres que as cotas máis baixas (268
m) están nas ribeiras do río Cabrón.
Precisamente o río Cabrón, que discorre de norte a sur polo oeste da parroquia, é a
base da súa rede hidrográfica porque o centro de Buscás está cruzado polos seus
afluentes o rego do Cabo e o rego das Penelas. Só as terras máis orientales
pertencen a outra cunca distinta, a do Samo, pois están regadas por un
subafluente deste, o rego Castrexo.
A principal vía de comunicación é a estrada
que comeza no Mesón de Vento (Ardemil) e entra polo nordeste, realizando un
xiro de case 90º á altura das Uzás desde onde colle dirección suroeste e logo
sur (seguindo nalgún tramo o antigo Camiño Inglés) para rematar nunha rotonda
da AC-524 Ordes-Lanzá.
Os cultivos e pasteiros abundan no ámbito
máis próximo aos núcleos de poboación, que maioritariamente ocupan este eixo
vial. Vanse mesturando coa matogueira, sobre todo nas zonas máis elevadas ao
norte. Por último as plantacións forestais son máis abundantes cara á zona
leste da parroquia e máis concretamente en paralelo á A-9.
A poboación,
que no ano 2000 era de 545 habitantes, mantívose e mesmo subiu ata os 557 en 2012, pero logo baixou en 2021 a uns 500,
concretamente 502 habitantes, sendo
por tanto a súa densidade de pouco máis de 37
h/km2. Estes números fan que Buscás sexa a 5ª parroquia máis poboada (despois de Ordes,
Ardemil, Montaos e Leira).
Os seus habitantes residen en 26 núcleos (2ª parroquia despois
de Ardemil e 3ª con máis densidade de núcleos), localizados de forma preferente na
beira da estrada que mencionamos antes, agás algúns como Faramilláns ou a
Tiopeira, sendo a Aruxiña e Carballedo, nas proximidades da A-9, os máis illados.
O fértil val do oeste (próximo tamén á N-550) ten a maior densidade de poboación,
de feito os núcleos da Rúa, Esmorís e Vilariño
concentran o 30 % dos habitantes totais.
LUGARES: O Aneiro, A
Aruxiña, A Bouciña, A Canle, Carballedo, A Casavella, Castenda, Cernadas, Esmorís,
Faramilláns, A Gorita, Os Lameiros, A Margarida, O Monte, A Pereira, O
Pereiro, O Pumariño, As Pombas, Ponte, O Quenllo, Os Ramos, A Rúa, A Tiopeira, Trabes,
As Uzás, O Verdeal, Vilariño.
|
Na Rúa - Verdeal localízanse os equipamentos:
a igrexa parroquial de San Paio (a
máis importante artisticamente do concello), o campo da festa coa antiga escola
unitaria -agora local social-, o cruceiro
a carón da Casa rural Dona María, e
os dous bares: o tradicional Bar A Rúa e o Café-bar Novo.
No núcleo da Bouciña está a antiga Reitoral e
a capela de San Xosé. Na Cruz de Pedra hai un curioso cruceiro. Tamén son interesantes de ver os muíños como os do
Pereiro e o de Vilariño. Aquí tedes algunhas vistas de Buscás.
As fértiles terras de Buscás estiveron habitadas desde a antigüidade como podemos
deducir pola existencia do Castro da Ameixeira e o Castro de Buscás apenas a 100 m ao norte da Rúa, a capital parroquial, o
que demostra de paso o continuismo do poboamento ao longo da historia. Na Idade Media formou parte da Terra de Montaos que o rei Alfonso VII doou á Igrexa
compostelá en 1124. Nesa época
construíuse a fortaleza de Buscás,
preto da Rúa e do Camiño Inglés, da
que hoxe só queda o lugar, moi apropiadamente chamado Agra da Torre. Probablemente o achado dunhas moedas mediavais (Tesouriño de Buscás) nos anos 60 do século pasado ten relación con esa fortaleza.
No Antigo Réxime, O Coto de Faramilláns, que tiña uns tres km de leste a oeste e un de norte a sur, era independente de Buscás e tamén era unha
parroquia de seu -Santa Eulalia de Faramilláns- (aínda que a súa matriz era Buscás
e compartían o mesmo crego). Xunto con Ardemil, Leira e Poulo, Buscás pertencía á
xurisdición de Mesía, mentres as outras parroquias ordenses formaban parte da
de Folgoso.
En 1607
o cardeal Jerónimo del Hoyo nas "Memorias del Arzobispado de
Santiago" citaba a Ardemil e Buscás, ambas as dúas con 63 veciños (uns
283 habitantes), como as máis poboadas do que logo sería o concello de Ordes,
aínda que As Encrobas con 110 superábaas dentro do Arciprestado de Berreo de
Arriba. En 1687 foi construída a capela de San Xosé na Bouciña.
No século XVIII, polo Catastro del Marqués de la Ensenada sabemos que Buscás seguía tendo 63 veciños que cultivaban centeo, millo, millo miúdo, liño, nabos e coles "galegas". Tamén había gando das especies habituais e varios muíños fariñeiros. A taberna da Rúa pertencía a Juan Martínez pero vendían viño e tabaco Juana Rodríguez e Antonia Sánchez (esta no Vilariño). Os veciños da freguesía e couto de Faramilláns (só 8) declaraban ser de señorío de D. José Pimentel, Marqués de Bóveda (afincado na cidade de Ourense) a quen lle pagaban a "Luctuosa". O sacerdote de Buscás, D. José del Riego atendía ambas as dúas parroquias.
A mediados do século XIX,
o Diccionario de Madoz (1846)
dicía que Buscás tiña 42 veciños -230 habitantes- e Faramilláns uns sorprendentes 40 -226
habitantes-, que as terras producían millo, centeo e trigo e que había tres
muíños en Buscás e un en Faramilláns. A familia máis rica xa eran os Moar, que viñeran de Gonzar (O Pino). De feito nese tempo era alcalde de Ordes Domingo Moar Méndez, o que se negou a asinar para fusilar na vila ao militar Miguel Solís (mártires de Carral). En 1867 prodúcese a fusión de Faramilláns co resto da parroquia.
A principios do século XX, Buscás xa unificado tiña uns 570 habitantes (1910). O
sacerdote era Eugenio
Girón Murías (que está soterrado diante da porta da igrexa) e o alcalde
pedáneo Daniel
Rivas. Tamén
había un par de comerciantes de gran, os Uzal, e un zapateiro que era Lorenzo Boga. O avogado Domingo Antonio Moar Veiras, irmán do alcalde Antonio Moar, foi un personaxe sumamente importante ata a Guerra Civil. Por certo que nese ano de 1910 houbo unha violenta liorta nas festas de San Paio. En
1914 comezou o seu pastorado un novo párroco, don Manuel Martínez Iglesias, que duraría ata
1969. En 1928 a poboación de Buscás era de 676 habitantes (a 10ª máis poboada de toda a comarca).
A Guerra Civil non foi especialmente dura coa parroquia que non se viu
afectada pola represión tanto como as veciñas.
Na 2ª metade do século XX Buscás foi mellorando as comunicacións e servizos pero perdendo poboación como todo o rural ordense. Desde 1969 houbo un novo párroco: Manuel Otero Rodríguez, moi apreciado polos veciños.
No hay comentarios:
Publicar un comentario