martes, 16 de julio de 2019

Parroquia de Beán


  Beán é a parroquia máis meridional do concello de Ordes, de feito é unha especie de península en territorio de Oroso co que linda polo leste, sur e oeste, mentres que ao norte faino coa parroquia de Pereira.
  Ten unha superficie de 10,30 km² (6,6% do total municipal). A súa orografía é accidentada en termos xerais, de suave pendente na zona norte e máis acusada na sur, coincidindo co límite municipal.
  Segundo a páxina web do Concello de Ordes a súa cota máis alta é o Coto das Canicas (346 m) no noroeste, pero unha mirada ao Mapa Topográfico Nacional dinos en cambio que a zona máis alta está ao sur da parroquia con unha altura de 361 m no lugar da Areosa. A zona máis baixa está ao suroeste, na Chousa de Varela (262 m), confluencia do límite municipal co río de Ulloa, que augas arriba recibe o nome de rego de Cacheiro. A zona leste está bañada polo rego do Outeiro e o rego do Pumar, afluentes do río Samo, que serve de fronteira con Oroso nun pequeno tramo de case un quilómetro de lonxitude.
  Nas ribeiras están as mellores terras de cultivo, praderías e pastos e, por tanto, tamén están os pequenos núcleos de poboación, a maioria deles concentrados na estrada que enlaza Vilasuso coa parroquia de Vilarromarís. O resto do territorio está ocupado maioritariamente por grandes extensións de arboredo e algunhas matogueiras cara ao leste.
  Os 10 núcleos  -0,97 por km²- (moi por debaixo da media municipal de 1,8) acumulan unha poboación en claro declive. No ano 2000 eran 345 os habitantes, 13 anos despois a parroquia xa baixou dos 300 e no ano 2021 a poboación era de 248 habitantes. 
 
LUGARES: Aldea de Abaixo, Cercedo, A Ermida, Fonte da Viña, A Igrexa, Nouche, Pontellos, A Regueira, O Souto, Vilasuso.
 
  No núcleo da Igrexa atópanse os equipamentos como o campo da festa e a antiga escola unitaria, así como o conxunto de igrexa, cemiterio, cruceiro e casa reitoral (local social da parroquia desde o ano 2010), que, sen ser nada excepcional, si merecen unha visita (especialmente a reitoral coa súa harmónica combinación de cantería baixo as fiestras e pedra miúda do país no resto).
  Por certo que no lugar da Ermida, como o seu nome indica, existiu ata arredor do ano 1700 unha capela dedicada a San Silvestre, propiedade das monxas do convento de Santa Clara. Hoxe non quedan restos e no lugar hai unha casa particular.


  O topónimo Beán podería vir quizais de *(villa) bedana "Vila do foso".
  A parroquia estivo habitada desde a prehistoria como testemuñan os castros de Nouche, Souto (desaparecido), Vilasuso e Fonte da Viña, este último a menos de 400 m ao nordeste da igrexa.
  Na Idade Media pertencía á Terra de Montaos que Alfonso VII doou no ano 1124 á Igrexa de Santiago. No documento aparece nomeada: "et vadit per stratam de Beiam" (indo pola estrada de Beán). No século XIV un documento do ano 1333 testemuña que nesa época xa existía a ermida de San Silvestre.
  No Antigo Réxime Beán pertencía á xurisdición de Folgoso (da que era practicamente o centro xeográfico). No século XVII polas "Memorias del Arzobispado de Santiago" de Jerónimo del Hoyo, sabemos que tiña 48 veciños (uns 216 habitantes), os mesmos que Poulo e por enriba de Ordes e Montaos. No Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII os habitantes declaran ser do señorío do Conde de Altamira a quen lle pagaban impostos. Nesa época había 67 veciños (66 casas e outras dúas arruinadas), sendo naqueles tempos a 4ª parroquia máis poboada. Tamén había 5 muíños e unha taberna que pertencía a un tal Juan Pereiro. Producían centeo, millo, millo miúdo, trigo e liño.
 
  O século XIX ten peores datos. En 1828, segundo o Diccionario de Miñano, Beán tiña 53 veciños (222 habitantes) e producía centeo, liño, pastos e gando. En 1846 (18 anos despois) o Diccionario de Madoz reducía esa poboación a 50 veciños (204 habitantes). Engadía que era "un llano cercado de montañas, con buena ventilación y clima sano, si bien acometen fiebres inflamatorias" e que producía millo, trigo, centeo e patacas, gando vacún, lanar e cabalar ademais de caza (perdices, lebres e xabarís). Os muíños fariñeiros, a única industria, eran nese momento 6.
  En 1876 a poboación subira ata os 371 habitantes.
  En 1880, ampliouse a igrexa, sendo sacerdote don Andrés Quintáns López (m.1883), quen xunto co seu sobriño Andrés Míguez Quintáns (m.1912) está soterrado no adro.
 
  A principios do século XX Beán foi noticia en 1912 por un homicidio que cometeu Antonio Mosquera Vázquez na festa do Carme. En 1917, outra vez na festa do Carme!, morreu o mozo de Calvente Santiago Amor Botana dun garrotazo na cabeza. En 1928 a parroquia tiña 339 habitantes (453 de dereito) que vivían en 69 casas -34 dunha planta e 35 con piso-. Nouche era a principal aldea e nela vivían 116 persoas.
 
  En 1932 volveu a ser noticia pola bomba que os veciños lle puxeron ao mestre Martín Pan Atañes e, en 1934, polo crime onde morreu Pedro García. A posguerra saldouse coas mortes de Manuel Balado e Rufino Garaboa en 1948. Ese mesmo ano chegou á parroquia o sacerdote de Santa Baia de Losón don Plácido Rodríguez Rodríguez (1918-2001) que estaría nela 54 anos! ata a súa morte.
  Coa democracia e as eleccións Beán foi sempre un bastión do PP, que logrou acadar nunha ocasión o 88 % dos votos. Como anécdota, os militantes do BNG chamaban á parroquia "Territorio Apache".
  No século XXI saltou á fama a cantante Tania Veiras, agora o personaxe máis coñecido de Beán.

2 comentarios:

  1. Lo siento pero se olvido de mencionar San Sivestre, en la aldea de la Ermida..donde existio una capilla, asta el año 1700.gracias.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Non é que me esquecera, é que non coñecía ese dato. Pronto modificarei o artigo. Moi agradecido pola información. Un saúdo.

      Eliminar