Nos anos 90 a movida foi espectacular
en Ordes e todo o mundo, agás os residentes no Campo da Feira, estaba contento:
os mozos, porque tiñan diversión á porta da casa, os pais, porque estaban máis
tranquilos sabendo que os fillos non tiñan que saír da vila, e os demais porque
unha gran morea de cartos entraba no concello cada fin de semana. Si, había droga e alcol polo medio, pero nada que non houbese tamén
noutros lugares, e, en cambio os incidentes eran mínimos.
Esta visión positiva cambiou completamente na primeira década do século
XXI a causa de dous fenómenos: o incremento da violencia e o botellón.
Nos 90 apenas houbo problemas pero, claro, aumentou o número de xente
(nalgún momento viñan autobuses ata de Vegadeo en Asturias) e por pura matemática
tamén ía aumentar o número de elementos nada recomendables que viñan no medio. O
primeiro aviso foi o máis dramático: xa no ano 1999 tivo lugar o asasinato dun
taxista santiagués por un cliente drogadicto que despois foi tranquilamente de
marcha cos cartos que lle roubou. Por fortuna non se volveu a repetir un feito
tan lamentable, pero os primeiros anos do século XXI estiveron cheos de
incidentes cada vez máis graves.
A Policía Municipal tivo que ser reforzada con axentes do Concello de
Arteixo para poder controlar aos usuarios da movida e aínda así non era quen de
evitar os numerosos actos vandálicos que se producían todos os fins de semana.
A principios do ano 2002, unha gran liorta involucrou a numerosos
mozos. En novembro dese mesmo ano un xoven de Sigüeiro levou tres navallazos
nunha pelexa e tivo que ser levado ao hospital. Este incidente deu que falar e
a movida empezou a ser vista con malos ollos. En febreiro de 2003 houbo outra monumental pelexa fronte
a LP na que participaron uns 200 mozos, principalmente do Birloque e de Monte
Alto, e que durou con intermitencias desde as 3 e media ata as 6. Os municipais
quedaron abraiados: «Poucas
veces temos visto isto: Chegamos cos uniformes cheos de cuspe e sangue». En
xaneiro de 2004, un mozo de Deixebre recibiu un navallazo ao mediar noutra pelexa e na
mesma noite un de Visantoña rematou co tabique nasal fracturado. Os catro
partidos políticos pecharon filas arredor da movida e aseguraron que tomarían
mediadas para facela máis segura, aínda que a afluencia non baixara a pesar de
todos estes incidentes.
O outro problema foi máis grave a nivel económico. Coa chegada do novo
milenio, tamén chegou unha nova xeración que empezaba a saír moito antes dos 18
anos, que tiña menos cartos (especialmente coa inflación do cambio da peseta ao
euro no 2002) e que atopou unha nova maneira de vivir o ocio nocturno: o
botellón.
Manuel López Cernadas, un dos
propietarios de LP, lamentaba que eses mozos culparan aos hostaleiros de
orixinar o botellón polo alto prezo da bebida:
«Me han llegado a decir "Manolo,
es que ponéis las copas muy caras", y yo me quedaba atónito. ¡Por favor,
no se puede decir eso! Lo normal es que, si bebes, tomes una o dos copas,
porque si no el bolsillo se resiente. Poner las copas tiradas de precio es lo
mismo que promocionar el alcohol. Además en los locales de fiesta te aseguras
de que solo se vende alcohol a mayores de edad, pero en el botellón no lo
puedes controlar».
Deste modo era unha estampa habitual naqueles tempos ver na zona dos soportais
da piscina unha morea de mozos con bolsas aos seus pés, bebendo e oíndo música
a través dos altofalantes dalgún coche tuneado. Posteriormente, cando xa ían
cocidos, desperdigábanse polos locais do Campo da Feira.
Estes non deixaran de aumentar. Houbo un momento no que nas dúas rúas a
totalidade dos baixos, agás tres, estaban ocupados por pubs ou bares.
A mediados da década Ordes seguía sendo o "epicentro da movida
coruñesa". Os incidentes fóronse controlando máis e moreas de mozos
continuaban invadindo a vila todos os fins de semana. Novos locais (ou antigos
remozados) atendían a esta multitude: Planet no Recreo, Chupitos, Copas, Scoita, Tibet, Up&down...
na Rúa do Muíño, Komik, Cartelera, Mueve, Tabú, Paparazzi, Colors, Tubos... na Rúa da Feira. Volvía a
haber certa variedade (Kopas, Colors e Tubos programaban máis música latina,
Barmacia destacaba polos seus preparados especiais e as súas gogós...), ata a
raíña nai LP45 abría de outubro a abril os domingos e traía orquestras como nos
vellos tempos para atender á clientela máis fanática do fenómeno verbeneiro que
nesa década comezou a resurxir.
Pero estaba claro que o gran
globo comezaba a desincharse. Os mozos que rebasaban os 30 anos cada vez saían menos, quedaban nas súas
cidades ou vilas evitando a N-550 (con controis permanentes da Garda Civil) ou
buscaban outros lugares máis tranquilos e acordes coa súa idade. As novas
xeracións que debían darlles o relevo chegaban con novos hábitos: saían cada
vez máis tarde das súas casas, quedando logo ata o amencer, e consumían menos
nos locais (coíncidiu o comezo da crise económica) porque moitos ían de
botellón antes.
Así que empezou a haber algo menos de afluencia e de facturación. A
proba definitiva de que as cousas ían mal foi cando en decembro de 2008 se
creou a Asociación de Hostaleiros de Ordes. Pero xa non había remedio. Foi como
o xogo das fichas de dominó, empezou a haber claros nalgún local e logo noutro
e así sucesivamente. No ano 2009 o globo desinchouse a toda velocidade, a
movida ordense atopou o novo competidor que a derrotaría: Santa
Comba.
Os locais de Santa Comba tiñan licenza de "tablao flamenco", é
dicir podían abrir ata as 5 da mañá. Pronto centenares de mozos abandonaron
Ordes e desprazáronse á capital do Xallas que herdou o rimbombante título de
"epicentro da movida". Ata 43 locais de Santa Comba chegaron a ter
este tipo de licenza. Algún dos empresarios de Ordes viu claro o que ía suceder
e montou "sucursais" dos seus pubs alí (como Tubos e Barmacia).
Outros clientes marcharon a Melide e os máis novos quedaban o domingo na Fashion de
Sigüeiro.
É fácil subirse ao carro e colaborar cando as cousas van ben, pero é moi
difícil reverter unha mala dinámica. Vendo o exemplo de Santa Comba os pubs de
Ordes decidiron seguir a mesma senda e pedir licenza de "tablao" para
poder pechar máis tarde. Unhas 20 foron concedidas, dándose o paradoxo de que había
máis "tablaos flamencos" entre Santa Comba e Ordes que en toda
Andalucía.
Pero foi de balde, a situación cambiou, pero para
peor. Agobiada
por esta inesperada competencia no ano 2012 pechou a alma mater da movida, a
propia LP45. En principio ía ser un peche parcial e
continuaría facendo eventos illados, pero estes eventos cada vez foron máis de
tarde en tarde. Os 5 partidos políticos de Ordes crearon unha comisión
"para a reactivación do ocio nocturno" pero foi inútil. Se os
empresarios dos pubs pensaban que podían sobrevivir sen o efecto chamada de LP
pronto se desenganaron.
No ano 2013 quedaban
9 locais que se xuntaron nunha asociación chamada "Movida Ordes" e consideraban
un éxito reunir mil persoas no Campo da Feira (e iso cando organizaban un
evento). O globo pinchara completamente.
O peche definitivo de LP e a súa conversión nun plató televisivo no ano 2016, foi o triste e retrasado
epitafio a aquelas dúas colosais décadas de xigantesca movida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario