domingo, 19 de marzo de 2017

Autobuses "La Regional"

  Sobre o 1900 empezaron a funcionar os primeiros autobuses de vapor en Galicia facéndolle a competencia ás dilixencias. Había tres liñas: A Coruña - Santiago, O Ferrol - Betanzos e Ourense - Verín.
  Todas as empresas fracasaron en pouco tempo.
  Non obstante apareceu un home que cambiou a situación. Foi o innovador Antonio Sanjurjo Badía (Sada 1837 - Vigo 1922). En 1903 adquiriu nunha subasta os autobuses da empresa compostelá e despois os de Verín e Ferrol. Logo levounos aos talleres da súa fábrica de fundición "La Industriosa" en Vigo e alí someteunos a un proceso de transformación para melloralos e adaptalos.
  Tamén formou mecánicos e condutores galegos (non había ata o momento) e montou dous talleres en Santiago e Coruña para resolver as avarías máis sinxelas.
  Todos os autobuses concentráronse nunha soa liña, Santiago - Coruña, co que sempre había vehículos dispoñibles en caso de problemas.
  O 20 de xuño de 1906 inaugurouse o servizo que foi un completo éxito e que acabou coa obsoleta Ferro-carrilana.
  A compañía, dirixida polo seu fillo, Manuel Sanjurjo Otero, contaba en principio con 10 autobuses a vapor chamados "Coruña-Santiago", "Vigo-Pontevedra", "Mondoñedo-Lugo", "Orense-Verín", "Carral", "Órdenes", "Villa de Sada", "Tuy", "Ferrol" e "Galicia".

 
   Pero Sanjurjo non se conformou con iso. Seguiu investigando, viaxando ao estranxeiro e traendo novos autobuses en 1910, agora xa a bencina: "Augusto G Besada", "Patria", "España" e "Montero Ríos". Todos eles con 10 asentos máis 6 en berlina chegaban a facer a viaxe entre Coruña e Santiago en tres horas e cos seus 60 cabalos de forza posuían unha fiabilidade nunca vista ata entón.
 
 
 
  O garaxe de Santiago estaba na Praza das Penas (Plazuela de la Peñas) e no taller anexo traballaban uns 20 operarios. O de Coruña estaba na rúa Francisco Mariño e taballaban uns 15 operarios.  Para mellorar a calidade do servizo tamén había unha toma de auga en Ponte Lago e un restaurante en Ordes pertencente á compañía.
   Así foi como os autobuses empezaron a dominar a paisaxe ordense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario